Ildefonso Graña Cortizo, coñecido polo nome de Alfonso Graña, nado en Amiudal (Avión) o 5 de marzo de 1878 e finado en Iquitos (Perú) en 1934, foi un aventureiro e explorador galego, coñecido tamén polo alcume de rei dos xívaros ou de Alfonso I do Amazonas.
Traxectoria miniatura|Graña canda Mariano o Bruxo e un grupo de técnicos occidentais. A emigración Fillo dun xastre da familia dos Chulos de Amiudal, emigrou de mozo ao Brasil, como unha parte dos habitantes da súa parroquia, e estableceuse en Manaos e en Belén do Pará, na selva amazónica. Ao pouco (1910) marchou a traballar o caucho a Iquitos (Perú), e alí permaneceu unha década. Fixo unha fonda amizade con Cesáreo Mosquera Chousal, outro emigrante e aventureiro que fora soldado en Filipinas e que vivía no departamento peruano de Loreto do negocio dunha libraría. Mosquera foi unha das principais fontes de coñecemento da vida de Graña.
Sobre 1920 a produción mundial do caucho entrou en crise, os prezos derrubáronse. Alfonso Graña marchou cara á selva e deixou a civilización á procura dun futuro mellor. Algunhas fontes sinalan que marchou para agocharse logo de asasinar o seu patrón caucheiro. Acompañábao nesa viaxe un veciño de Abelenda (Avión), de que non se garda o nome.
A selva miniatura|Avia, Ambuxo, Costea, Bisuma e Graña, en casa de Mosquera. Na selva tomou contacto cunha tribo de indíxenas xívaros huambisas e aguarunas, que presumibelmente mataron o seu acompañante e prendérono a el. Segundo a súa propia historia, a filla do xefe xívaro namorou del a primeira vista e por iso non o executan. O certo é que a relación co pobo xívaro foi moi intensa, ata o punto de suceder o xefe cando morreu. A partir dese momento, a finais dos anos vinte, Alfonso Graña converteuse en líder e fixo incursións na cidade canda eles para acudir a servizos, ir ao médico, comerciar…
Ese liderado levouno tamén a negociar coa empresa estadounidense Standard Oil a realización de sondaxes á procura de petróleo dentro do territorio controlado polos indíxenas, que podemos crer o comprendido entre os ríos Nieva, Santiago e Alto Pastaza.
A principios dos anos trinta coñeceu o aviador ferrolán Francisco Iglesias Brage, que estaba a preparar unha expedición ao Amazonas, e participou da súa organización. A viaxe foi cancelada finalmente pola Guerra Civil. miniatura|Alfonso Graña cun grupo de indios. O 22 de febreiro de 1933 tres hidroavións do exército peruano, que estaban a participar na guerra de Leticia contra Colombia, víronse obrigados a amarar de emerxencia por culpa dunha treboada. Nesa amaraxe faleceu un dos pilotos, Alfredo Rodríguez Ballón, e dúas das tres máquinas resultaron fatalmente avariadas. O hidroavión sobrevivente engalou cos pilotos e cun mecánico ferido, e Graña e a súa xente encargáronse de transportar polo río os restos dos dous hidroavións así como o cadáver do piloto ata a cidade, polo curso do río Nieva, famoso pola súa perigosidade con rápidos como o Pongo de Manseriche. A raíz dese xesto, Alfonso Graña foi condecorado polas forzas aéreas peruanas e o goberno concedeulle oficialmente a explotación das salinas da selva, algo que xa de feito estaba facendo. O aeroporto de Arequipa leva o nome do piloto.
Da súa relación coa india, da que non se garda nome, sinálase que tivo dous fillos, un neno e unha nena, pero que a nena morreu moi nova. El morreu de cancro de estómago, con 56 anos. Durante ese tempo realizou unha viaxe a Galicia, para visitar a familia, e levou a súa irmá Florinda para vivir con el na selva. Pero aos meses a irmá deixou a selva e estableceuse en Iquitos.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Fernández Sendín, Maximino. "Ildefonso Graña Cortizo ". Diccionario Biográfico Español, Real Academia de la Historia. Fernández Sendín, Maximino (2005). Alfonso I Rey de la Amazonia. Rey de los jíbaros. Edición do autor. Allegue, Gonzalo (1992). Galegos: as mans de América. Ed. Nigra.
Serna, Víctor de la (1933). "Mosquera y Graña, capitanes de la selva". Crónica de la Expedición Iglesias al Amazonas. Núms. 11-12. pp. 6-7. Madrid. Serna, Víctor de la (1935). "Gestas de españoles contemporáneos". Diario "Ya".
Outros artigos Pobo shuar Ligazóns externas Extractos do libro de Fernández Sendín
Categoría:Galegos do Perú Categoría:Pobo shuar Categoría:Exploradores Categoría:Nados en Avión Categoría:Nados en 1878 Categoría:Finados en 1934 Categoría:Finados por cancro