Antía Chamosa Dacasa, nada en Pontevedra o 7 de outubro de 1999, é unha atleta galega que compite en marcha. Foi campioa de España nos 10.000 metros marcha en 2020 e dos 35 km en 2025, e gañou unha medalla de bronce no Campionato de Europa Sub-23 de Atletismo de 2021, na proba de 20 km marcha.

É irmá do tamén atleta Daniel Chamosa.

Traxectoria Comezou a súa andaina no atletismo no Club Atletismo Cuntis, practicando marcha, e aos 9 proclamouse por primeira vez campioa galega, en categoría benxamín, na proba de 1 km marcha. Continuou sumando títulos galegos durante os seguintes anos en todas as categorías inferiores e en 2013 gañou catro medallas de ouro nos campionatos de España de categoría cadete, ao se proclamar campioa dos 3 e dos 5 km, tanto en ruta como en pista ao aire libre.

En 2014, con só 15 anos, proclamouse por primeira vez campioa galega absoluta nos 5.000 m marcha en pista, nun ano no que sumou outros tres ouros nacionais en categoría cadete, así como unha prata. Durante os anos seguintes foi varias veces campioa galega absoluta e acumulou medallas nas categorías inferiores dos campionatos de España, ao tempo que competía internacionalmente.

En 2020, xa como membro da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, coroouse en Madrid como campioa de España absoluta dos 10 km marcha, cun tempo de 48'35''20, superando a Ainhoa Pinedo e Marina Sillero. En febreiro de 2021 bateu o récord de España sub-23 dos 35 km marcha, e ao mes seguinte proclamouse campioa de España sub-23 dos 20 km. O 23 de abril, na localidade eslovaca de Dudince, bateu o récord galego absoluto dos 35 km, cun tempo de 2h53'18'', o mesmo día no que o seu irmán Daniel facía o mesmo en categoría masculina. En xullo participou no Campionato de Europa sub-23 en Talín, onde se fixo coa medalla de bronce, por detrás da turca Meryem Bekmez e da francesa Pauline Stey.

En xullo de 2023 obtivo a medalla de prata en 10.000 metros marcha no Campionato de España celebrado en Torrent, sendo superada só por María Pérez. Ámbalas dúas foron as atletas seleccionadas pola Federación Española para participar na proba de 20 km marcha do Campionato do Mundo de 2023 en Budapest. Condicionada pola calor e a humidade, pechou a súa primeira participación nun Mundial absoluto co 29º posto, cun tempo de 1h:34':20''.

En abril de 2024 participou no Campionato do Mundo en Antalya, onde rematou novena na proba dos 20 km, conseguindo a medalla de bronce por equipos. Dous meses despois repetiu prata no Campionato de España, ao rematar seis segundos por detrás da catalá Raquel González.

A continuación foi unha das elixidas para formar parte do equipo español de marcha nos Xogos Olímpicos de 2024, aos que acudiu como reserva para a proba de remudas mixtas. Con todo, non tivo oportunidade de disputar a proba, que foi disputada finalmente por María Pérez, Álvaro Martín, Miguel Ángel López e Cristina Montesinos.

En marzo de 2025 proclamouse en Marín campioa de España na proba dos 35 km, cun tempo de 2h:44'50'', liderando en todo momento a carreira por diante de Laura García-Caro e Raquel González. En setembro de 2025 participou no Campionato do Mundo de Tokyo, conseguindo un sétimo posto na proba de 20 km.

Notas

Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1999 Categoría:Atletas de Galicia