A copa menstrual ou copa vaxinal é un recipiente que se insire na vaxina durante a menstruación para recoller o sangrado. O seu funcionamento consiste en xerar un selo que evita posíbeis filtracións. A diferenza doutros absorbentes internos, coma os tampóns, a copa non absorbe o fluído, senón que fica depositado até a súa extracción e baleirado. Está fabricada principalmente en látex ou silicona médica. Para garantir un correcto uso, cómpre hixienizar as mans ao introducila e retirala, non deixala colocada máis de doce horas continuas, e desinfectala ao principio e final do ciclo menstrual.
As primeiras patentes rexístranse dende 1867, mentres que os primeiros casos de comercialización déronse na década de 1930 nos Estados Unidos. Estes dispositivos comercializáronse de maneira intermitente durante o século XX até a década de 1980, co xurdimento da marca The Keeper. A copa menstrual pode adquirirse en máis de 99 países, malia que a taxa de uso segue sendo baixa.
En termos sanitarios, a copa menstrual é considerada un dispositivo seguro e aceptábel para a hixiene menstrual. Con todo, poden aparecer síntomas coma dor, irritación da canle vaxinal e lesións leves. Non se probou unha relación co aumento de enfermidades ou patoloxías específicas, como a síndrome de shock tóxico ou a endometriose. Porén, si se observaron beneficios, como unha menor taxa de candidiase e vaxinose bacteriana.
Polo seu carácter reutilizábel, a copa menstrual ten menor impacto ambiental cós produtos de hixiene descartábeis. A nivel económico, ten unha vida útil de até dez anos, malia que a súa adquisición pode supoñer un obstáculo en determinados sectores socioeconómicos. Existen trazos culturais que dificultan ou mesmo evitan o acceso a este dispositivo, especialmente en contornas que manteñen un tabú sobre a virxindade e a sexualidade feminina, ou onde a educación sexual, a xestión da menstruación ou as infraestruturas de saneamento son deficientes.
Historia
Século XIX esquerda|miniatura|Primeira patente coñecida de «saco catamenial», creada por S, L. Hockert e autorizada en 1867, Estados Unidos. O primeiro antecedente coñecido dun dispositivo afín á copa menstrual é o «saco catamenial», patentado en 1867 en Chicago, Estados Unidos, por S, L. Hockert. O invento consistía en cinco estruturas unidas de uso interno e externo. Dentro da vaxina colocábase unha especie de saco de goma e un anel que rodeaba o colo uterino e suxeitaba o saco, feito de goma ou outro material que Hockert consideraba apto. A este anel uníase un arame que percorría a canle vaxinal até saír ao exterior, curvábase cara a arriba e terminaba nunha almofada na parte baixa do abdome.
Todo o dispositivo sostíñase cun cinto atado sobre a cadeira. O saco podía ser o suficientemente longo para saír ao exterior polo orificio vaxinal, e dentro dela colocábanse esponxas para absorber o fluxo. Segundo a patente, o arame podía ser de prata ou «outro material adecuado», cunha lonxitude regulábel mediante un parafuso. A almofada era de prata, goma ou materiais similares.
Durante o século XIX seguiron a rexistrarse patentes de recolectores internos. En 1876, George E. Johnston inventou unha copa unida a un saco exterior en que se recollía o sangue. O distintivo era o sistema de dúas recámaras internas. Unha acumulaba o ar, o que permitiría que a copa se expandise dentro do corpo, e a outra, en contacto co cérvix, recollía a menstruación. Baixo a copa situábanse dous condutos: un, sen saída, para o ar, e outro para redirixir o fluído cara a un saco externo. O saco debía de atarse de xeito que resultase cómodo. En 1884, unha patente de Hiram G. Farr describía unha copa de metal, cun sistema de recámaras, unida a un apéndice oco e brando que levaría o fluxo cara a unha bolsa exterior. Un anuncio deste modelo apareceu na revista estadounidense American Druggist co nome de «soporte de útero».
En 1892, Julius J. Wernier rexistrou un colector menstrual regulábel mediante tubos telescópicos, o que permitía ser adaptado conforme a profundidade da vaxina. A copa e os tubos aos que estaba unida eran flexíbeis, e levaban o líquido a un receptáculo de goma ou tea impermeabilizada que se podía baleirar cando estiver cheo. Tres anos despois, Philip W. Dautrich patentou un saco tubular de dobre entrada., Este, introducido na canle vaxinal, sostiña o cérvix cun extremo en forma de anel groso, o cal saía ao exterior. Para evitar que se derramase o fluxo menstrual, o outro extremo dispoñía dunha pinza que se podía abrir para evacuar o contido. O aparello estaba provisto dun sistema de cintos que percorrían a cadeira e a entreperna, e o saco podía situarse cara a adiante, atrás ou de lado. En 1898, Seth Beach propuxo un dispositivo con forma de globo, cun colo alongado e cónico e un anel no extremo que rodeaba a entrada do útero. O interior tiña fendas que creaban cámaras para acumular o fluído.
Século xx Nas primeiras décadas do século XX, a maioría dos deseños centráronse en mellorar a estrutura interna. En 1903, Lee H. Mallaleiu describiu unha copa cun anel, un corpo flexíbel en forma de túnel e unha válvula cunha esfera para evitar derramamentos. En 1907 patentouse un pesario cun cabo firme como colector menstrual. Creado por Louise Nelson, describiuno como un tubo cunha capa externa de goma e unha interna de goma máis branda. No interior desta última coseríase unha esponxa para recoller o sangue. John Jorgenson propuxo en 1917 un modelo de metal con forma de cilindro oco e un extremo hemisférico pechado. Un ano despois, Lester E. Norquist patentou un aparello catamenial con forma de copa alargada, con aberturas laterais, que terminaba nun apéndice en forma de anel plano. Tamén recomendaba o uso dun material absorbente no interior do aparello, preferentemente unha esponxa. En 1928, Emil Spardel inscribiu unha copa encartábel unida a unha bolsa exterior mediante un cabo tubular.
Lester J. Goddard rexistrou en 1932 un «receptáculo vaxinal». A diferenza dos seus antecesores, este deseño, sen orificios, estaba fabricado nunha soa peza de caucho sintético brando que non debería de entrar en contacto co cérvix. Ese mesmo ano Charles F. Emery Jr. licenciou un modelo de aparello sanitario cunha embocadura, un corpo en forma de bolsa que recollía o fluxo e un remate de pinza dobrada para evitar fugas.A patente de Arthur F. Hagedorn, de 1935, baseada no modelo de Goddard, incluía un patrón sobre a cara externa para facilitar a suxeición ás paredes vaxinais. Tamén tiña modificacións no deseño do aro co fin de mellorar a distribución da presión do ar na canle vaxinal. Un modelo de copa con cabo en forma de botón foi rexistrado ese ano por John Robert Manegold.
Primeiros modelos comerciais Durante a década de 1930 comezou a produción das primeiras marcas comerciais. Algunhas eran a Daintette Cup, fabricada por The Dainty Maid Inc. en Middlefield, Connecticut, e a Foldene Cup, por Foldene Inc. en Cleveland, Ohio. Ambas tiñan un molde moi similar, mais variaban en cor e tamaño. En 1937, a inventora e actriz estadounidense Leona Chalmers patentou un modelo que, a diferenza dos anteriores, era de caucho vulcanizado e presentaba pequenas aberturas baixo o aro para liberar presión. Lanzou o seu produto baixo a marca Tass-ette, mais durante a segunda guerra mundial a carencia de caucho como materia prima prexudicou a súa produción.
A barreira cultural sobre a sexualidade feminina impedía incorporar métodos internos de xestión menstrual como as copas ou os tampóns, patentados e lanzados nesta década. Tamén existía preocupación sobre a seguridade destes dispositivos e a posibilidade de que «rompesen o hime, estimulasen sexualmente [a muller] e fomentasen a promiscuidade».
En 1950, Chalmers documentou un segundo modelo con cambios na composición do material. Desta volta empregábase caucho brando, que permitía maior flexibilidade no encartado, e mais aditivos para que a copa volvese á súa forma orixinal unha vez inserida. Outro punto característico era o patrón de liñas entrecruzadas e en forma de espiral sobre o aro e corpo da copa, o que garantía unha mellor succión. Outro modelo patentado na época foi o de Adele Gordon en 1952. Tratábase dunha «trampa catamenial», composta dunha copa de boca ampla e cónica que rodeaba o cérvix e o tramo superior da canle vaxinal. Deste xeito, recollía o fluxo menstrual nun saco.
Nesta época, Chalmers traballou co empresario Robert Oreck, quen fundou a compañía Tassette Inc. para comercializar o seu modelo de copa co nome de Tassette. A promoción do produto destacaba a sensación de «frescura» que brindaba e a súa forma «bonita». Publicitouse mediante anuncios na prensa, foi a primeira publicidade radiofónica dun produto menstrual nos EE. UU. con aval médico. Tamén se alugou un espazo en Times Square, co que se converteu no primeiro anuncio deste espazo neoiorquino dedicado a un artigo menstrual. Aínda que a copa logrou entrar no mercado, houbo certa resistencia á idea de lavar e reutilizar un dispositivo xenital e optouse polo uso do tampón descartábel. A revista especializada Obstetrics & Gynecology publicou unha serie de notas entre 1959 e 1963 que avaliaban o modelo de Chalmers e concluíu que «a copa probou ser segura, hixiénica e cómoda». Destacou os seus beneficios e a maior seguridade fronte a produtos como tampóns e compresas sanitarias.
En 1962, esta publicación realizou un estudo con 150 usuarias de copa menstrual. Incluíu exames pelvianos, uroanálises e hemogramas, con resultados favorábeis. Aconsellou, con todo, evitar utilizala en casos de prolapso uterino, útero retroverso ou en anteflexo con distancia curta de canle vaxinal,e avaliar o uso desta por persoas virxes. A revista recomendou nunha ocasión o sanitizado cunha solución débil de auga e cloro. A finais de 1963, Tasette Inc presentou dificultades económicas e retirou a súa copa reutilizábel do mercado.
En 1961, Warren E. Adams patentou un dispositivo catamenial descartábel con forma de saco fabricado en termoplástico flexíbel. O modelo, amais, incluía un aplicador en forma de tubo para facilitar a inserción. Un ano despois fíxoo Maurice E. Bakunin cun recipiente tubular, dobre recámara interna e un sistema de inflado. Entre os anos 1960 e 1970, o novo panorama social, relacionado coa revolución sexual e a aparición de anticonceptivos hormonais, forxou novos hábitos de consumo na xestión menstrual. Isto detectouse sobre todo na mocidade, que prefería os tampóns ás compresas. Entre 1965 e 1971, Barbara M. Waldron patentou dous deseños de copas baseados no de Chalmers, coa adición de catro nervaduras radiais para mellorar a suxeición. O primeiro era descartábel e incluía un aplicador, mentres que o segundo era reutilizábel. En 1974 patentouse un modelo que se podía empregar durante todo o período de xeito ininterrompido grazas ao seu sistema de válvula.
En 1969 Oreck refundou a súa empresa baixo o nome de Tassaway Inc. e lanzou á venda a copa Tassaway, a cal, a diferenza da súa predecesora, era descartábel. Isto permitíalle, por unha banda, unha mellor acollida por un público reticente a reutilizar un dispositivo menstrual, ademais dunha maior influencia de vendas ao ser constantemente substituídas. A nova estratexia comercial incluíu a aparición en revistas como Cosmopolitan ou Ms.Ebony, e o investimento en anuncios na televisión estadounidense. Deste xeito, converteuse nun dos primeiros produtos de hixiene menstrual en chegar á pantalla neste país. Tassaway Inc asinou un acordo de distribución nalgunhas cadeas de supermercados e farmacias, e mesmo chegou a Europa.