Ramón Díaz Raña, nado Arante-Ribadeo en 1938 e finado en Estremadura en xuño de 2022, foi un sacerdote e teólogo galego.
Foi referente dunha Igrexa comprometida co galego e con Galicia. Rematou secularizándose.
Traxectoria. Estudou no Seminario de Mondoñedo e Teoloxía na Universidade Pontificia de Comillas. Foi uns anos Secretario Particular do Bispo D. Jacinto Argaya. Neste tempo participou nas dúas derradeiras Sesións do Concilio Vaticano II. Volveu a Roma facer o Curso de Doutoramento en Teoloxía no Instituto de Espiritualidade da Universidade Gregoriana.
De 1971 a 1990 estivo de Párroco en San Sadurniño. Alí foi animador do Grupo Saraibas, do festival Cantareliña, da revista Pumariño, ademais de participar en múltiples proxectos sociais da comarca. En 1996 colaborou con pseudónimo en El Ideal Gallego na sección “Carta aberta a D. Vicente”: cartas que un grupo de fresgueses lle escribían ao crego e a contestación deste.
Mantivo unha estreita relación con Andrés Torres Queiruga, Segundo Leonardo Pérez López e Ramón Piñeiro. Foi cofundador da Revista Encrucillada, primeiro Presidente da Asociación “Irimia”, colaborador da revista Irimia e promotor das Romaxes de Crentes Galegos. Puxo en marcha a publicación catequética e litúrxica Boa Nova, arredor da que se reunían sacerdotes como Xosé Chao Rego, Xaquín Campo Freire, Manolo Mejuto, Alfonso Gil Montalbo, Leoncio Pía, Manolo Cillero ou Martinho Montero Santalha.
En 1975 o bispo destínao a Viveiro mais, perante as protestas da xente, ten que deixalo en San Sadurniño e as parroquias regálanlle un coche Dyan 6 e outros agasallos. Mesmo fixo de albanel en obras comunitarias.
No ano 1978 escribiu unha peciña de teatro, un auto de Nadal, que anos máis tarde se publicou co título Recobrou o sorriso o Eleuterio, asinada con Xosé Manuel Carballo. En 1990 deixou a parroquia para dedicarse a tarefas económicas, foi encargado da Librería Diocesana en Ferrol, deu clases de relixión, colaborou co Proxecto Home de Santiago.
En 1992 secularizouse, casou e desde 2003 viviu en Cáceres.
Foi un grade coñecedor de toda a poesía galega sobre todoe máis de Rosalía de Castro, sobre a que tentou facer a súa tese "Sentimento relixioso en Rosalía de Castro", aínda que non chegou a rematala.
Notas
Categoría:Nados en 1938 Categoría:Nados en Ribadeo Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Teólogos de Galicia Categoría:Finados en 2022