miniatura|280px|dereita|Cruceiros de Galicia Un cruceiro é un monumento relixioso constituído por unha cruz de pedra elevada sobre unha columna, habitualmente con unha ou varias imaxes, asentada sobre unha plataforma e situado, normalmente, en lugares públicos, principalmente encrucilladas, beiras de camiños, adros de igrexas etc., lugares nos que poderían existir cultos pagáns á natureza, teoría xa proposta por Murguía e mantida por case tódolos autores"[O cruceiro] aparece logo sacralizando as encrucilladas e camiños, santificando castros ou lugares de antigos ritos pagáns" (Burgoa 2003, 14 [en castelán no orixinal])."... prodúcese unha sacralización de tódolos lugares e monumentos sospeitosos de paganismo e... tamén aparece a pretensión de cristianizar algúns miliarios romanos ó colocar sobre eles cruces, que serían un antecedente do cruceiro actual" (Clodio González (a): GEG 12, 237)."As nosas cruces de pedra coñeceron e suplantaron as aras románs e druídicas, e alí onde se derrubou un ídolo ergueuse un cruceiro" (Gumersindo Placer López: "Los cruceros", revista La Merced, Madrid 1930 (citado por Castelao: As cruces..., 105).

O cruceiro é un dos monumentos máis fortemente enraizado na terra e na cultura galegas, intimamente vencellado á paisaxe rural galega,"Os cruceiros constitúen unha das amosas máis excelsas do arte popular galego... Chegaron así a se converter en elementos case naturais da nosa paisaxe" (Francisco Fernández del Riego: "Cruceiros na xeografía galega", en La Voz de Galicia 5.12.1997)."A abundancia dos conservados no noso país convérteos nun elemento característico da paisaxe galega" (Xosé Ramón Mariño Ferro: Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galiza, Nigratrea 2010, s. v. cruceiro)."Os moimentos máis dinos de nota na nosa arte popular son os cruceiros" (Vicente Risco: "Etnografía: Cultura Espritual", en Otero Pedrayo: Historia de Galiza I, 730)."O cruceiro é un dos monumentos máis representativos de Galicia" (Clodio González (a): GEG 12, 236)."Os cruceiros prevaleceron como a manifestación artística que máis se significou por seren expresión da devoción popular" (María Dolores Barral Ribadulla: "Aspectos de lo cotidiano en el arte medieval gallego", en Xavier Castro Pérez e outros: "Alimentación, sociabilidade e vida cotiá na historia", en Semata. Ciencias Sociales e Humanidades, nº 21, 2009, 283). Xorde nos máis inesperados recunchos e constitúese en obxecto de respecto e devoción populares. Hoxe séguense a esculpir e plantar en prazas públicas, xardíns e propiedades particulares pero xa cun obxectivo enxebrista ou decorativo nada máis.

O cruceiro tamén é característico doutras rexións do mundo con fortes raíces católicas, por exemplo Irlanda en Europa onde se chaman high cross, cruces de influencia celta e que existen desde o século VII. Tamén aparecen cruceiros semellantes aos galegos e portugueses en amplas zonas de Francia (especialmente na Bretaña, onde se levantan algúns moi espectaculares chamados calvarios, con moitísimas figurasE que recolleu Castelao polo miúdo no seu libro As cruces de pedra na Bretaña.), Alemaña e Gran Bretaña. As organizacións de emigrantes galegos nos diferentes países están detrás de numerosos cruceiros en diferentes países de todo o mundo.Lucerna (Suíza); Carcasona (Francia), no museo do Château Comtal; ata Filipinas, ou o levantado en Miami en 2024 ("Empresarios gallegos en Estados Unidos inauguran en Miami el cruceiro Xacobeo", en La Voz de Galicia 6.05.2024). Nesta páxina de Cruceiros de Galicia poden verse fotografías de cruceiros en distintos países.

Distribución Non se coñece o número dos existentes en Galicia, e a distribución por provincias é desigual, observándose unha maior presenza nas provincias da Coruña e Pontevedra e sendo máis escasos nas de Lugo e Ourense.Na páxina web Cruceiros de Galicia publícase unha distribución sobre 2028 cruceiros galegos localizados en mapa. Segundo esta web, A Coruña reúne o 40,38% e Pontevedra o 36,39%, mentres que nas provincias de Lugo e Ourense só se rexistran o 12,23% e o 10,99% respectivamente [consultado o 15.04.2025 pero con datos calculados en 2016-2017. Estas cifras están necesariamente condicionadas ó maior número de informantes na Coruña e Pontevedra]. Clodio González Pérez dicía en 2003 que pasan dos 10.000, entre cruces e cruceiros.Gran Enciclopedia Galega, tomo 12, px. 236. A Universidade da Coruña, que realizou en 1993 un inventario concello a concello, estimaba o número en "polo menos 12.000".La Voz de Galicia, 17.02.2007. A revista dixital GCiencia estimaba en 2023 que hai preto de 15.000 cruceiros en Galicia.GCiencia: "Galicia ten preto de 15.000 cruceiros, a maioría dos séculos XVII e XVII" [consultado o 15.04.2025].

Como exemplo, hai catalogados "case 140 cruceiros, cruces e petos" no Porriño,Pérez Rego, David (2006): Catálogo de cruceiros, cruces e petos de ánimas do Porriño., 118 en Rianxo Lois M. Blanco, La Voz de Galicia, 4.03.1993. "algo máis de 300" en Vilalba, máis de 250 na comarca de Pontevedra.La Voz de Galicia, 7.10.2006. Segundo o inventario que realizou Yves Castel en 1980, a Bretaña francesa contaría cuns 9.000.

Clasificación A efectos dunha máis sinxela análise, cómpre diferenciar na denominación común de cruceiro as seguintes tipoloxías: de as cruces, sen máis elementos figurativos, sen imaxe ningunha, chamados cruceiros de cruz. Pode tratarse dunha cruz sobre o fuste ou ben unha cruz na que o brazo vertical chega ata o chan, sen diferenciarse como fuste. En puridade, estes elementos non serían cruceiros.O etnógrafo Clodio González insiste en que son cousas diferentes: "A diferencia entre ambos é nidia atendendo á definición tradicional: as primeiras [as cruces] carecen de imaxes, mentres que os segundos [os cruceiros] deben ter ó menos unha, que na inmensa maioría é a de Cristo crucificado" (Clodio González (b), 13); cando describe os elementos dun cruceiro e fala da cruz, di: "Aquí está o elemento definitorio para que se consideren cruces o cruceiros: a imaxe de Cristo" (Clodio González (b), 24). os cruceiros de crucifixo, os cruceiros propiamente ditos, formados por unha plataforma, un fuste e unha cruz con imaxe nunha ou nas dúas caras (os elementos característicos que se describirán a seguir). os cruceiro de capela, de capeliña ou cruceiros de loreto, nos cales o capitel está substituído por unha furna ou capeliña en pedra cunha imaxe no seu interior. Este tipo de cruceiros agrúpanse case todos na península do Barbanza, concentrándose ó longo das beiras das rías de Arousa e Noia. Os cruceiros de imaxe, nos que a cruz superior está substituída pola imaxe da Virxe ou dalgún santo.

Os máis frecuentes, con diferenza, son os cruceiros de crucifixo, que representan o 63,71% do total, seguidos polos cruceiros de cruz, que ascenden ó 29,39%. Moito máis raros son os cruceiros de capela (un 2,27%) e os de imaxe (só un 0,74%).Datos tomados da páxina web Cruceiros de Galicia [consultado o 15.04.2025 pero referidos a 2016-2017].

Outras estruturas relacionadas cos cruceiros son os calvarios e os viacrucis. Os calvarios son conxuntos de tres cruceiros nos que se representa a Cristo na cruz central e ós dous ladróns nas cruces laterais. Poden adoptar unha forma simplificada na que se levanta un cruceiro central e dúas cruces a ámbolos lados ou, ben son tres cruces das que destaca a central polo seu maior tamaño. Polo seu merecemento, cómpren destacar os calvarios de Santa María, de Castro Barbudo (Ponte Caldelas)Calvario de Castro Barbudo., o de San Martiño (en Bueu), o de Beade ou o de Bieite (Leiro), moito máis simple.

Os viacrucis son conxuntos de catorce cruces sinalando un camiño chamado Vía dolorosa ou Vía sacra. Adoitan ser cruces consecutivas, dispostas linealmente, de maior ou menor tamaño que rematan nun cruceiro ó final do camiño (mesmo un calvario, como o de Sorribas, en Rois). Mesmo así, pódese destacar o viacrucis do Casal, en Estacas (Cuntis), formado por catorce cruceiros completos.

Mención á parte merecen os petos de ánimas, outra mostra da escultura relixiosa pero de características propias.

Orixe miniatura|Cruceiro do adro de San Roque de Melide, o máis antigo de Galicia.

Xa desde os principios do cristianismo se buscou unha sacralización dos lugares de culto pagán ou sospeitosos de ter tal culto. Con ese obxectivo colocáronse cruces sobre pedras con algunha simboloxía, sobre menhires ou miliarios. Así temos, en Pedrouzos (O Castro de Caldelas) un penedo natural, chamado Pena do Pendón, sobre o que se colocou unha cruz; ou o Penedo de Queiroás, en Allariz, sobre o que se levantou un cruceiro. Outro exemplo desta intención cristianizante é o cruceiro de Presqueira (Baños de Molgas), levantado sobre un petróglifo, ou o cruceiro chantado sobre a Pedra da serpe, en Gondomil (Corme, Ponteceso), posible ara dun antigo culto ofilátrico que terminou sendo sacralizado coa cruz.

Por outra banda e co mesmo obxectivo, están as cruces colocadas sobre miliarios romanos, das que aínda quedan exemplos como o cruceiro de Foncuberta, en Maceda (Ourense)."A unión do bloque do miliario e a cruz crea un conxunto monumental do que en Galicia aínda se conservan algúns exemplos, como o de Foncuberta, no concello ourensán de Maceda" (Clodio González (a): GEG 12, 237).Castelao cita numerosos exemplos de miliarios cristianizados en Galicia (Redondela, Pontevedra, Lobeira), Portugal (Viana do Castelo, Bouro), Bretaña ou Irlanda (Castelao 1949, 79-83).

En calquera caso, parece aceptarse unanimemente a teoría de Castelao de que os cruceiros son unha creación gótica.Teoría compartida polos investigadores, desde Xosé Filgueira Valverde ata Xosé Carlos Valle Pérez (Clodio González (a): GEG 12, 237). A orixe dos cruceiros, tal como os entendemos hoxe, pode situarse na segunda metade do século XIV ou xa no século XV. O seu maior desenvolvemento produciuse no século XVIII, se ben non foron realmente valorados e estudados ata ben entrado o século XX, a partir dos exhaustivos traballos de Castelao sobre as cruces de pedra en Galicia e na Bretaña (publicados como As cruces de pedra na Galiza e As cruces de pedra na Bretaña).Pero non se poden esquecer os precedentes de Bernardo Barreiro, quen publicou en 1888 La Cruz del Hombre Santo e en 1889 Monumentos populares: las cruces y los cruceros, textos nos que xa denunciaba o desinterese de intelectuais e gobernantes por estes monumentos.

Castelao defendía a tese de que os cruceiros foron introducidos en Galicia por influencia das viaxes de San Vicente de Ferrer,Teoría hoxe desacreditada. Véxase Xesús Alonso Montero: Os escritores galegos ante a guerra civil española, 1936-1939, Galaxia, 2006, 314. que estivo por terras galegas en 1412 e trouxo o modelo das cruces de termo levantinas. Tamén viaxou pola Bretaña francesa en 1419, onde morreu, o que permite explicar a semellanza entre os cruceiros galegos e bretóns. Esa semellanza podería deberse á influencia que exerceu o Camiño de Santiago, que permitiu que os peregrinos bretóns trouxeran e levaran estilos e iconografías. Francisco Fernández del Riego comparte a opinión de que foron os peregrinos a Santiago os introdutores destas cruces."O labrado artístico das cruces ten en galicia lonxanos antecedentes. Chegou aquí este labrado pola vía das peregrinacións a Compostela, a través dos camiños que viñan de Europa desenvolveuse, estendeuse tal expoñente do arte medieval" (Francisco Fernández del Riego: "Cruceiros na xeografía galega", en La Voz de Galicia 5.12.1997).