San Xillao de Ferreiravella é unha parroquia do concello de Riotorto, diocese de Mondoñedo. Segundo o IGE, en 2024 tiña 72 habitantes (33 homes e 39 mulleres), distribuídos nos barrios de Ferreira, Soutelo, O Mazo, A Granxa, As Chairas e O Rego de Baixo. Ferreira comprende os lugares da Ribadiña e do Pouxaneiro. Soutelo comprende Soutelo de Riba e Soutelo de Baixo.
Está situada a 5 km das Rodrigas, seguindo a estrada local que comunica a capital do concello co Marco Baixo (Pastoriza). Limita ó norte coas parroquias de Espasande de Baixo, ó sur coa Órrea, ó leste con Xudán (parroquia do concello da Pontenova) e ó oeste con Aldurfe. Ocupa unha extensión de 5,59 km².
Xeografía As terras da parroquia de Ferreiravella están regadas polo río do mesmo nome, que corre dende o nacemento no Marco ata chegar á confluencia co río Torto, afluente do río Eo. Nos seus 7 km recibe as augas de varios regos, entre eles o do Roldín, o das Chairas e o da Casanova. Noutro tempo o seu caudal movía numerosas moas, muíños e tres mazos.
O relevo é montañoso, cun val estreito formado polo río que corre entre dous cordais. Salvo O Mazo, que se encontra no fondo do val, o resto das entidades de poboación que o compoñen sitúanse nas lombas dos pronunciados montes que configuran o curso do río. As Toxeiras ó leste, o Corno e As Leivas ó oeste e as Penas do Vilar ó sur constitúen as maiores elevacións a unha altitude de entre 550 e 650 metros.
Lugares e parroquias Lugares de Ferreiravella
Parroquias de Riotorto
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Riotorto
Categoría:Parroquias de Riotorto Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xillao