Robert Hutchings Goddard, nado en Worcester (Massachusetts) o 5 de outubro de 1882 e finado en Baltimore (Maryland) o 10 de agosto de 1945, foi un enxeñeiro, físico, profesor e inventor dos Estados Unidos pioneiro no campo da foguetería, chegando a construír o primeiro foguete de propelente líquido. Xunto co ruso Konstantin Tsiolkovskii e o alemán Hermann Oberth, está considerado un dos pioneiros do voo espacial, facendo importantes contribucións teóricas e técnicas e lanzando o primeiro foguete de propelente líquido en 1926.
Traxectoria Goddard doutorouse en física pola Universidade Clark en 1911, chegando a ser director dos seus laboratorios. Comezou os seus traballos sobre foguetes en 1909, rexistrando dúas patentes en 1914, unha delas relativa ao uso de propelentes líquidos en foguetes e a outra sobre o uso de dúas ou tres etapas en foguetes de propelente sólido, adiantándose ao seu tempo. En xaneiro de 1920 publicou no número 2540 da revista Smithsonian Miscellaneous Publication o seu artigo A Method of Reaching Extreme Altitudes. (Un método para chegar a altitudes extremas), onde detalla métodos para levar instrumentación científica a maiores alturas das que poden achegar os globos meteorolóxicos usando foguetes, para o cal desenvolve toda unha serie de teorías matemáticas da propulsión a reacción. Cara finais de 1920 Goddard indica a posibilidade de enviar un foguete á Lúa. Os periódicos recolleron a proposta, levantando gran controversia e en último termo ridiculizando a Goddard, que recelou da prensa o resto da súa vida.
Os traballos posteriores de Goddard desenvolveron as ideas do control xiroscópico dos foguetes, o control de dirección mediante aletas no foguete, o movemento das tobeiras mediante cardáns e bombas de propelente accionadas mediante motores. O lanzamento dun foguete de probas en 1929 foi o primeiro no que se enviaron instrumentos científicos a bordo, un barómetro e unha cámara. As súas ideas acabaron chegando á Sociedade de Foguetes Alemá, sociedade civil creada en 1927, co exército dese país comezando o seu programa de foguetes en 1931, culminando no mísil V-2.
As ideas de Goddard axudaron a dar inicio á era espacial, aínda que apenas foi recoñecido en vida. Goddard finou o 10 de agosto de 1945. Un dos principais laboratorios da NASA foi nomedado no seu honor, o Centro Goddard de Voos Espaciais.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Konstantin Tsiolkovskii Hermann Oberth
Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en 1882 Categoría:Finados en 1945 Categoría:Nados en Massachusetts Categoría:Físicos dos Estados Unidos de América Categoría:Astronáutica