Pedro Campos Calvo-Sotelo, nado en Cuntis o 6 de marzo de 1950, é un regatista galego, o máis laureado de España e un dos máis laureados do mundo. Foi 17 veces campión do mundo e 10 veces campión de España en diferentes modalidades de vela, ademais de conquistar ata en 11 ocasións a Copa do Rei de Vela, sendo o regatista con máis títulos desta competición.

Desde 1999 é o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e director deportivo do equipo Team Telefónica.

Traxectoria

É fillo de Marcial Campos, empresario do mundo dos balnearios, e de Enriqueta Calvo-Sotelo, irmá do que fora presidente do goberno, Leopoldo Calvo-Sotelo.

Aos tres anos comezou a navegar co seu pai nun galeón pola ría de Arousa, e posteriormente ingresou no Real Club Náutico de Sanxenxo. Adxudicouse o seu primeiro título nacional na clase Snipe en 1968, en categoría xuvenil, e en 1970 proclamouse campión de España de Vaurien, título que conseguiu de novo en 1971, 1972, 1973, 1974, 1976 e 1978. En 1976 sumou tamén ao seu palmarés o campionato de España de 470.

O seu primeiro cetro mundial chegou en Mónaco, onde conquistou xunto a Juan Santana o Mundial de Vaurien en 1976. Tras varias pratas mundiais nos seguintes anos, en 1990 conseguiu de novo un título mundial, esta vez na clase de 3/4 de tonelada. Revalidou o título catro veces nos seguintes catro anos, converténdose no único patrón da historia da vela mundial en logralo, e sumou ademais o título mundial de media tonelada de 1992.

Foi o patrón do primeiro equipo español que participou na Copa Louis Vuitton, na edición de 1992, buscando praza para a Copa América, co equipo Desafío Español do Monte Real Club de Yates de Baiona. Ademais, gañou co Bribón Telefónica Movistar a regata offshore na Admiral’s Cup de 2003, acabando a competición como o mellor español clasificado na historia da competición, cun segundo posto. En 2004 iniciou o proxecto do equipo Movistar para a Volvo Ocean Race 2005-06, repetindo con éxito na edición 2008-09. Foi ademais o patrón do Telefónica Negro nas regatas inshore da competición.

Ademais é o regatista con máis títulos da Copa do Rei de Vela, edición na que participou por primeira vez en 1986, a bordo do Atlántico. A súa primeira vitoria logrouna en 1993, xunto ao rei Xoán Carlos I no Bribón VIII. No ano 2017 proclamouse en Vancouver, xunto a Xoán Carlos, campión do mundo de 6 metros, na modalidade de clásicos, título que revalidaron en 2019 en Hanko, Finlandia.

Dende 1999 preside o Real Club Náutico de Sanxenxo.

Recoñecementos Durante todo este tempo recibiu numerosos premios e condecoracións, entre os que destacan a Medalla de Prata de Galicia en 1992, a Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo (máxima distinción deportiva en España), o Premio Nacional ao Mellor Regatista de 1999, o premio especial da Real Federación Española de Vela de 1999, o Premio Nacional ao Equipo do Ano en 2000 e 2001, o Premio Nacional de Vela como mellor patrón en 2002 e a Orde ao Mérito Olímpico e a Medalla Castelao en 2003.

Persoal Casou con Begoña Gil de Barroeta primeiro e con Cristina Franze despois, e ten dúas fillas. Mantén unha grande amizade co rei emérito Xoán Carlos de Borbón, xunto o que ten competido en numerosas ocasión.

Palmarés internacional +Campionato Mundial de Vaurien Ano Lugar Medalla Clase1976 Montecarlo OuroVaurien1979 Donostia PrataVaurienCampionato Mundial de 3/4 TmAnoLugarMedallaClase1985 Marstrand Prata3/4 Tm1988 Elba Prata3/4 Tm1990 Ouro3/4 Tm1991 Ouro3/4 Tm1992 Baiona Ouro3/4 Tm1993 Palma Ouro3/4 Tm1994 Santa Ponsa Ouro3/4 TmCampionato Mundial de 1 Tm Ano Lugar Medalla Clase1987 Kiel Prata1 TmCampionato Mundial de 1/2 TmAnoLugarMedallaClase1992 Ouro1/2 Tm1993 Baiona Prata1/2 TmCampionato Mundial de ILC-30AnoLugarMedallaClase1998 Baiona PrataILC-30Campionato Mundial de IMS/ORCAnoLugarMedallaClase2001 Valencia PrataIMS A2002 Baiona OuroIMS 6002003 Capri OuroIMS A2005 Neustadt OuroIMS 6002008 Lanzarote OuroORC 6702009 A Coruña OuroORC 6702015 Barcelona OuroORC BCampionato Mundial de Offshore por EquiposAnoLugarMedallaClase2004 Sardeña OuroOffshore2008 Sardeña OuroOffshoreCampionato Mundial de 6 metrosAnoLugarMedallaClase2017 Vancouver OuroClásicos2019 Hanko OuroClásicos

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Palmarés de Pedro Campos Arquivado dende o orixinal.

Categoría:Nados en Cuntis Categoría:Nados en 1950 Categoría:Medallas Castelao Categoría:Regatistas de Galicia Categoría:Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo Categoría:Directores deportivos de Galicia