Artemisa del Mar Semedo da Moura, coñecida como Artemisa Semedo, nada en Assomada (Cabo Verde) en 1985, é unha artista, poeta, actriz, activista e socióloga galega e caboverdiana lesbiana.

Traxectoria Naceu na localidade caboverdiana de Assomada, na illa de Santiago. Cando contaba con tres anos, a súa familia emigrou a Burela, onde se uniu á comunidade caboverdiana que buscaba traballo en Alúmina Aluminio. Porén, finalmente o seu pai traballou no mar. A súa nai foi unha das integrantes do grupo musical composto por doce mulleres caboverdianas, Batuko Tabanka.

Iniciou a carreira de Socioloxía na Universidade da Coruña. Pasou a integrar o colectivo Afrogalegas con outras mulleres afrodescendentes galegas como Yosi Ledesma ou Zinthia Álvarez. O colectivo reclamaba representación social e maior visibilidade das súas diferentes identidades. Uniuse tamén ao colectivo de poetas Esbardalle e á compañía de teatro Artes pola Integración. Formou parte do elenco de «Hijas de Bernarda», un proxecto de investigación teatral sobre a obra La casa de Bernarda Alba de Federico García Lorca desenvolvido no Teatro del Barrio (Madrid).

Impartiu talleres de escritura creativa coas escritoras Estíbaliz Espinosa, Antía Otero e Noelia Morgana. Participou en recitais de poesía e colaborou en proxectos como «Lua Sua y Artemisa» ou «Bailando versos», en que mestura a poesía con diferentes disciplinas artísticas. Xunto co artista marroquí Mbarek Bouchichi e o cubano José Ramón Hernández participou nun proxecto educativo co Museo Raíña Sofía, amais de impartir obradoiros en solitario en devandita institución. En 2022 tamén formou parte das accións en torno ao Día Internacional da Muller do Museo Nacional de Antropoloxía xunto a Esther Mayoko Ortega, Anna Fux, Celia Montoya, Fátima Aspiritou, Iki Yos Piña Narváez e Mabel Chapata.

Recoñecementos En 2020 Semedo foi incluída no libro Diversas, libres nuestras vidas de mujeres LBT, editado por COGAM, que recolle os relatos de vida de 20 mulleres bisexuais, lesbianas e trans. En 2021 foi unha das 12 mulleres LBT residentes en Galiza retratadas na mostra de Susana Milnes Aler A rede visible, xunto a Cristy Shedimar, Lucía Trenor López, Marta Herraiz, Andrea Nunes Brións, Elena Ferro Lamela, Rocío Fraga Sáenz, María Halcón, Cristina Yagüe, Xácia Ceive, Patricia López-Carcedo e Marta Álvarez.

Notas

Categoría:Activistas de España Categoría:Artistas de Galicia Categoría:Artistas de Cabo Verde Categoría:Alumnos da Universidade da Coruña Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados en Cabo Verde