Roger Federer, nado o 8 de agosto de 1981 en Basilea, é un xogador de tenis profesional suízo. Está catalogado como un dos mellores e máis completos na historia deste deporte. Reside en Bottmingen (Suíza), mide 1,85 metros, pesa 85 quilos, é destro, e uniuse ao Tour ATP en 1998. Emprega roupa Nike, Inc. á hora de xogar e a súa raqueta é unha Wilson Pro Staff 6.1 90 BLX.

Traxectoria Primeiros anos (1998-2002) 1998 Federer entra no circuíto profesional, disputando o seu primeiro torneo en Gstaad (Suíza), onde cae ante Lucas Arnold por 4-6 4-6. Alcanza os cuartos de final de Tolosa, e ata ten a fortuna de disputar a primeira rolda de Basilea ante Andre Agassi, co que cede 3-6 2-6. Este será o primeiro dos numerosos choques entre ambos, e que finalmente terminará dominando Roger.

1999 Federer aséntase no circuíto, demostrando progresos e ser unha potencial estrela do futuro. Chega aos cuartos de final dos eventos de Marsella, Rotterdam e Basilea, ademais dunhas semifinais en Viena. Debuta na Copa Davis con Suíza ante Italia, gañando o día da súa posta de longo a Davide Sanguinetti. Tamén debuta en Roland Garros e Wimbledon, aínda que sen fortuna, caendo en primeira rolda fronte a Patrick Rafter e Jiri Novak respectivamente. Federer termina o ano entre os 100 mellores.

2000 Roger disputa dúas finais ATP, en Marsella e Basilea, e alcanza a cuarta posición nos Xogos Olímpicos de Sydney, onde cae no partido polo bronce ante Arnaud Dei Pasquale por 6-7 7-6 3-6. Xoga por vez primeira no Aberto de Australia e no US Open (chega á terceira rolda en ambos), e consegue meterse nos oitavos de final de Roland Garros, só freado por Alex Corretja. Á conclusión do ano, xa está situado entre os 30 primeiros do mundo.

2001 Federer consegue o seu primeiro título vencendo a Julien Boutter na final de Milán. Con todo, a súa consagración absoluta ten lugar en Wimbledon, onde derrota epicamente a Pete Sampras nos oitavos de final por 7-6 5-7 6-4 6-7 7-5. Ata entón, Sampras gañara sete veces Wimbledon, incluídas as catro últimas edicións do evento. Este partido é un aceno do destino a un vindeiro traspaso de poderes, xa que no futuro Roger converterase no gran dominador deste torneo do Grand Slam emulando ao americano. A pesar da súa fazaña, cae a continuación nos cuartos de final contra Tim Henman. Disputou outras dúas finais (en Rotterdam e Basilea) e uns meritorios cuartos de final en Roland Garros, mellorando a súa actuación anterior, pero unha vez máis Alex Corretja crúzase no seu camiño. Outro dato para destacar é a súa vitoria na Copa Hopman, representando a Suíza xunto a Martina Hingis. Federer é neste momento o líder indiscutible do equipo suízo de Copa Davis e remata o ano no posto 13 da clasificación da ATP.

2002 miniatura|150px|Roger Federer no US Open 2002. Comeza o ano gañando o torneo de Sydney e sendo finalista en Milán, onde defendía o título. Cae ante Tommy Haas nun duro duelo de oitavos de final do Aberto de Australia e outorga dous puntos a Suíza na súa eliminatoria de Copa Davis contra Rusia, pero non pode evitar a derrota do seu país. Comeza a obter excepcionais resultados tamén nos ATP Masters Series, sendo finalista en Miami (cae ante Andre Agassi) e gañando o seu primeiro torneo desta categoría en Hamburgo, onde esmaga ao ruso Marat Safin. Complementa estas vitorias cun título máis en Viena; pola contra, sofre inesperados reveses en Roland Garros e Wimbledon, caendo en primeira rolda en ambos. No US Open quédase ás portas dos cuartos, e consegue acceder por vez primeira na súa carreira á Masters Cup, un dos campionatos máis prestixiosos do mundo que só poden disputar os oito mellores xogadores do ano. Federer completa un grupo perfecto no que se impón a Juan Carlos Ferrero, Jiri Novak e Thomas Johansson, e só Lleyton Hewitt (número 1 aquela tempada) é capaz de eliminalo nas semifinais.

Ascenso e dominio (2003-2007) 2003 Este ano supón o aparecemento de Federer como estrela mundial. A pesar de caer oitavos de final do Aberto de Australia e do US Open, e de ser derrotado en primeira rolda de Roland Garros, Roger gaña en Wimbledon por vez primeira con facilidade. Ademais suma os trofeos de Dubai, Halle, Marsella, Múnic e Viena. Tamén está presente na final do Masters de Roma (cae ante Félix Mantilla) e de Gstaad (perde con Jiri Novak). Esa final será a última que se lle escapará en moito tempo. A gran decepción vén nas semifinais da Copa Davis ante Australia, onde Suíza cae eliminada e Federer perde un partido, que dificilmente esquecerá, con Lleyton Hewitt por 7-5 6-2 6-7 5-7 1-6. Ao termo da tempada, Federer xa tiña a madurez e experiencia necesarias para dominar o circuíto ATP nos vindeiros anos. Isto reflíctese na Masters Cup de Houston onde gaña todos os partidos, incluídos aqueles que lle enfrontan a Juan Carlos Ferrero ou David Nalbandián, dous dos xogadores que máis problemas lle estaban dando nos últimos tempos. Conclúe como número 2 do mundo a pouca distancia de Andy Roddick, e só grazas aos fabulosos resultados deste último nas pistas americanas, xa que nas súas confrontacións particulares máis importantes (en Wimbledon ou na propia Masters Cup) o suízo gañara comodamente.

2004 miniatura|150px|esquerda|Federer nos Xogos Olímpicos de Atenas, onde non foi quen de pasar de segunda rolda. Roger gaña case todos os torneos que xoga, incluíndo os torneos de Grand Slam de Australia, Wimbledon e o US Open. Só se lle resiste Roland Garros, no que un Gustavo Kuerten inspirado lle infrinxe en terceira rolda a súa única derrota nos torneos Grand Slam do ano. Ademais faise cos Masters Series de Indian Wells, Toronto e Hamburgo, aos que hai que sumar os torneos de Gstaad, Halle, Bangkok e Dubai. Gaña en todas as superficies e confírmase como número 1 do mundo. Os seus únicos puntos negros son as derrotas prematuras en Roma e Cincinnati, e unha decepcionante actuación nos Xogos Olímpicos de Atenas, onde perde en segunda rolda. Como colofón, Roger defende con éxito o seu título na Masters Cup de Houston. Sabendo que está na súa man facer historia, Federer fíxase como obxectivos prioritarios gañar Roland Garros e a Copa Davis con Suíza, e manter o maior número posible de anos o recentemente conquistado número 1 do ránking co que remata o ano.

2005 miniatura|200px|No Torneo de Wimbledon 2005 onde consegue o seu terceiro título de forma consecutiva. O suízo domina de novo o circuíto. Os únicos tropezos do helvético veñen en momentos illados xa que a súa regularidade e consistencia marcan as diferenzas. Federer cae nas semifinais do Aberto de Australia ante Marat Safin nun partido próximo ás cinco horas de duración que se resolve no quinto set cun 9-7 a favor do ruso, logo de que neste mesmo set o suízo gozase dunha pelota de partido. Tamén chega ás semifinais de Roland Garros onde é derrotado por un novo talento que agroma neste 2005, Rafael Nadal. Baseado nun poderío físico impresionante e unha enteireza mental digna de recoñecemento, Nadal arrasa na tempada de terra batida e denega o prezado título francés a Roger, que continúa sen poder completar a súa colección. Malia a ameaza do mozo español, tras esa derrota Federer encadea unha abraiante serie de 35 partidos gañados de xeito consecutivo e mantén o número un sen maiores complicacións. Defende con éxito os seus galardóns de Wimbledon e do US Open e rexistra un novo récord histórico ao gañar catro Masters 1.000 nun ano (Indian Wells, Miami, Hamburgo e Cincinnati). Completa o palmarés cos torneos menores de Doha, Rotterdam, Dubai, Halle e Bangkok, que elevan a once o número de torneos gañados en 2005.

Xa no último tramo do ano, e sen maiores presións cás de defender puntos insubstanciais para a clasificación, Federer sofre unha lesión no seu nocello dereito que o aparta durante un tempo das pistas, poñendo en dúbida a súa participación na Tennis Masters Cup a disputar en Shanghai. Finalmente Federer decide competir no torneo que pecha a tempada pese a estar lonxe da súa condición óptima. Porén, derrota ao croata Iván Ljubicic e aos arxentinos Guillermo Coria e David Nalbandián, para adxudicarse o seu grupo invicto. Nas semifinais imponse ao tamén arxentino Gastón Gaudio. Na final repite enfrontamento ante David Nalbandián. Desta volta, e logo de catro horas e media de partido, a vitoria corresponde ao tenista arxentino, que obtén a copa no tie-break do quinto set. Esta derrota acaba coa marca de 24 finais gañadas ininterrompidamente polo suízo. Federer remata o ano mantendo o número 1 e mellorando a puntuación obtida en 2004 (terminou con 1.345 puntos). A pesar de irromper no circuíto tenistas novos de gran proxección, semella que a medio prazo o suízo vai seguir dominando a escena mundial.

2006 miniatura|esquerda|150px|Federer nos cuartos de final do US Open 2006 diante de James Blake. Federer continúa a súa exhibición obtendo os títulos de Doha, Australia, Indian Wells e Miami. Chega ás finais de Dubai, Monte Carlo, Roma e Roland Garros, perdendo nas catro ante o español Rafael Nadal, quen domina a tempada de terra batida. Na tempada de céspede Federer conquista Halle e logra o seu cuarto Wimbledon consecutivo, derrotando na final a Nadal.

No mes de setembro derrota ao norteamericano Andy Roddick por 6-2 4-6 7-5 e 6-1 para lograr o seu terceiro título no US Open e o seu noveno título de Grand Slam, converténdose no primeiro xogador da historia en levantar 3 anos consecutivos as coroas de Wimbledon e do US Open. En outubro consegue o seu título número 42 de singles, vencendo ao inglés Tim Henman na final do Torneo de Tokio. Tamén en outubro logrou o seu primeiro título en España ao gañar o Masters de Madrid ante o tenista chileno Fernando González por 7-5 6-1 e 6-0. Unha semana despois volveu derrotar ao chileno na final do Torneo de Basilea, o cobizado torneo da súa terra natal que conquista despois de perder anteriormete dúas finais. Remata o ano vencendo na Masters Cup e revalidando o número 1 da clasificación ATP.

O seu xogo, sumamente completo, permítelle optar a títulos en calquera superficie, aínda que na terra é onde ten os seus peores resultados. Posúe un gran saque, potente e colocado, unha boa técnica de volea e smash, e un variado repertorio desde o fondo da pista, incluíndo un gran revés a unha man (como xogador destro) que lle permite atacar a bóla e conseguir puntos. Trátase, pois, dun xogador que marcou pautas do que debe ser o tenista do futuro, ademais de ser considerado por algunhas lendas do tenis como o mellor da historia.

2007 miniatura|200px|Federer no Masters de Cincinnati 2007, un dos oito torneos que gañou nese ano. En 2007 Federer acadou as finais dos catro torneos de Grand Slam, gañando de novo en tres delas. No Aberto de Australia superou na final ao chileno Fernando González rematando o campionato sen perder un só set; na final do Torneo de Wimbledon venceu por segunda vez a Rafael Nadal; e no US Open foi Novak Djokovic o que se viu derrotado na final. Federer perdeu a final do Torneo de Roland Garros diante de Nadal.

Federer xogou cinco finais de torneos Masters 1000 en 2007, gañando as de Hamburgo e Cincinnati. Ademais gañou un torneo de Masters 500 (Dubai) e outro de Masters 250 (Basilea).

Na Copa Davis xogou con Suíza a eliminatoria de permanencia no Grupo Mundial diante da República Checa, non podendo evitar o descenso do seu país a pesar de gañar os seus dous partidos de singles.

No último torneo do ano, o Torneo Masters, derrota na final ao español David Ferrer. En total gañou 8 títulos en 2007, e remata o ano como número 1 por cuarto ano consecutivo demostrando o seu dominio nestes catro anos, durante os cales gañou 11 torneos de Grand Slam.

Competencia (2008-2012) 2008 miniatura|esquerda|150px|Federer nos Xogos Olímpicos de Pequín.