Ángel Fernández Vázquez, máis coñecido como Gelucho, nado en Pontevedra o 23 de decembro de 1933 e finado o 18 de maio de 2021, foi un futbolista galego, que xogaba como porteiro.

Traxectoria Deu os seus primeiros pasos como futbolista no equipo xuvenil do Rápido de Pereiró e debutou na Terceira División nas filas do Pontevedra, durante a tempada 1954/55. Posteriormente pasou polo Rápido de Bouzas, onde lle quitou o posto de titular a Cholo Armada, e durante os seguintes anos xogou no Gran Peña e no Turista.

En 1958 foi contratado polo Deportivo da Coruña, da Segunda División, club que estaba realizando unha profunda remodelación do seu cadro de xogadores. Xunto a el chegaron entre outros Amancio, Rabadán, Manchón, Veloso, Vigo, Sobrín e Collar. No equipo coruñés tivo a difícil responsabilidade de ocupar xunto con Rafa Sáez o oco deixado polo porteiro Otero, que acababa de marchar ao Betis. Foi Gelucho quen se fixo coa titularidade e disputou un total de 23 partidos durante a tempada 1958/59.

Ao remate da campaña fichou polo Ourense, da mesma categoría, club no que militou durante os seguintes seis anos, todos eles en Segunda. Foi titular durante a primeira delas, pero a chegada do vasco Ibarreche en 1960 relegouno ao banco. Tralo descenso do club ao remate da tempada 1964/65, fichou polo Melilla, onde xogou durante unha tempada antes de regresar ao Turista, onde colgou as luvas en 1970.

Trala súa retirada foi adestrador, comezando no banco do Coruxo, ao que dirixiu entre 1970 e 1972. A continuación regresou ao Turista como adestrador do equipo xuvenil.

Vida persoal Casou con María José Arrizabalo Lapeña, coa que tivo catro fillas.

Notas

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1933 Categoría:Finados en 2021 Categoría:Futbolistas de Pontevedra Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do Gran Peña Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Melilla CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Coruxo FC