O Xapón (en Nihon ou Nippon; oficialmente 日本国, Nihon-koku , literalmente: "Estado do Xapón") é un país insular situado no Extremo Oriente asiático. Circundado polo leste polo océano Pacífico e polo oeste polo mar do Xapón, ao oeste está a China, Corea do Norte, Corea do Sur e Rusia, estendéndose dende o mar de Okhotsk ao norte, até o mar da China Oriental e Taiwán ao sur. Os caracteres que compoñen o nome do Xapón significan 'sol orixe', polo que o país é chamado ás veces a "Terra do Sol Nacente".
O país nipón é un arquipélago estratovolcánico composto por 6 852 illas. As catro maiores e principais illas son Honshu, Hokkaido, Kyūshū e Shikoku, que en conxunto constitúen aproximadamente o 97% da superficie terrestre nacional. O Xapón é ademais o décimo país máis poboado do mundo, con máis de 127 millóns de habitantes. Na súa capital Tokyo residen máis de 9 millóns de persoas, sendo a sexta cidade con maior poboación do mundo, e a súa área metropolitana é a concentración urbana maior do mundo, con máis de 36 millóns de habitantes.
Investigacións arqueolóxicas indican que as illas estaban habitadas xa no Paleolítico superior, aínda que non hai ningunha referencia escrita que fale do Xapón até o século I. A historia do Xapón caracterízase pola influencia doutras rexións, principalmente a China e posteriormente a Europa occidental. Dende o século XII até o ano 1868 o Xapón foi gobernado por sucesivas ditaduras militares feudais (shogunatos) en nome do emperador. Este longo período de illamento no que estaba somerxido non terminou até o ano 1853 cando unha frota dos Estados Unidos exerceu a presión para forzar a apertura do país a Occidente. Logo de case dúas décadas de conflito interno e insurrección, o emperador Meiji foi restituído como xefe de Estado en 1868. Este proclamou o Imperio do Xapón e converteuse no símbolo divino da nación. A finais do século XIX e comezos do XX, unha serie de vitorias na primeira guerra sino-xaponesa, na guerra ruso-xaponesa e na primeira guerra mundial permitiron ampliar o territorio do Imperio durante un período de crecente militarismo. A segunda guerra sino-xaponesa de 1937 espallouse ata formar parte da segunda guerra mundial no 1941, rematando no 1945 tralo bombardeo atómico de Hiroshima e Nagasaki. Dende a adopción da Constitución revisada de 1947, o Xapón mantén unha monarquía constitucional unitaria, cun emperador (Tennō) e un parlamento democrático chamado Kokkai, no sistema coñecido como Dieta do Xapón.
Xapón é membro das Nacións Unidas, do G7, do G8 e do G20, e está considerado unha das principais potencias mundiais. No 2015 era o terceiro país do mundo por PIB nominal e o cuarto por PIB de paridade de poder adquisitivo, así como o cuarto maior exportador e importador mundial. Aínda que o Xapón renunciou oficialmente ao seu dereito a declarar a guerra, mantén unha forza militar moderna usada para funcións de autodefensa e mantemento da paz, cuns dos maiores orzamentos mundiais. É un país desenvolvido cun alto nivel de vida e un Índice de Desenvolvemento Humano alto, coa maior esperanza de vida e a terceira menor mortalidade infantil do mundo, na primeira posición en canto a número de premiados co Nobel de Asia. É o primeiro país no Global Competitiveness Report de 2015-2016 e o primeiro país asiático no Índice Global de Paz. Foi tamén o primeiro país de Asia anfitrión duns Xogos Olímpicos de verán e inverno.
Etimoloxía O vocábulo Xapón (Nippon/Nihon , significado literal: 'a orixe do sol'), deriva da pronuncia chinesa do nome. O carácter 日 é a evolución dun círculo cun punto central que representa ao sol, e 本 representa a raíz dunha árbore e tamén ten o significado de orixe. A expresión «País do Sol Nacente» ou «Terra do Sol Nacente» fai referencia a esta etimoloxía do nome en xaponés. Antes de que Nihon pasase a ser de uso oficial, Xapón era coñecido como ou .
O nome en xaponés, Nippon, é utilizado en selos e en eventos deportivos internacionais, mentres que Nihon é empregado máis comunmente dentro do Xapón. A versión occidental e galega, Xapón, provén do nome chinés. Na lingua malaia a palabra chinesa transformouse en Jepang e foi máis tarde adoptada polos mercadores portugueses do século XVI que foron os primeiros en introducir o nome en Europa.
Historia
Prehistoria e antigüidade miniatura|esquerda|Ola do período Jōmon Os primeiros rexistros culturais coñecidos de habitantes no arquipélago xaponés datan do ano 30 000 a. C. aproximadamente. Esta cultura primitiva foi seguida ao redor do ano 14 000 por unha cultura semi-sedentaria mesolítica-neolítica, incluíndo antepasados dos ainu e yamato contemporáneos, marcando o comezo do período Jōmon caracterizado por unha agricultura rudimentaria. Consérvanse exemplares de utensilios e recipientes de barro procedentes deste período que están entre os máis antigos do mundo. Ó redor do ano 300 a. C. o pobo Yayoi comezou a entrar nas illas xaponesas, mesturándose co pobo Jōmon. Este período Yayoi deu lugar á introdución de prácticas como a agricultura en mollado do arroz, un novo estilo de olaría, e metalurxia, procedentes da China e Corea.
O primeiro rexistro escrito no que aparece Xapón dáse na obra chinesa chamada o Libro de Han. Segundo outro texto histórico chinés, os Rexistros dos Tres Reinos, o reino máis poderoso no arquipélago xaponés durante o século III chamábase Yamatai, e estaba gobernado pola monarca Himiko. O budismo introduciuse por primeira vez no Xapón procedente de Baekje, Corea, e tivo a promoción do príncipe Shōtoku, aínda que o subsecuente desenvolvemento do budismo xaponés tivo a súa influencia principal na China. Malia a resistencia inicial, o budismo fomentouse dende a clase gobernante e gañou unha aceptación xeral no comezo do período Asuka (592-710). Trala morte do emperador Shōtoku no ano 622 e tras un período de guerras civís, o emperador Kōtoku deu inicio á reforma de Taika, na que se nacionalizou toda a terra do Xapón para distribuíla de forma equitativa entre os agricultores, e na que se ordenou unha compilación dun rexistro de vivendas como base para un novo sistema de recadación de impostos.
O período Nara (710-784) estivo marcado polo xurdimento dun estado xaponés centralizado, co seu centro na Corte Imperial de Heijō-kyō (Nara). Este período caracterízase pola aparición dunha literatura nacente así como polo desenvolvemento da arte e arquitectura de inspiración budista. Nesta época Xapón sufriu unha serie de desastres naturais, incluíndo incendios, secas, fame e varias enfermidades, como unha epidemia de varíola entre os anos 735 e 737, na que se estima que faleceu entre un cuarto e un terzo da poboación do país naquel tempo. No ano 784 o emperador Kanmu trasladou a capital dende Nara ata Nagaoka-kyō para posteriormente movela de novo a Heian-kyō (Kyoto) no ano 794.
miniatura|Edificio principal e pagode do templo Hōryū-ji, Patrimonio da Humanidade. Isto marcou o comezo do período Heian (794-1185), no que xurdiu unha cultura xaponesa indíxena, destacada pola súa arte, olaría e prosa. A obra de Murasaki Shikibu e as letras do himno nacional do Xapón, o Kimigayo, foron escritas nesta época. Durante este período o poder da Corte Imperial foi en declive. A Corte centrouse en loitas de poder internas e nos intereses artísticos dos nobres, non prestando suficiente atención á administración e goberno fóra da capital. O budismo seguiu espallándose neste período principalmente a través de dúas seitas principais, a Tendai do monxe Saichō e a Shingon do monxe Kūkai. O budismo Terra Pura (Jōdo-shū, Jōdo Shinshū) acadou unha gran popularidade no final do século XI.
No ano 1156 xurdiu unha disputa sobre a sucesión ao trono na que os dous pretendentes rivais (o emperador Go-Shirakawa e o emperador Sutoku) contrataron os clans Taira e Minamoto procurando obter o trono pola forza. Durante a guerra que sucedeu, o clan Taira liderado por Taira no Kiyomori derrotou ao clan Minamoto. O resultado da guerra deu lugar a unha rivalidade entre ámbolos dous clans, que provocou a Rebelión Heiji no ano 1160. O clan Minamoto, liderado por Yoritomo, conseguiu a vitoria decisiva no ano 1185 na Batalla de Dan-no-ura, e Yoritomo e as súas forzas pasaron a ser os rexedores de facto do Xapón.
Era feudal miniatura|300px|Samurais loitando nas invasións Mongois, obra de Takezaki Suenaga, 1293 A era feudal do Xapón caracterizouse polo xurdimento e dominación da clase gobernante de guerreiros, os samurai. En 1185 o samurai Minamoto no Yoritomo foi nomeado shogun polo emperador Go-Toba, establecendo a súa base en Kamakura. Trala súa morte, o clan Hōjō chegou ao poder coma rexentes dos shoguns. A escola de budismo zen introduciuse dende a China no período Kamakura (1185-1333) e tornouse popular entre a clase samurai. O shogunato Kamakura repeleu as invasións Mongois de Kublai Khan nos anos 1274 e 1281, pero foi eventualmente derrocado na Restauración Kenmu por parte do emperador Go-Daigo, quen posteriormente foi derrotado por Ashikaga Takauji no ano 1336.
Ashikaga Takauji estableceu o shogunato en Muromachi, Kyoto, dando así comezo ao período Muromachi (1336-1573). O shogunato Ashikaga acadou o seu punto culminante na época de Ashikaga Yoshimitsu, e a cultura baseada no budismo zen seguiu prosperando. Isto deu paso á cultura Higashiyama, que continuou ata o século XVI. Por outra banda, o shogunato Ashikaga non conseguiu controlar os xefes de guerra feudais (daimyo), dando lugar a unha guerra civil (a guerra Ōnin) no ano 1467 que marcou o comezo do período Sengoku ('Estados en guerra').
miniatura|esquerda|Mapa das principais familias daimyo no 1570 Durante o século XVI, comerciantes e misioneiros xesuítas procedentes de Portugal chegaron ao Xapón por primeira vez, iniciando un intercambio comercial e cultural directo entre o Xapón e occidente. Isto permitiulle a Oda Nobunaga obter tecnoloxía e armas de fogo occidentais, que empregou para conquistar a moitos outros daimyos. A consolidación do seu poder deu comezo ao que se coñece como período Azuchi-Momoyama (15731603). Tralo seu asasinato no ano 1582, o seu sucesor Toyotomi Hideyoshi unificou a nación en 1590 e levou a cabo dúas invasións de Corea sen éxito nos anos 1592 e 1597.
Tokugawa Ieyasu actuou como rexente do fillo de Hideyoshi e usou a súa posición para gañar apoios políticos e militares. Na guerra que tivo lugar, conseguiu derrotar os clans rivais na Batalla de Sekigahara no ano 1600. Tokugawa Ieyasu foi nomeado shogun polo emperador Go-Yōzei en 1603, e estableceu o shogunato Tokugawa en Edo (Tokyo). Este shogunato ditaminou medidas como o buke shohatto, un código de conduta para controlar os daimyo autónomos, e a política isolacionista sakoku ("país pechado") no 1639, que deron lugar a máis de 250 anos de tenue unidade política coñecidos como o período Edo (1603-1868). O estudo das ciencias occidentais, coñecido como rangaku, continuou a través do contacto co enclave holandés de Dejima en Nagasaki, e tamén comezou neste período o chamado kokugaku ("estudos nacionais"), o estudo do Xapón por parte dos xaponeses.
Época moderna O 31 de marzo de 1854 o Comodoro Matthew C. Perry e as chamadas "Black Ships" da Armada dos Estados Unidos de América forzaron a apertura do Xapón cara ao mundo exterior por medio do Tratado de Kanagawa. Varios tratados posteriores con países occidentais no período Bakumatsu provocaron diversas crises políticas e económicas no país. A resignación do shogun deu lugar á Guerra Boshin e ao establecemento dun estado centralizado unificado baixo o emperador, coñecido co nome de Restauración Meiji.