A Ponte das Correntes, é unha ponte en arco atirantado ou bow-string que cruza o río Lérez na cidade de Pontevedra. Foi inaugurada en 2012 e conecta a avenida de Uruguai co paseo de Domingo Fontán.

Historia O lugar da ponte coñécese como As Correntes, por ser o punto de encontro das augas do río Rons coas do río Lérez e a ría de Pontevedra. Desde 1989 estaba prevista a construción dunha nova ponte neste lugar das Correntes para conectar as dúas beiras do río Lérez. Con todo, non foi ata principios do século XXI cando se retomou esta idea para ofrecer outra saída do centro da cidade cara ao norte e as praias da ría de Pontevedra e un acceso directo á autoestrada AP-9.

En 2008, o concello organizou un concurso de ideas para decidir o deseño da nova ponte. Finalmente, elixiuse unha das propostas de ponte de arco tensado porque combinaba modernidade e integración na contorna urbana, xa que a altura de 10 metros dos seus dous arcos metálicos non se consideraba excesiva para non obstaculizar a vista da Basílica de Santa María a Maior. A construción da ponte comezou o 23 de decembro de 2008. Inaugurouse o 28 de xuño de 2012 coa súa apertura ao tráfico rodado.

Descrición A ponte ten unha lonxitude total entre estribos (luz) de 116 metros. A súa estrutura principal consta de dous arcos paralelos formados por tubos de aceiro branco de 10,5 metros de altura dos que colgan 17 tirantes de aceiro para soportar o taboleiro da ponte. Os arcos de aceiro apóianse en cimentos de formigón armado. A súa estrutura é lixeira, elegante e diáfana.

Ten dous carrís para tráfico rodado en cada dirección e dous carrís para bicicletas. A ambos os dous lados da ponte hai unha pasarela peonil cuberta. O tráfico peonil e ciclista está separado do tráfico motorizado. A funcionalidade da ponte deseñouse cun paso subterráneo peonil con luz natural a través da rotonda superior da avenida de Uruguai. Este paso subterráneo peonil, que discorre baixo a ponte, está protexido no lado da ría por paneis de cristal, de maneira que se pode ver a auga durante as mareas altas cando o nivel do mar sobe.

Galería

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Ponte do Burgo Ponte dos Tirantes Ponte da Barca Ponte de Santiago Ponte de Ponte Sampaio

Ligazóns externas Ponte das Correntes na web de Structurae Proxecto de Ponte das correntes

Categoría:Pontes de Pontevedra Categoría:Río Lérez Categoría:Ría de Pontevedra