Greg Egan, nado o 20 de agosto de 1961 en Perth, é un escritor australiano de ficción científica. Traxectoria Egan publicou o seu primeiro traballo en 1983. Está especializado en historias de ciencia ficción dura con temas matemáticos e de ontoloxía cuántica, incluíndo a natureza da consciencia. Outros temas son a xenética, a realidade simulada, o post-humanismo, a transferencia da mente, a sexualidade, a intelixencia artificial, e a superioridade do naturalismo racional sobre a relixión. É coñecido pola súa tendencia a tratar con materias tecnicamente complexas, como conceptos innovadores en física ou o problema da epistemoloxía, dun xeito directo e desinhibido. É gañador dun premio Hugo (e finalista dos Hugo con outros oito traballos), e tamén gañou un premio John W. Campbell Memorial á mellor novela. Os seus primeiros relatos contiñan profusión de elementos de terror.
Os relatos curtos de Egan teñen sido publicados en varias revistas do xénero, incluíndo publicacións regulares en Interzone e en Asimov's Science Fiction.
Egan é licenciado en matemáticas pola Universidade de Australia Occidental, e actualmente vive en Perth. Recentemente participou en campañas contra a práctica habitual, e sancionada pola lei, da detención automática dos solicitantes de asilo político nas aduanas de Australia. Egan é vexetariano.
Egan nunca asiste ás convencións de ficción científica, non asina libros, e a súa imaxe non aparece en Internet, aínda que en páxinas web adicadas á ficción científica ou no buscador Google se teñan publicado fotos de xente co mesmo nome etiquetadas erroneamente como fotos de Greg Egan.
Egan achega ocasionalmente mensaxes en varios grupos de Usenet, sobre todo científicos e técnicos, usando o seu propio nome. De decembro de 1994 a setembro de 1999 contribuíu regularmente no grupo rec.arts.sf.written, entrando en diálogo cos seus lectores acerca das súas obras e da ficción científica en xeral.
Notas
Categoría:Escritores de ficción científica Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores de Australia Categoría:Nados en Perth Categoría:Nados en 1961