Daniel Esmorís Tasende, nado en Silván (Erbecedo, Coristanco) o 6 de xullo do 2000, é un futbolista galego que xoga de lateral esquerdo no Real Zaragoza, da Segunda División.
É irmán do futbolista do Real Club Deportivo da Coruña Angeliño.
Traxectoria
Comezos Comezou a formarse como futbolista nas Escolas Luís Calvo Sanz de Carballo, ata que en 2013 se trasladou a Manchester, xunto con súa nai e seu irmán Angeliño, que acababa de fichar polo Manchester City. Durante os dous anos que viviu na cidade inglesa estivo na academia de fútbol do City, regresando a Galicia en 2015. Xogou unha tempada co equipo cadete do Bergantiños, actuando como extremo esquerdo con bos números goleadores, ata que o Villarreal o invitou a xogar un torneo amigable, a Yellow Cup, durante as vacacións da Semana Santa. A súa boa actuación no torneo fixo que o conxunto amarelo o fichase para a súa canteira, xunto ao tamén galego Dani Pereiro.
Villarreal Xogou cos equipos cadete e xuvenil do Villarreal, sendo cedido na tempada 2017/18 ao xuvenil do CD Roda. Na tempada 2018/19 proclamouse co Villarreal campión da División de Honra Xuvenil e chegou ata a final da Copa de Campións, onde o equipo perdeu contra os xuvenís do Zaragoza na quenda de penaltis. Ademais proclamouse campión da Copa do Rei Xuvenil, tras derrotar na final ao Atlético de Madrid.
A finais desa mesma tempada debutou co Villarreal C en Terceira División, co que continuou na tempada seguinte. Na 2020/21 xogou co Villarreal B na Segunda División B, disputando 22 partidos, case todos como titular, e marcando dous goles. O equipo adestrado por Miguel Álvarez logrou a clasificación para a nova Primeira División RFEF, na que Tasende continuou como titular no lateral esquerdo.
O 30 de novembro de 2021 debutou da man de Unai Emery co primeiro equipo do Villarreal no estadio de Riazor, nun partido correspondente á primeira rolda da Copa do Rei 2021/22 contra o modesto Victoria coruñés, gañando por 0-8. Continuou o resto da tempada no filial, sendo titular en tódolos encontros, incluídos os dous da promoción de ascenso, na que o equipo conseguiu subir a Segunda tras derrotar á UD Logroñés e ao Nàstic na Malata e en Balaídos respectivamente.
O filial amarelo militou as dúas seguintes tempadas na división de prata, nas que Tasende foi aliñado como titular por Miguel Álvarez na meirande parte dos partidos, acumulando 72 encontros e 4 goles na categoría. En xullo de 2024 anunciouse o seu traspaso ao Real Zaragoza, deixando así o Villarreal B despois de 4 anos nos que disputou un total de 133 partidos, con 10 goles no seu haber.
Real Zaragoza Asinou un contrato de catro anos co Real Zaragoza, converténdose na cuarta incorporación do equipo para a tempada 2024/25 da Segunda División, tralas chegadas de Joan Femenías, Mario Soberón e Gori Gracia.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en lapreferente.com .
Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Coristanco Categoría:Futbolistas de Coristanco Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Villarreal CF C Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Villarreal CF Categoría:Xogadores do Real Zaragoza