Antal Nagy, nado en Budapest o 16 de maio de 1944, é un exfutbolista húngaro. Xogaba como dianteiro e militou en clubs das principais ligas de Hungría, Bélxica, Países Baixos, Francia, España, Alemaña e Portugal. Foi internacional coa selección húngara, coa que participou no Mundial de Inglaterra de 1966.

Traxectoria Comezou a súa carreira como futbolista no Hónved da súa cidade natal, co que foi campión da Copa de Hungría e dúas veces subcampión da liga húngara, e co que debutou na Recopa de Europa.

En 1968 trasladouse a Liexa, onde fichou polo Standard de Liège. A súa marcha de Hungría provocou a perda da súa nacionalidade, sendo considerado dende entón un apátrida. Na tempada 1968/69 foi o máximo goleador da Primeira división belga, da que se proclamou campión esa mesma campaña. A continuación pasou polos Países Baixos, onde xogou tres anos no Twente, antes de recalar no Olympique de Marseille, co que gañou a Copa de Francia de 1972.

En 1973 chegou a España, fichando polo Hércules de Arsenio Iglesias, co que xogou na Segunda división, logrando o ascenso a Primeira. Contribuíu con 10 goles, un deles anotado cun pé descalzo despois de perder unha bota. Pasou logo polas filas do Wuppertaler SV, da Bundesliga alemá, antes de regresar ao fútbol español para xogar en Segunda coa Unió Esportiva Sant Andreu. Nos seus últimos anos como futbolista xogou no Caen francés, no Royal Antwerp belga e no Leixões portugués, antes de pechar a súa carreira no mesmo equipo no que a comezara, o Budapest Honvéd.

Selección húngara Foi tres veces internacional coa selección húngara, coa que debutou en 1964, nun encontro amigable ante Iugoslavia. Formou parte do equipo húngaro no Mundial de 1966 en Inglaterra, aínda que non chegou a xogar ningún minuto na competición.

Palmarés Budapest Honvéd Copa de Hungría (1): 1964.

Standard de Liège Liga belga (1): 1968/69.

Olympique de Marsella Copa de Francia (1): 1972.

Individual Máximo goleador da liga belga (1): 1968/69.

Notas

Categoría:Nados en Budapest Categoría:Nados en 1944 Categoría:Futbolistas de Hungría Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Budapest Honvéd FC Categoría:Xogadores do Standard de Liège Categoría:Xogadores do FC Twente Categoría:Xogadores do Olympique de Marsella Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do UE Sant Andreu Categoría:Xogadores do SM Caen Categoría:Xogadores do Royal Antwerp FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Hungría Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966