Elbira Zipitria Irastorza, nada en Zumaia o 28 de maio de 1906 e finada en Donostia o 26 de decembro de 1982, foi unha pedagoga vasca, impulsora do ensino en éuscaro.
Traxectoria Sendo nena, a familia mudouse a Donostia. Nesta cidade matriculouse en 1922 na carreira de Mestra de Primeiro Ensino, que entón constaba de catro cursos.
Ao acabar os estudos, en 1926 comezou a traballar no centro educativo euskaldún Koruko Andre Mariaren Ikastetxea (Escola Virxe do Coro) de Donostia, fundado e patrocinado por Miguel Muñoa Pagadizabal. Zipitria daba aulas a alumnado de até seis anos de idade.
República e Guerra Civil Compaxinou a súa actividade como ensinante en éuscaro coa militancia política e cultural. Foi membro da Emakume Abertzale Batza (asociación feminina do Partido Nacionalista Vasco, da que chegou a ser secretaria en 1934), de Acción Popular Vasca (Euskaltzaleak) e da Sociedade de Estudos Vascos (Eusko Ikaskuntza).
Durante a Segunda República fundou en Donostia a primeira ikastola, na rúa Ikatz.
Durante a Guerra Civil viuse obrigada a refuxiarse en Lapurdi (Iparralde). Primeiro estivo en Azkaine, logo pasou a Ziburu, a Sara e posteriormente a Donibane Lohizune a finais de 1939.
O movemento de ikastolas de posguerra Ao remate da guerra volveu a Donostia, onde comezou a dar clases particulares. Durante o franquismo as ikastolas víronse obrigadas a funcionar na clandestinidade e Zipitria dedicouse a impartir clases de éuscaro desde 1943. Para iso aproveitou un pequeno baleiro legal que permitía que mestres e mestras tituladas ensinasen a menores até os nove anos. Realizou esta actividade en vivendas particulares e con grupos moi reducidos. A partir de 1946 trasladou a docencia ao seu enderezo, no número 26 da rúa Fermín Calbetón.
O alumnado ía en aumento, polo que houbo de formar e incorporar novas mestras. Así o fixo coas irmás Amale e Itziar Arzelus. En 1949 propúxolle a Amale que se encargase dos nenos e nenas que asistían á ikastola sen un bo dominio do éuscaro. Esta pasou a dar as leccións no seu propio enderezo. O ano seguinte Itziar Arzelus, mestra titulada, asistiu durante uns meses ás clases de Elbira. Aprendeu o seu método pedagóxico e inaugurou no enderezo familiar unha ikastola para alumnos e alumnas de tres e catro anos.
En 1953 incorporouse ao movemento da ikastola Faustina Karril. Despois de tres meses con Elbira aprendendo o seu método, abriu nun cuarto alugado unha ikastola tamén para alumnado de tres e catro anos. Durante o curso 1952-1953 uniuse Karmele Esnal, quen posteriormente desempeñaría un papel fundamental na fundación do Liceo Santo Tomás.
Zipitria continuou a formar mestras mozas para a docencia en éuscaro até 1968. En 1957 unha das súas discípulas abriu a primeira ikastola de Bilbao e outras mestras formadas por Zipitria fundaron centros en Donostia e noutras poboacións de Guipúscoa. Noutros casos, ikastolas que xa existían, como as de Elgoibar, Lazkao ou Beasain, adoptaron o método de Zipitria. As mestras formadas por ela tamén foron transmitindo os seus coñecementos a novas xeracións.
Ikastola Orixe Até 1968 as mestras en éuscaro encubrían o seu traballo como clases particulares, xa que estaba permitido que unha mestra titulada ensinase a un máximo de dez alumnos. Deste xeito impartían clases a alumnos e alumnas dos tres aos nove anos. Posteriormente os estudantes habían realizar un exame de ingreso en escolas de lingua castelá. Alí realizaban o curso preparatorio para se presentaren ao exame de ingreso ao Bacharelato.
No curso 1967-1968 estabeleceuse a obrigatoriedade de presentar o «Libro de Escolaridad» para estudar o curso preparatorio. Ningunha ikastola reunía os requisitos legais para proporcionalos. As autoridades gobernamentais tomaron medidas, como rexistros policiais e frecuentes visitas de inspección educativa, que dificultaban o traballo das ikastolas. O 19 de xullo de 1968 o gobernador civil de Guipúscoa, Enrique Oltra Moltó, prohibiu a apertura de novos centros de ensino sen a correspondente autorización. Isto obrigou a aqueles que xa funcionaban a solicitaren a súa legalización.
Elbira Zipitria reuniuse con outras profesoras co obxectivo de fundaren a ikastola Orixe. O centro adoptou o nome oficial de "Escuela Parroquial de Santa María", nomeouse responsábel ao párroco, José Elgarresta Iturbe, e tiña como sede uns locais parroquiais. Con eses datos solicitaron a legalización en decembro de 1968. O inspector de educación visitou a ikastola en xuño de 1969. Malia atopar que os niveis de coñecementos do alumnado eran satisfactorios, así como as técnicas pedagóxicas, a «Formación del Espíritu Nacional» non se impartía de forma aceptábel. A tramitación quedou en suspenso, mais o 8 de setembro de 1970 autorizouse finalmente a apertura do centro.
Zipitria deixou Orixe en 1971, ao xubilarse.
Notas
Categoría:Nados en Zumaia Categoría:Pedagogos de España Categoría:Profesores do País Vasco Categoría:Lingua éuscara Categoría:Nados en 1906 Categoría:Finados en 1982