Manuel Peña Escontrela, coñecido como Manolo Peña, nado en Sarria o 18 de decembro de 1965 e finado en Ponferrada o 13 de novembro de 2012, foi un futbolista galego que xogaba como dianteiro.

Traxectoria Nado en Sarria, pasou a súa infancia en Toural dos Vaos, no Bierzo, e máis tarde en Ponferrada. Despois de xogar coa Ponferradina en Terceira División, e sendo aínda xuvenil foi incorporado ao Real Valladolid. Debutou co primeiro equipo deste aos 17 anos, nun encontro da Copa do Rei contra a propia Ponferradina no estadio Fuentesnuevas o 7 de setembro de 1983. Tres días despois xogou o seu primeiro partido na Primeira División, fronte ao Valencia en Mestalla (3-2). Militou no Valladolid durante sete tempadas, gañando a Copa da Liga en 1984 e sendo a súa mellor cifra anotadora en liga a da tempada 1987/88, na que marcou oito goles, incluído un triplete contra o Barcelona no Camp Nou, que supuxo a primeira vitoria do Valladolid no estadio barcelonés (2-4).

Na seguinte tempada marcou un histórico gol na prórroga do partido de volta das semifinais da Copa do Rei contra o Deportivo da Coruña no José Zorrilla, dándolle ao seu club a vitoria e o pase á segunda final de Copa da súa historia. Foi titular na final disputada no estadio Vicente Calderón contra o Real Madrid, que se decidiu a favor do equipo branco grazas a un solitario gol de Rafa Gordillo.

Na tempada 1989/90 debutou en competición europea, disputando os cuartos de final da Recopa de Europa fronte ao Monaco de Arsène Wenger, caendo eliminado na quenda de penaltis. Non foi nunca expulsado na súa carreira, e non viu sequera un cartón amarelo durante os seus primeiros 165 partidos co Valladolid, ata que recibiu un en 1990.

No verán de 1990 foi traspasado ao Zaragoza por 50 millóns de pesetas. No equipo aragonés militou durante tres tempadas, pero unha lesión nun xeonllo cortou a súa progresión. Con Víctor Fernández como adestrador, clasificouse para a Copa da UEFA , competición na que disputou tres partidos.

En 1993 deixou Zaragoza e fichou polo Cádiz, de Segunda División, e nos seguintes anos militou no Talavera e de novo na Ponferradina, antes de colgar as botas no ano 2000. Instalado en Ponferrada foi elixido concelleiro de Deportes, cargo que ocupou antes de traballar no ámbito financeiro. Faleceu na capital berciana o 13 de novembro de 2012 por mor dun cancro, aos 46 anos de idade.

Selección española Foi internacional coas diferentes categorías inferiores da selección española. En 1985 disputou a Copa do Mundo sub-20 na Unión Soviética, proclamándose subcampión tras perder a final contra o Brasil.

Palmarés Valladolid Copa da Liga (1): 1984.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1965 Categoría:Finados en 2012 Categoría:Nados en Sarria Categoría:Futbolistas de Sarria Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores do Cádiz CF Categoría:Xogadores do Talavera CF Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21