Manuel "Manny" Sobral, nado en Gargamala, Mondariz, o 12 de setembro de 1968, é un ex-boxeador galego-canadense. Emigrado xunto á súa familia a Vancouver, foi campión do mundo de peso superwélter entre 1996 e 1997 e representou ao Canadá nos Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl.

Traxectoria Naceu na parroquia de Santa María de Gargamala, no concello pontevedrés de Mondariz, emigrando coa súa familia ao Canadá cando tiña uns seis anos. Creceu no leste de Vancouver, onde comezou a practicar boxeo aos 13 anos, despois de entrar nun ximnasio coa inteción de perder peso.

Iniciou a súa carreira como boxeador afeccionado e pasou a adestrar no Astoria Gym baixo a tutela de George Angelomatis. Conseguiu a clasificación para os Xogos Olímpicos de 1988 en Seúl, no peso wélter, onde quedou emparellado na primeira rolda co finlandés Joni Nyman, medalla de bronce nos Ánxeles 1984. Nyman levou a vitoria nos puntos (4-1) e Sobral quedou eliminado.

A pesar dos frutíferos números da súa carreira afeccionada (135 vitorias e 11 derrotas), non pensaba converterse en boxeador profesional, polo que se matriculou na universidade. Con todo, despois de graduarse e comezar a dar clases, botaba de menos o cuadrilátero, e en 1992 comezou a súa carreira como boxeador profesional. O seu primeiro combate como profesional enfrontouno a Curtis Greco, logrando a vitoria por KO técnico.

Tras acumular máis dunha ducia de vitorias e ningunha derrota, en decembro de 1995 loitou en Edmonton contra Del Rtichie polo título canadense de peso superwélter, logrando o triunfo por KO técnico. Case un ano despois, o 12 de decembro de 1996, enfrontouse a Aaron McLaurine no Pacific Coliseum de Vancouver, polo título mundial do peso superwélter, conseguindo derrotalo, e proclamándose así campión do mundo. Defendeu con éxito o título en marzo de 1997, fronte a Chris Weston, ao que derrotou por KO. En xuño do mesmo ano defendeu o título de campión canadense fronte a Tony Badea, logrando unha nova vitoria.

En xuño de 1999, despois de 26 vitorias como profesional, sufriu a súa primeira derrota, ao caer derrotado no sexto asalto contra Tony Badea, nun combate polo título do peso superwélter da Commonwealth no que pelexou cunha fractura de peroné dende o segundo asalto e no que acabou recibindo 60 puntos de sutura na cara. Disputou outros dous combates, o último deles no 2002, e deixou a súa carreira como boxeador cun balance de 28 vitorias e dúas derrotas.

Trala súa retirada do boxeo, continuou a súa carreira como mestre de escola, ademais de dirixir unha academia de boxeo en Burnaby.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do boxeador en olympedia.org .

Categoría:Nados en 1968 Categoría:Nados en Mondariz Categoría:Boxeadores de peso wélter Categoría:Boxeadores nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Galegos do Canadá Categoría:Boxeadores olímpicos do Canadá Categoría:Boxeadores de Galicia Categoría:Boxeadores de peso superwélter