Santiago Manuel Rabadán Villares, nado en León o 23 de maio de 1931 e finado na mesma cidade o 4 de novembro de 1984, foi un futbolista español, que xogaba habitualmente de interior dereito.
Traxectoria Comezou a súa carreira como futbolista na Cultural Leonesa, coa que xogou ata 1952, cando fichou polo Atlético de Madrid. O 11 de xaneiro de 1953 debutou na Primeira División da man do adestrador Helenio Herrera, caendo goleado ante o Deportivo da Coruña en Riazor (5-1). Apenas dispuxo de minutos no equipo madrileño e na tempada 1953/54 saíu cedido ao Valladolid, da mesma categoría. Disputou só 12 encontros co equipo de Lluís Miró pero anotou 8 goles, entre eles un ante o FC Barcelona e dous na vitoria por 4-3 sobre o Real Madrid. Na seguinte tempada volveu saír cedido, desta vez ao Avilés, de Segunda División, co que acabou descendendo a Terceira.
En 1955 regresou á Cultural Leonesa, coa que disputou a histórica tempada 1955/56, a única da historia do club na Primeira División. Xogou no club da súa cidade ata 1958, cando fichou polo Deportivo da Coruña. Militou durante tres campañas no club galego, sendo un habitual nos once titulares, e acumulou 72 partidos e 6 goles. Deixou o equipo coruñés en maio de 1961, cando rescindiu o seu contrato e regresou a León para atender os negocios de panadaría da súa familia.
Vida persoal Casou con Maris Fernández Abella, coa que tivo tres fillos: María, Manuel e Alberto. Faleceu en León aos 53 anos de idade.
Notas
Categoría:Nados en León Categoría:Nados en 1931 Categoría:Finados en 1984 Categoría:Futbolistas de Castela e León Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores da Cultural Leonesa Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Real Valladolid Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña