Enrique Domingo Flamini, coñecido en Italia como Enrico Flamini, nado en Rosario o 17 de abril de 1917 e finado en Roma o 11 de xaneiro de 1982, foi un futbolista italo-arxentino, que xogaba como dianteiro e centrocampista.

Era alcumado Flaco ("Fraco" en español) debido á súa complexión física.

Traxectoria Despois de xogar no seu país natal no Racing Club de Avellaneda e no Talleres de Remedios de Escalada, chegou a Italia seis meses antes de que comezase a tempada 1939/40, na procura de documentos que acreditasen a súa ascendencia italiana. Tras conseguilo, fichou como "oriúndo" pola Lazio, por recomendación do director deportivo Alfredo Di Franco.

Debutou co club romano nun amigable en Nápoles e de inmediato demostrou a súa velocidade e precisión no tiro. O 26 de maio de 1940, co equipo pasando por un mal momento, marcou o gol decisivo no derbi que o seu equipo gañou por 1-0 ante a Roma, cun disparo desde lonxe que bateu ao porteiro rival Guido Masetti. Durante a Segunda guerra mundial deixou Italia e regresou a América do Sur, onde militou primeiro no Peñarol e logo no Cruzeiro de Rio Grande do Sul co adestrador húngaro Imre Hirschl. Trala fin do conflito volveu ao Lazio, no que militou ata 1954, cun breve paso intermedio polo Reggiana. O seu balance coa Lazio foi de 283 partidos oficiais e 44 goles.

Rematou a súa carreira en 1955, tras unha tempada no Terracina, da IV Serie.

Despois de colgar as botas traballou durante anos como adestrador na canteira da Lazio. Na tempada 1960/61 colleu as rendas do primeiro equipo, trala marcha de Fulvio Bernardini, pero non puido endereitar o mal rumbo do equipo, que acabou descendendo á Serie B por primeira vez na súa historia. Máis tarde foi segundo adestrador de Bob Lovati no equipo.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en BDFA.com.ar .

Categoría:Nados en Rosario Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 1982 Categoría:Arxentinos de ascendencia italiana Categoría:Futbolistas da Arxentina Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing Club de Avellaneda Categoría:Xogadores do SS Lazio Categoría:Xogadores do CA Peñarol Categoría:Xogadores do AC Reggiana 1919 Categoría:Adestradores de fútbol da Arxentina Categoría:Adestradores de fútbol de Italia Categoría:Adestradores do SS Lazio