A Praza das Cinco Rúas é unha praza de orixe medieval situada en pleno centro histórico da cidade de Pontevedra.

Orixe do nome A praza debe o seu nome ao feito de que nela conflúen cinco rúas do centro histórico: as dúas partes da rúa de Isabel II e as rúas de Paio Gómez Chariño, Barón e San Nicolás.

Historia A praza naceu na Idade Media como encrucillada de varios camiños. Non formaba parte da primeira muralla do recinto da vila do século XII e estaba no lado exterior da porta do Leste, ao final da rúa Paio Gómez Chariño. A praza foi amurallada no século XV e nela localizábase o torreón do Rouco. Denominábase praza dos Mendiños (nome da parte inferior da rúa Isabel II). Con posterioridade denominouse praza da Independencia.

A finais do século XIX Valle-Inclán viviu na casa que pecha a praza polo oeste entre 1893 e 1895 cando escribiu o seu libro Femeninas. No século XX a praza pasou a denominarse praza de Rogelio Lois. Con motivo da morte de Rogelio Lois en 1905, La Ilustración Gallega homenaxeouno e xestionou co Concello de Pontevedra unha praza que levase o seu nome.

A praza foi reformada a partir de novembro de 1962 polo arquitecto e urbanista Francisco Pons Sorolla coa finalidade de destacar a beleza e o encanto do conxunto histórico. Para aumentar a zona de uso público da praza, estableceuse unha xerarquía de espazos, diferenciando o punto central das áreas contiguas, mediante a instalación dun elemento destacado, ambientándoa cun cruceiro que foi traído do barrio de Estribela na parroquia de Lourizán. Modificouse o espazo da praza para obter un acusado movemento de volumes. As escaleiras nos distintos planos coordináronse coa escaleira da casa ao lado oeste, logrando unha composición arquitectónica nobre. Para manter o ambiente típico do recinto, reformouse unha casa da praza para plasmar o carácter das vellas casas mariñeiras do litoral.

O 25 de abril de 1996 aprobouse a recuperación da toponimia tradicional das rúas e prazas do centro histórico da cidade e a praza recuperou o seu tradicional nome de Cinco Rúas.

Descrición É unha pequena praza de forma rectangular irregular, peonil como o resto do centro histórico da cidade. Está organizada en dúas alturas ou niveis debido á desigualdade no terreo en descenso desde un dos dous outeiros do centro histórico, xunto á basílica de Santa María a Maior, cara ao río Lérez. Ao oeste atópase o nivel superior separado por un pequeno muro de pedra, co cruceiro destacado na esquina e escaleiras no medio para subir a esta plataforma pétrea. A parte baixa da praza, cruzamento das rúas circundantes, é a zona de tránsito onde conflúen as cinco rúas que lle dan nome e que é zona de tapeo, con terrazas dos bares e restaurantes nos baixos das casas de arquitectura tradicional galega que a arrodean.

A praza está dominada por un gran cruceiro barroco de 1773. O cruceiro levántase sobre un pedestal ou base granítica e está ornamentado con varias esculturas que se estenden polo fuste, o capitel e a cruz. Na parte inferior están representados Adán e Eva tentados pola serpe e probando o froito da árbore da ciencia mentres que no fuste se sitúa a imaxe de Santo Antonio co Neno no colo á beira dunha inscrición que pide unha oración polas ánimas do purgatorio e o Arcanxo Miguel. Na parte superior, sobre o capitel, o pecado orixinal é redimido por Cristo crucificado cun frade á beira.

Edificios destacados No lado sur da praza, facendo esquina coa rúa Paio Gómez Chariño, atópase unha casa barroca do século XVIII. Presenta óculos circulares na planta baixa. As fiestras e portas teñen recercados simples e pilastras de ángulo.

Xusto ao final da parte superior da praza, a casa barroca do número 27 da rúa Isabel II, orixinaria de 1450, ten 4 escudos de armas na súa fachada, dos cales tres son case idénticos con armas dos Pimentel e dos Figueroa, con dúas cunchas de vieira e dúas follas de figueira en forma de cruz. Un deles presenta a ambos os dous lados a seguinte inscrición en caracteres góticos: «ESTA OBRA MAN / DOU FAZER / ESTEVAN MARTINEZ / RREGYDOR / ERA DE CCCLXXX». No centro da fachada atópase outro escudo de maior tamaño con flores de lis, rodeado de rocallas e na súa parte superior coroado por un helmo de fidalgo con penacho, cuxas armas corresponden a Melchor Francisco de Camba Flores.

Galería

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Centro histórico de Pontevedra Ramón María del Valle-Inclán

Ligazóns externas Praza das Cinco Rúas na web Terras de Pontevedra Praza das Cinco Rúas na web Turismo de Galicia Praza das Cinco Rúas na web City Plan

Cinco