Mattheus de Andrade Gama de Oliveira, coñecido futbolisticamente como Mattheus, nado no Río de Xaneiro o 7 de xullo de 1994, é un futbolista brasileiro que xoga como centrocampista ofensivo no Farense da Primeira Liga de Portugal.

Fillo do histórico dianteiro do Deportivo da Coruña e da selección brasileira Bebeto, fíxose coñecido poucos días despois do seu nacemento debido á famosa celebración que lle dedicou seu pai ao marcar un crucial gol crucial contra os Países Baixos nos cuartos de final do Mundial de 1994. Desenvolveu case toda a súa carreira deportiva en Portugal.

Traxectoria Naceu o 7 de xullo de 1994 no Río de Xaneiro. Aínda que a súa familia vivía daquela na Coruña, súa nai Denise viaxou ao Brasil antes de dar a luz porque quería que o seu fillo nacese no país suramericano. Seu pai Bebeto, xogador naquel momento do Deportivo da Coruña, atopábase nos Estados Unidos disputando a Copa do Mundo coa selección brasileira.

Dous días despois do seu nacemento, seu pai marcou un dos goles na vitoria dos cuartos de final contra os Países Baixos e celebrouno simulando que arrolaba un bebé xunto con Romário e Mazinho, celebración que deu a volta ao mundo e se converteu nunha das máis famosas da historia do fútbol. Recibiu de nome Mattheus, como homenaxe ao centrocampista alemán Lothar Matthäus.

Flamengo Formouse nas categorías inferiores do Flamengo, estreándose co primeiro equipo o 3 de febreiro de 2012, nun partido do Campionato Carioca contra o Olaria. Ese mesmo ano o adestrador Joel Santana fíxoo debutar tamén no Campionato Brasileiro, nunha vitoria por 1-0 contra o Santos.

Cesión ao Estoril O 30 de xaneiro de 2015 foi cedido a Estoril, da Primeira Liga portuguesa. Tivo que esperar ata abril para debutar na liga lusa, cando o adestrador Fabiano lle deu algúns minutos nun partido contra o FC Porto. Ao remate da tempada a súa cesión prorrogouse por un ano máis, e na tempada 2015/16 sumou 25 partidos e 4 goles (2 deles contra o Rio Ave e outros 2 contra o Coimbra), ademais de 7 asistencias.

Estoril Foi traspasado ao equipo portugués na tempada 2016/17, na que disputou un total de 30 encontros entre liga e Copa, acadando nesta última as semifinais.

Sporting CP En maio de 2017 foi traspasado ao Sporting de Portugal por uns dous millóns de euros. Debutou co equipo lisboeta nun partido da Copa da Liga contra o Marítimo no Estádio José Alvalade e en novembro xogou o seu primeiro encontro na Liga de Campións, nun encontro fronte ao Olympiacos no que entrou nos instantes finais como substituto do seu compatriota Bruno César. Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo de Jorge Jesus, co que non chegou a debutar na liga, e en xaneiro de 2018 saíu cedido ao Vitória de Guimarães.

Cesión ao Vitória Debutou co Vitória na xornada 21 da liga, nunha vitoria por 3-2 contra o Paços de Ferreira no estadio D. Afonso Henriques. Disputou un total de 14 encontros ata final de tempada, todos como titular, e repartiu 3 asistencias. Na tempada 2018/19 volveu ser cedido ao Vitória, co que disputou 23 encontros de liga e 4 de Copa, marcando 4 goles.

Cesión ao Coritiba En setembro de 2020 anunciouse unha nova cesión do xogador, desta vez ao Coritiba. Regresou así ao fútbol do seu país, e o 21 de novembro marcou o seu primeiro gol no Campionato Brasileiro, nun partido contra o seu primeiro equipo, o Flamengo.

Mafra En agosto de 2021 desvencellouse do Sporting, e despois de case medio ano sen equipo, en xaneiro de 2022 asinou co Mafra, da Segunda Liga portuguesa. Xogou no club mafrense o que restaba da tempada 2021/22 e a primeira metade da 2022/23, sumando un total de 30 partidos.

Farense En xaneiro de 2023 trasladouse a Faro para asinar como novo xogador do Farense, segundo clasificado da Segunda Liga. Co equipo algarvio logrou o ascenso á Primeira Liga ao remate da tempada 2022/23.

Palmarés Flamengo Campionato Carioca (1): 2014

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1994 Categoría:Nados no Río de Xaneiro Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Flamengo Categoría:Xogadores do GD Estoril Praia Categoría:Xogadores do Sporting Clube de Portugal Categoría:Xogadores do Vitória SC Categoría:Xogadores do Coritiba FC Categoría:Xogadores do SC Farense