O ireré antillano (Dendrocygna arborea) é unha especie de ave da orde das anseriformes, familia dos anátidos e subfamilia dos dendrocigninos, unha das 8 integradas no xénero Dendrocygna.
Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1758 por Carl Linnaeus, na 12ª edición do seu Systema Naturae.Dendrocygna arborea (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consultado o 28 de outubro de 2022.Dendrocygna arborea (Linnaeus, 1758) na BioLib. Consultada o 28 de outubro de 2022.
Sinónimo Ademais de polo seu nome actualmante válido, a especie coñeceuse tamén polo sinónimo: Anas arborea Linnaeus, 1758 (protónimo)
Etimoloxías O nome do xénero está formado pola unión dos elementos Dendro- e -cygna. O primeiro está tirado do grego antigo δένδρον déndron, "árbore", e o segundo do latín cygnus, "cisne".Dendrocygna no Merriam-Webster Dictyonary.
O epíteto específico, arborea, alude aos seus hábitos (véxase máis abaixo).
Características Dendrocygna arborea é o máis grande e escuro dos dendrocigninos. Cunha lonxitude de 48 a 58 cm, as femias pesan de 800 a 1.320 g, e os machos de 760 a 1.240 g. Esta especie ten aproximadamente o tamaño dun lavanco.Carboneras, C. e G. M. Kirwan (2020): "West Indian Whistling-Duck (Dendrocygna arborea), version 1.0. In Birds of the World (J. del Hoyo, A. Elliott, J. Sargatal, D. A. Christie, & E. de Juana, Editors). Ithaca, NY, USA: Cornell Lab of Ornithology.
Ten un peteiro longo e negro, así como a cabeza e as patas. O pescozo é pálido, e a cara parda clara. A cabeza, o lombo, o peito e as ás son de cor de parda escura a negra, e o resto das partes inferiores son brancas con marcas negras.
As plumaxes de ambos os sexos son similares, agás que os xuvenís son de cores máis apagadas e teñen un patrón da cor do ventre menos contrastado.
Distribución É unha especie endémica de varias illas caribeñas. Encóntrase en Cuba, illas Caimán, República Dominicana, Porto Rico, Haití, Xamaica e as Bahamas.BirdLife International (2019): Dendrocygna arborea na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 28 de outubro de 2022.
Dieta e comportamento É unha ave principalmente nocturna, habitando en pantanos arborados e mangleirais, onde descansa e se alimenta de vexetais, incluíndo o froito da palmeira Roystonea regia, coñecida como palma real, que á a árbore nacional de Cuba. Habitualmente pousa nas árbores, o que dá lugar ao seu nome específico.
Reprodución Rexistráronse niños nas cavidades de árbores, nas pólas, e no chan baixo as palmeiras e arbustos densos.
O tamaño habitual da posta é de 10 a 16 ovos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew & Sargatal, Jordi, eds. (1992): Handbook of Birds of the World. Volume 1: Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 84-8733-410-5. Sibley, David Allen (2000): The Sibley Guide to Birds. Nova York: Alfred A. Knopf. ISBN 978-0-6794-5122-8.
Outros artigos Anseriformes Anátidos Dendrocigninos
Ligazóns externas Dendrocygna arborea (Linnaeus 1758) na EOL.
Categoría:Anátidos Categoría:Aves de América Categoría:Animais descritos en 1758 Categoría:Taxons descritos por Linné