O dúo tradicional, ou dúo de gaita e tamboril, é unha agrupación musical galega formada pola gaita e o tambor.
Características
Na música tradicional galega a gaita foi, até o século XVIII, un instrumento principalmente solista. Así se deduce da revisión da iconografía histórica onde, de apareceren acompañados, os gaiteiros fano sempre por músicos de frauta e tamboril. Estes instrumentistas, documentados na Península Ibérica desde o século XII, tocaban unha frauta de tres furados xunto a un pequeno tambor que penduraban do pulso da man esquerda. É probábel que as referencias na documentación escrita da Idade Moderna os tamborileiros que tocaban xunto as gaitas, fagan referencia a este tipo de músicos. Estes acompañantes foron paulatinamente abandonando a frauta, conservando unicamente o tamboril, até orixinar o tradicional dueto de gaita e tamboril. Paralelamente ao uso deste pequeno tambor utilizouse tamén outro de maiores dimensións e orixe militar, que se penduraba do ombreiro cunha correa, ou da cintura cun gancho. Da evolución destes dous modelos de instrumento xurdiu o tambor moderno empregado hoxe para o acompañamento da gaita de fol en Galiza.
A aparición das bandas de música na sociedade galega de mediados do século XIX, introduciu na música popular nova instrumentación. Un destes instrumentos, a caixa, chegou a substituír case totalmente o tamboril, pasando a ocupar o seu lugar a carón do gaiteiro. Porén, o tambor foi mantido pola corrente folclórica galega iniciada polos coros galegos a fins dese mesmo século, e volveu a popularizarse na década de 1920 coa aparición dos cuartetos tradicionais, a imaxe dos gaiteiros de Soutelo. Hoxe en día é máis frecuente entre os grupos folclóricos o emprego do tambor que o da caixa, se ben esta goza cada vez de maior recoñecemento.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Tipos de agrupación musical Categoría:Música tradicional galega Categoría:Música de Galicia