José Luis Sobrino Rodríguez, coñecido como Sobrino, e fóra dos campos como Pericán, nado en Arcos (O Carballiño) o 7 de abril de 1961 e finado en Ourense o 3 de abril de 2023, foi un xogador de fútbol e concelleiro galego.

Traxectoria O pai, Juan Bautista, xa xogara ao fútbol no Carballiño, onde fora porteiro.

Xogador no centro da defensa, Sobrino comezou nos equipos de rapaces do CD Veracruz, do Carballiño, e con 24 anos xa estaba xogando na Terceira división co equipo sénior do CD Arenteiro, o principal equipo da vila. En 1987 o Arenteiro conseguiría o ascenso a Segunda división B; Sobrino xogou unha temporada en Segunda B co Arenteiro (87-88), unha co Bergantiños (88-89), na que o equipo descendería; e en 1989 fichou polo CD Ourense, que tamén xogaba en Segunda B.

Co equipo da capital ourensá xogou seis temporadas, ata 1996. Foi un defensa fundamental das aliñacións ourensanistas e co equipo vermello viviu unha das mellores épocas do club. Como capitán do conxunto, naquel tempo compartiu banco con históricos do club como Mugüerza, Pichi, Ares ou Bericat. Neses anos colaborou nos dous ascensos a Segunda División (1994 e 1996), disputou unha temporada enteira en Segunda división (1994-95), e tamén viviu un descenso a Segunda B, ao remate do ano 95.

Conseguiu no total da súa carreira un gol en Segunda división e 21 goles en Segunda División (8 co Arenteiro, 7 co CD Ourense e 6 co Bergantiños), incluído cadanseus goles nas promocións a Segunda contra o Sestao (1994) e contra o Sporting B (1996).

Logo da temporada do segundo ascenso, xogou na Ponte Ourense en Terceira división e volveu ao Arenteiro. Despois da súa retirada tamén adestrou o Leiro. Como afeccionado seguiu xogando ao fútbol un tempo, por exemplo no Barbantes Estación.

Na política Sobrino tamén participou da política municipal, e foi concelleiro en Leiro primeiro (2007-2011) e logo no Carballiño (2015-19), en ambas en representación do Partido Popular. En 2019 tamén concorreu nas listas do PP ao concello do Carballiño, pero foi pechando a lista.

Homenaxes Foi homenaxeado en maio de 2021 polo Arenteiro e en 2010 e 2015 polo Leiro CF.

Vida persoal Casara para Leiro e tivo dous fillos. Nos seus últimos anos vivía en Gomariz (Leiro). Traballou para a Deputación de Ourense.

Notas

Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Futbolistas de Galicia Categoría:Concelleiros do Carballiño Categoría:Concelleiros de Leiro Categoría:Nados no Carballiño Categoría:Nados en 1961 Categoría:Concelleiros de Galicia polo PPdeG Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en 2023