Alberto Santos Dumont, nado en Palmira o 20 de xullo de 1873 e finado en Guarujá o 23 de xullo de 1932, foi un pioneiro da aviación, inventor e enxeñeiro brasileiro.

Santos Dumont foi o primeiro home en engalar a bordo dun avión, impulsado por un motor aeronáutico. Aínda que algúns consideran os irmáns Wright como os primeiros en realizar esta fazaña, debido á engalaxe que aseguraron realizar o 17 de decembro de 1903, Santos Dumont foi o primeiro en completar un circuíto preestablecido, baixo a supervisión oficial de especialistas na materia, xornalistas e cidadáns. O 23 de outubro de 1906 voou uns 60 metros a unha altura de 2 a 3 metros do chan co seu 14-bis, no campo de Bagatelle en París. En menos dun mes, repetiu a fazaña ante unha multitude de testemuñas, percorrendo 220 metros a unha altura de 6 metros. O voo do 14-bis foi o primeiro verificado polo Aeroclub de Francia, dun aparello máis pesado que o ar en Europa e posiblemente a primeira demostración pública dun vehículo que tomaba voo polos seus propios medios, sen ser propulsado. O 14-bis tiña unha engalaxe autopropulsada, polo que Santos Dumont é considerado pola comunidade científica e aeronáutica como o "pai da aviación".

Herdeiro dunha familia de prósperos produtores de café, puido estudar ciencia e mecánica en París. A diferenza doutros pioneiros da aviación da época, deixou os seus descubrimentos no dominio público e sen rexistrar patentes.

A casa onde naceu Santos Dumont, situada no concello de Palmira (hoxe chamado Santos Dumont na súa honra), a 240 km de Belo Horizonte e 220 km de Río de Janeiro transformouse no Museo de Cabangu. Tamén hai un pequeno museo sobre a súa vida e as súas fazañas na cidade de Petrópolis, onde Dumont tiña unha casa.

Traxectoria Primeiros anos e familia miniatura|esquerda|Casa natal de Alberto Santos Dumont, actual Museo de Cabangu Alberto Santos Dumont naceu na cidade de Palmira (Minas Gerais), sexto fillo do matrimonio de Henri Dumont e Francisca dos Santos. Os seus avós paternos eran François Dumont e Euphrasie Honoré, ambos de nacionalidade francesa. François viaxou ao Brasil en busca de pedras preciosas para o negocio de ourive que tiña o seu sogro. Alí tivo tres fillos, e morreu prematuramente. Henri Dumont formouse na École des Arts et Métiers de París, grazas á axuda do seu padriño, especializándose en enxeñaría. Ao regresar a Brasil, foi empregado traballando no servizo de obras públicas da cidade de Ouro Preto. Casou en 1856 con Francisca dos Santos, trasladándose a Palmira por mor das obras de construción do ferrocarril Don Pedro II (Central do Brasil), que unía Río de Janeiro co estado de Minas Gerais, asumindo a construción do tramo situado na Serra da Mantiqueira e instalando o seu campamento de obras na localidade de Cabangu, preto de Palmira. Alí instalouse coa súa esposa e tivo o seu fillo, Alberto.

Francisca dos Santos era filla do comandante Paulo Santos e de dona Rosalina. Henrique e Francisca casaron o 6 de setembro de 1856, na Igrexa de Nosa Señora do Pilar, en Ouro Preto. A parella tivo oito fillos: Henrique (1857, Ouro Preto), María Rosalina (1860, facenda do Congo Soco, Santa Bárbara), Virgínia (1866, Jaguará), Luís (1869, Jaguará), Gabriela (1871, Jaguará), Alberto Santos Dumont 1873, Sofia (1875, Casal, Valença) e Francisca (1877, Casal, Valença).

O nacemento de Alberto Santos Dumont produciuse o día que o seu pai cumpriu 41 anos. Seis anos despois, cando se rematou o tramo do ferrocarril, a familia trasladouse á localidade de Casal, en Valença (na actualidade en Rio das Flores), dedicándose ao cultivo do café. Alí, Alberto foi bautizado o 20 de febreiro de 1877 na parroquia de Santa Tareixa.Archive from Igreja da Matriz de Santa Teresa. Livro de batismos da Matriz de Santa Teresa, 1877, vol. 1, fol. 41. Henrique Dumont comprou a facenda Arindeúva, a uns 20 km da localidade de Ribeirão Preto. Daquela chegou a ser considerado o rei do café por plantar nesa propiedade uns cinco millóns de plantacións de café. A explotación contaba ademais con sete locomotoras e 96 km de vías férreas, co fin de levar as colleitas ao ferrocarril do Ribeirão Preto, que daquela era considerado o máis moderno de Suramérica.

Santos Dumont aprendeu a escribir e ler grazas á súa irmá Virgínia. Tamén estudou na cidade de Campinas no colexio Culto à Ciência, en São Paulo nos colexios Kopke e Morton e no colexio de Ouro Preto. Na súa infancia tamén estudou con profesores particulares de Francia contratados polo seu pai, directamente de París. Observaba as nubes e os paxaros e tamén se interesou polos libros de Jules Verne e polas demostracións de globos das festas de xuño. En 1888, puido ver por primeira vez un globo levado polos franceses para unha feira celebrada en São Paulo. Alberto interesouse pola enxeñaría e máis tarde, na súa adolescencia, puido conducir as locomotoras da granxa do seu pai coa súa autorización. Tamén axudou no mantemento das máquinas de café e de coser da súa nai. Ao analizar o funcionamento das máquinas de vapor, das engrenaxes e das poleas, aprendeu a manexar os equipos mecánicos. Buscando sempre información sobre proezas aéreas, coñeceu as experiencias cos globos aerostáticos que fixeron os irmáns Montgolfier en 1783 e a de Jean-Pierre Blanchard e John Jeffries que en 1785 cruzaron a Canle da Mancha en globo.

En 1890 o seu pai sufriu un accidente nun carro e, por razóns do seu tratamento, vendeu a súa facenda. En 1891 viaxou co seu pai a París e observou por primeira vez unha máquina de gasolina, diferente das máquinas de vapor que el coñecía. Levou ao Brasil un automóbil Peugeot de gasolina, o primeiro deste tipo en todo o país. Ao ano seguinte, o seu pai deulle parte da súa fortuna e a emancipación, aconsellándolle que estudase enxeñaría en Francia, para que Alberto desenvolvese o seu potencial.

Francia e os globos miniatura|esquerda|Santos Dumont a bordo dun dos seus dirixibles Xa establecido en Francia, dedicouse aos globos, interesado en desenvolver moito máis o invento, que daquela non tiña moita facilidade de uso. Porén, os voos eran moi caros, o que lle fixo renunciar a voar por un tempo e dedicarse no seu lugar aos automóbiles, chegando mesmo a participar nalgunhas carreiras. Pouco despois retomou os seus estudos sobre globos e como manobralos. Estudou co profesor García, humanista de orixe española cun amplo coñecemento de física, mecánica e electricidade. Tamén estudou na Universidade de Bristol como alumno axudante e máis tarde regresou a París. En 1897, construíu un motor de combustión interna de dous cilindros, que adaptou a un triciclo.

Nunha das súas viaxes de regreso ao Brasil, atopou entre uns libros sobre globos un que falaba dun home chamado Lachambre, un fabricante de globos, que xunto con Machuron construíra un aparello co que fixeron unha expedición ao polo norte. Tempo despois coñeceu a Machuron, e o 23 de marzo de 1898 Santos Dumont fixo o seu primeiro ascenso con el nun globo de 750 m³, saíndo do parque Vaugirard en París e voando durante dúas horas ata o parque do castelo de La Ferrière, viaxando aproximadamente 100 km. Despois desta primeira viaxe, Santos Dumont mercou un globo á tradicional casa de construción "Lachambre". Asistiu a todas as fases da construción para aprender as técnicas e tamén engadir innovacións. Santos Dumont fixo fincapé en que o seu globo se fixese con seda xaponesa para reducir o seu peso. Tiña un cesto para unha persoa e era pequeno (103 m³); por esa época, dicíase que Santos Dumont construíra un globo que podía levar na súa maleta.

O 4 de xullo de 1898, o "balão Brasil" subiu ao ceo, sorprendendo os parisienses polo seu pequeno tamaño. Santos Dumont comezou a pensar no problema da manobrabilidade e da propulsión dos globos. Logo proxectou o seu Número 1, alongado coma un puro, inchado con hidróxeno e impulsado por un motor de gasolina. Deseñou este prototipo para que as pas da hélice do motor e o tubo de escape non entrasen en contacto co hidróxeno e provocasen unha explosión. No primeiro intento de engalaxe chocou contra unhas árbores debido á suxestión dalgunhas persoas de engalar a prol do vento. Por iso, foi cando o 20 de setembro de 1898 realizou o primeiro voo dun globo autopropulsado: partindo do Jardin d'Acclimatation, sobrevoou París en contra e a favor do vento. Tivo un pequeno accidente ao baixar, sen grandes consecuencias. En 1899, voou coas aeronaves Número 2 e Número 3. miniatura|O aviador rodeando a Torre Eiffel de París co seu dirixible Número 5 o 19 de outubro de 1901 Co éxito dos voos de Santos Dumont, o magnate do petróleo Henry Deutsch de la Meurthe ofreceu un premio de cen mil francos a todo aquel que saíse do parque de Saint Cloud e, sen ningunha axuda no chan, rodease a Torre Eiffel e volvese ao punto inicial en non máis de 30 minutos. Este reto foi chamado Premio Deutsch. Santos Dumont realizou as súas primeiras probas coa aeronave Número 4 (setembro de 1900) e intentou gañar o premio a bordo do Número 5. No primeiro intento, o 13 de xullo de 1901, engalou e rodeou a torre, mais un fallo no motor do globo fixo que perdese o control, chocando contra as árbores do parque Edmond de Rothschild. O 8 de agosto volveu intentalo. Neste segundo intento, contou coa presenza da Comisión Científica do Aeroclub de Francia, rodeou a Torre Eiffel e continuou o seu camiño de regreso ata o parque de Saint-Cloud, tal e como esixía o desafío. A aeronave comezou a perder hidróxeno e as cordas da suspensión comezaron a ser cortadas pola hélice, o que obrigou a Santos Dumont a parar o motor. O globo caeu e bateu contra o tellado do hotel Trocadero, provocando unha grande explosión. Santos Dumont salvouse porque se atou á quilla da aeronave, permanecendo suspendido no aire, colgado do edificio do hotel; foi rescatado polos bombeiros de París.

O 19 de outubro de 1901 convocou os xurados do Aeroclub de Francia mais debido ao mal tempo só chegaron 25, entre eles o que ofrecía o premio, Henry Deutsch de la Meurthe. En 29 minutos e 30 segundos, o Número 6 completou a proba e cruzou a meta. Con todo, houbo unha polémica: a proba fora alterada e o novo regulamento dicía que o desembarco tamén debía realizarse dentro dos 30 minutos que esixía a proba. Santos Dumont desembarcara da súa aeronave en 30 minutos e 29 segundos. A polémica continuou ata que o 4 de novembro o Aeroclub de Francia decidiu declaralo vencedor. O premio de 129 000 francos que recibiu repartiuno entre o seu equipo e os empregados que tiña en París. O presidente do Brasil, Campos Salles enviou outro galardón do mesmo valor, xunto cunha medalla de ouro coa súa efixie e unha alusión ao escritor e poeta portugués Camões: "Por céus nunca dantes navegados".

En 1902, Alberte I de Mónaco fíxolle unha xenerosa invitación para continuar as súas investigacións sobre o voo e os globos no principado. Ofreceulle un hangar na praia de La Condamine e todo o necesario para a súa comodidade e seguridade. Entre 1902 e 1903 construíu outras aeronaves: o Número 7 para as carreiras, despois o Número 9, ignorando a construción do Número 8 debido á superstición contra o número e o mes de agosto. A aeronave Número 9 fíxose popular en París por ser bastante pequena en relación a outras aeronaves e pola boa cantidade de demostracións que Santos Dumont realizou nela. Cóntase que o utilizaba para visitar a casa dos seus amigos e ía con el polas rúas e despois entraba a tomar algo nos cafés de París.

O 14 de xullo de 1903 participou na conmemoración do Asalto da Bastilla desfilando coa súa aeronave. Nesa celebración, Santos Dumont permitiu conducila por primeira vez a outra persoa: a cubana Aida de Acosta. En xuño de 1904, marchou aos Estados Unidos para participar na carreira de dirixibles de Saint Louis, mais sufriu a man criminal dos sabotadores, que inutilizaron a aeronave Número 7.

Máis pesado có ar miniatura|Número 19, unha das Demoiselles de Santos Dumont