Ángel Llorca García, nado en Orxeta (provincia de Alacant) o 25 de xullo de 1866 e finado en Madrid o 13 de decembro de 1942, coñecido como Ángel Llorca, foi un mestre e pedagogo español vinculado á ILE. É considerado un dos impulsores da renovación pedagóxica en España ao servizo da escola pública e das clases sociais máis desfavorecidas.

Traxectoria Iniciou a súa carreira docente en 1889 en Elx (Alacant) e en 1895 obtivo o título de Mestre de Primeiro Ensino Normal pola Escola Normal de Madrid. En 1905 foi galardoado co Premio de Honra e a Medalla de Ouro na exposición escolar de Bilbao polos traballos realizados na súa escola primaria de Elx. Eran membros do xurado, entre outros, Manuel Bartolomé Cossío e Miguel de Unamuno. miniatura|Patio do colexio Cervantes En 1910 foi pensionado pola Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas para estudar o ensino primario en Francia, Bélxica, Italia e Suíza. Dous anos máis tarde, a mesma Junta propúxolle dirixir unha viaxe para mestres por Francia, Bélxica e Suíza. Ao seu regreso, instalouse en Madrid, na Residencia de Estudiantes. En 1916 foi nomeado director do colexio público Cervantes, na glorieta de Cuatro Caminos de Madrid. Alí puxo en práctica os novos procedementos pedagóxicos desenvolvidos pola Institución Libre de Enseñanza e as escolas novas europeas. Na tarefa uníronselle outros mestres e pedagogos como Manuel Alonso Zapata, Justa Freire ou Elisa López Velasco.

Realizou varias viaxes de estudo por distintos países europeos nos que visitou as escolas do movemento da educación nova. Participou en congresos internacionais sobre educación en Helsingør (Dinamarca), Locarno (Italia) e Xenebra (Suíza). Na cidade helvética asistiu ás clases de Jean Piaget e Edouard Claparède no instituto Jean-Jacques Rousseau, unha escola universitaria dedicada ás ciencias da educación.

En 1932, durante a Segunda República Española, colaborou nos cursos de perfeccionamento organizados pola Dirección Xeral de Primeiro Ensino, a Junta para Ampliación de Estudios e o Padroado do Grupo Escolar Cervantes. Foi tamén nomeado inspector mestre dun grupo de Escolas Graduadas e Unitarias de Madrid.

Xubilouse o 25 de xullo de 1936, con 70 anos, tras 50 anos de vida profesional e 20 á fronte do Colexio Cervantes. Porén, debido ao comezo da guerra civil, retomou as súas clases no grupo escolar Cervantes, onde organizou unha residencia infantil. Tras o cesamento das actividades escolares en novembro, marchou a Valencia, onde axudou a crear un internado para os nenos evacuados de Madrid. En 1937 creou para eles as Comunidades Familiares de Educación en El Perelló (Valencia), un internado e escola onde os mestres convivían co alumnado. En marzo de 1939 os nenos e os mestres regresan a Madrid tras o fin da contenda.

Aínda estando xubilado, Ángel Llorca seguiu dedicándose ao estudo de novos métodos pedagóxicos e proxectou unha ampliación da experiencia das Comunidades Familiares de Educación. Porén, en 1939 o ministro de Educación franquista, Pedro Sáinz Rodríguez, e o xefe do Servizo Nacional de Primeiro Ensino, Romualdo de Toledo, prohibiron unha relación de 63 libros de texto, 8 deles da autoría de Ángel Llorca. En 1940 a Comisión Depuradora do Maxisterio declarouno «inhabilitado a perpetuidade», co que o privou da súa pensión de xubilación. Morreu en Madrid o 13 de decembro de 1942.

Recoñecementos En abril de 2017, en cumprimento da Lei de Memoria Histórica, o pleno do Concello de Madrid acordou cambiar o nome da rúa do Xeneral Rodrigo, no distrito de Chamberí, polo de rúa do Mestre Ángel Llorca.

Obras Cómo es y cómo deberá ser nuestra educación popular (conferencia en Elx), 1896 Escuelas graduadas, 1905 Cinematógrafo educativo, 1906 Leer escribiendo (1ª e 2ª parte), 1911 Historia educativa, 1912 Más lecciones de cosas, 1912 La escuela primaria e Instituciones complementarias de la educación popular en Francia, Bélgica, Suiza e Italia, 1912 El primer año de Geografía Universal, 1914 Aritmética (1º e 2º grado), 1918 Contribución al estudio de los problemas de la escuela y el maestro, 1923 El primer año de lenguaje, 1923 Cien lecciones prácticas, 1924 Los cuatro primeros años de la escuela primaria Las Comunidades Familiares de Educación (inédita ata 2008). ISBN 978-84-8063-963-7 Desde la escuela y para la escuela, 2008 ISBN 9788497428675 (recompilación de traballos e ensaios editados por María del Mar del Pozo Andrés)

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Depuración franquista do maxisterio

Categoría:Pensionados da JAE Categoría:Misiones Pedagógicas Categoría:Profesores da Institución Libre de Enseñanza Categoría:Alumnos da Institución Libre de Enseñanza Categoría:Nados en 1866 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Nados en Orxent Categoría:Pedagogos de España