Maria Gomes de Oliveira (coñecida como Maria de Déa e, tras a súa morte, Maria Bonita), nada en Paulo Afonso o 17 de xaneiro de 1910 e finada en Poço Redondo o 28 de xullo 1938, foi unha cangaçeira brasileira, compañeira de Virgulino Ferreira da Silva, O Lampião. Foi a primeira muller en participar nun grupo de cangaço, unha modalidade de bandidismo asentada no nordeste do Brasil entre o século XIX e mediados do século XX.
Traxectoria
Orixe Foi filla de Maria Joaquina Conceição de Oliveira, coñecida como Dona Déa, e de José Filipe Gomes de Oliveira. Maria naceu e criouse no seo dunha familia humilde na aldea de Malhada da Caiçara, que actualmente se atopa no concello de Paulo Afonso. Daquela pertencía ao concello de Santo Antônio de Glória, antigo nome de Glória, no interior de Baía.
Primeiro Matrimonio Aos quince anos, nun matrimonio concertado polas familias, casou co seu curmán, o zapateiro Zé de Neném. A relación foi problemática, pois Maria sufriu as infidelidades e o maltrato do seu marido alcólico. Por vinganza, comezou a enganalo con varios homes. O seu matrimonio rompeu definitivamente ao coñecer a Virgulino Ferreira da Silva.
Unión co Lampião e entrada no cangaço En 1929, aínda casada, converteuse na amante de Virgulino Ferreira da Silva, coñecido como O Lampião. Ese mesmo ano fuxiu con el para formar parte da banda do cangaço, na que foi coñecida como Maria da Déa ou Maria do Capitão. Coñecida pola súa beleza e forte personalidade, a diferenza das demais mulleres do cangaço, Maria nunca foi maltratada polos cangaceiros e tiña varios privilexios. Levaba vestidos de seda, luvas con estampados florais, sandalias e botinas. Tamén usaba xoias caras, broches, moedas de prata e decoraba o cabelo con adornos de ouro. No pescozo e nos pulsos levaba o mesmo perfume francés có Lampião.
A vida no cangaço era difícil, pois pasaban moitas necesidades e vivían agochados. Os seus membros tiñan, amais, moitas supersticións. Os homes tiñan certos requisitos e rituais respecto ás relacións sexuais coas cangaçeiras. Por exemplo, Maria non podía deitarse co Lampião os venres. Tampouco se permitían as relacións na véspera de fuxir a un novo agocho. Antes de calquera acto sexual, as mulleres debían bañarse. Unha parte da auga do río gardábase só para a limpeza das súas partes íntimas. Por contra, os homes ás veces non se lavaban, e mesmo transmitían infeccións de transmisión sexual que contraían nos cabarés da comarca. Porén, as supersticións eran seguidas moi en serio nas relacións sexuais dentro do cangaço. Esa noite os cangaceiros quitaban os seus colares de oración.
Constantemente enganada polo Lampião, Maria tivo varios ataques de celos, mais este tratábaa con paciencia e cariño. En 1931 os dous mesmo viaxaron a unha granxa para gozaren da lúa de mel que non tiveran. Porén, para Maria non foi suficiente. Varios testemuños aseguran que Maria, por vinganza, iniciou unha relación extramatrimonial co comerciante João Maria de Carvalho. Do seu amante recibiu zapatos, roupa e outros agasallos, mais disque Lampião nunca sospeitou.
Pouco despois da lúa de mel, Maria quedou embarazada. Confirmouse que tivo unha filla co Lampião, Expedita Gomes de Oliveira Ferreira, a única recoñecida legalmente. De acordo coas regras de cangaço, a nena foi criada por unha parella de amigos vaqueiros.
Con todo, hai dúbidas sobre o parentesco dos supostos xemelgos Arlindo e Ananias Gomes de Oliveira. Ambos eran considerados fillos de María Bonita e O Lampião. Porén, outras fontes afirman que eran os irmáns máis novos de Maria.
Morte O 28 de xullo de 1938, cando os cangaçeiros estaban acampados na Grota de Angicos, en Poço Redondo (Sergipe), a banda foi atacada por sorpresa pola policía oficial armada, coñecida como volante. Foron abatidos a tiros e posteriormente decapitados. Maria recibiu dous disparos cando tentaba escapar: un no abdome e outro nas costas. Pouco despois foi decapitada viva por José Panta de Godoy, o mesmo que lle disparou.
Na cultura popular
Nome A baiana era coñecida dende pequena como María de Déa, en referencia á súa nai. Nin a familia de Lampião nin a súa banda a chamaron María Bonita, alcume que só se popularizou despois da súa morte. Existen varias versións sobre a orixe deste nome. Un deles di que foi un invento de xornalistas da prensa de Río de Xaneiro, posibelmente inspirado na película Maria Bonita (1937), baseada na novela homónima de 1914 de Afrânio Peixoto. Outra teoría afirma que a alcumaron así os soldados, impresionados pola beleza da cangaçeira, cando foi asasinada.
Patrimonio histórico En 2006 o goberno municipal de Paulo Afonso restaurou a casa da infancia de Maria Bonita, onde creou o Museo Casa de María Bonita.
Literatura En 2018 a xornalista Adriana Negreiros publicou o libro Maria Bonita. Sexo, Violência e Mulheres no Cangaço.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Categoría:Finados en 1938 Categoría:Nados en 1910 Categoría:Brasil