Joaquín Yarza, tamén coñecido como Quincho Yarza, nado en Vigo en 1881, foi un futbolista galego. Integrante histórico do Madrid Foot-Ball Club, xunto ao seu irmán Manuel Yarza, foi campión da Copa do Rei en tres ocasións consecutivas, de 1905 a 1907. Na edición de 1908 ambos foron rivais, tras recalar Quincho no Vigo FC.

Traxectoria Militou xunto co seu irmán Manuel no Moderno Football Club de Madrid e trala absorción deste en 1904 polo Real Madrid (naquel entón Madrid Foot-Ball Club), ambos pasaron ao equipo branco.Diario Gran Vida. Notas de Sport. Concurso regional de foot-ball. Edición del 1 de noviembre de 1903. Xogou no Madrid ata 1907, gañando tres Copas do Rei consecutivas (1905, 1906 e 1907), sendo titular nas tres finais, as dúas últimas xunto co seu irmán. A continuación pasou a xogar no Vigo FC da súa cidade natal, co que disputou a final da Copa do Rei de 1908, perdendo contra o Madrid e contra o seu irmán.

Futbolista polivalente, xogou tanto na defensa como no medio do campo e no ataque. Del escribiuse que puidese ser o primeiro profesional do fútbol en España, durante a denominada época do amateurismo marrón ou profesionalismo encuberto, ao recibir pagos do club vigués, e nalgunhas crónicas da súa época era referido como "profesional".

Deixou o club madrileño en 1909 e ese mesmo ano participou na Copa do Rei nas filas do Galicia FC, caendo eliminado nas semifinais contra o Club Ciclista de San Sebastián. Tras un breve paso polo Pontevedra Sporting, recalou no Real Club Coruña, equipo no que coincidiu na dianteira con Joaquín Caruncho e no que xogou ata 1911. A continuación pasou brevemente polo Deportivo da Coruña, club co que debutou o 31 de marzo de 1912 nun partido contra o Compostela FC no antigo campo de Riazor. Xogou e adestrou o club coruñés ata setembro do mesmo ano, cando marchou a Madrid. Con todo, regresou ao ano seguinte e volveu xogar no Deportivo ata 1914.

Palmarés Madrid FC Copa do Rei (3): 1905, 1906, 1907. Campionato Rexional Centro (3): 1905, 1906, 1907.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1881 Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Vigo FC Categoría:Xogadores do Pontevedra Sporting Club Categoría:Xogadores do Real Club Coruña Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña