Della Hayden Raney, nada en Suffolk, Virxinia o 10 de xaneiro de 1912 e finada en Detroit o 23 de outubro de 1987, foi unha enfermeira estadounidense do Corpo de Enfermeiras do Exército dos Estados Unidos de América. Foi a primeira enfermeira afroamericana en presentarse ao servizo na segunda guerra mundial e a primeira en ser nomeada enfermeira xefa. En 1944, converteuse na primeira enfermeira afroamericana afiliada ao Corpo Aéreo do Exército ascendida a capitá, e logo a comandante en 1946. Retirouse do Exército en 1978.
Traxectoria Della H. Raney naceu o 10 de xaneiro de 1912, en Suffolk, no estado de Virxinia. En 1937, gradouse da Escola de Enfermaría do Hospital de Lincoln. Nesta última cidade, traballou como supervisora de operacións e antes de alistarse no exército tamén traballou no Hospital Comunitario de Norfolk, en Virxinia, e no K.B. Hospital Reynolds en Winston-Salem.
En abril de 1941, presentouse ao servizo e foi a primeira enfermeira afroamericana en servir no Corpo de Enfermeiras do Exército durante a segunda guerra mundial. Foi comisionada como subtenente e estivo asignada por primeira vez en Fort Bragg, onde traballou como supervisora de enfermaría. O ano seguinte foi transferida ao hospital de campo da Base Aérea do Exército en Tuskegee, onde traballou como enfermeira xefa e en 1944 foi ascendida a capitá. Ese mesmo ano, foi transferida a Forte Huachuca. Nese momento, ela era a única muller afroamericana en obter ese rango e en traballar para as Forzas Aéreas do Exército. En 1946, estaba de licenza terminal (a última licenza concedida a un membro das forzas armadas inmediatamente antes da súa baixa, igual en duración á licenza acumulada non utilizada, do Camp Beale, onde traballaba como enfermeira xefa. Tamén foi ascendida ao rango de comandante ese mesmo ano, o que a converteu na primeira enfermeira afroamericana en obter o rango de comandante no Exército. Na década de 1950, estivo estacionada no Hospital Médico Percy Jones do Exército. Raney serviu no exército até a súa xubilación en 1978.
En 1978, os aviadores de Tuskegee honrárona polo seu servizo. Os seus compañeiros chamábana «Maw Raney». Morreu o 23 de outubro de 1987. En 2012, os aviadores de Tuskegee e a Asociación Nacional de Enfermeiras Negras crearon unha bolsa que leva o seu nome.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Localización no Cemiterio Nacional de Arlington
Categoría:Nados en 1912 Categoría:Finados en 1987