Eksjö é un municipio sueco (kommun) do condado de Jönköping. A súa capital é Eksjö. En decembro do ano 2024 o concello tiña unha poboación de 17 792 habitantes.

Historia administrativa Os límites do concello coinciden cos das parroquias de Bellö, Edshult, Eksjö, Hult, Hässleby, Höreda, Ingatorp, Kråkshult e Mellby. Coa reforma municipal de 1862 constituíronse nelas concellos rurais (landskommun) co mesmo nome. Na zona tamén estaba Eksjö, cidade dende 1403, que en 1863 formou un concello da cidade (stadskommun).

O köping de Mariannelund formouse en 1928 tras unha excisión do concello rural de Hässleby.

En 1949 o concello rural de Eksjö incorporouse á cidade de Eksjö

Coa reforma de 1952 creáronse os grandes concellos (storkommun) de Höreda (a partir dos anteriores concellos de Edshult, Hult, Höreda e Mellby) e Ingatorp (de Bellö e Ingatorp). AO mesmo tempo os concellos rurais de Hässleby e Kråkshult fusionáronse ao köping de Mariannelunds mentres que a cidade de Eksjö permaneceu sen cambios.

O concello de Eksjö fundouse coa reforma municipal de 1971 a partir da cidade de Eksjö, o köping de Mariannelund e os concellos de Höreda e Ingatorp.

O 1 de xaneiro de 2005 a propiedade Arvidshög 1:1 foi transferida do concello de Eksjö ao de Vetlanda. A transferencia en termos da división parroquial só tivo lugar o 1 de xaneiro de 2006, e a propiedade pasou da parroquia de Kråkshult á parroquia de Karlstorp.

Xeografía O municipio está situado no norte do landskap de Småland e limita ao sur co concello de Vetlanda, ao oeste co de Nässjö e ao norte co de Aneby, todos no condado de Jönköping. Ao norte limita tamén co concello de Ydre no condado de Östergötland e ao leste cos municipios de Vimmerby e Hultsfre no condado de Kalmar.

O concello de Eksjö atópase en Vedbo, un dos tradicionais "pequenos länder" de Småland.

A área do municipio está nas terras altas de Småland. O puntos máis altos son Kulla Backar, a 342 metros sobre o nivel do mar, e Skurugataberg, preto de Skuruhatt, a 337 metros.

Topografía e hidrografía O leito rochoso co seu sistema de fracturas en dirección nor-noroeste - sur-sueste ten un claro impacto na paisaxe, especialmente no sistema de lagos Mycklaflon-Skedesjön e no estreito e profundo barranco de Skurugata. Skurugata, que se estende por máis de 800 metros e ten máis de 30 metros de profundidade, é un exemplo destacado deste fenómeno e é unha reserva natural.

Crese que a acción do xeo terrestre e a auga do seu desxeo reforzou aínda máis as fendas naturais do leito rochoso. Ränneslätt, o antigo campo de adestramento militar fóra de Eksjö, é unha parte cha e areosa dun delta dun río glaciar máis grande. Nas proximidades hai varios lagos pequenos, chamados dödissjöar, que son hábitats importantes para as aves. O ferrocarril entre Eksjö e Mariannelund segue en gran parte depósitos glaciares, mentres que o resto da área consiste principalmente en morenas.

As áreas agrícolas que se estenden ao longo de Askerydsvägen, ao norte de Eksjö, teñen un carácter paisaxístico cultural característico de Småland. A reserva natural de Norrsånna, na costa norte do lago Mycklaflon, é un antigo prado de feo con elementos de carballos, que agora se mantén aberto para o pastoreo de gando vacún e ovellas.

Divisións administrativas Ata o ano 2016, para efectos de informes de poboación, o concello estaba dividido en sete congregacións: Edshult, Eksjö, Hult, Hässleby-Kråkshult, Höreda, Ingatorp-Bellö e Mellby.

A partir de 2016 o municipio divídese no seu lugar en nove distritos, que coinciden coas anteriores parroquias: Bellö, Edshult, Eksjö, Hult, Hässleby, Höreda, Ingatorp, Kråkshult e Mellby.

Notas

Categoría:Concellos de Suecia Categoría:Condado de Jönköping