Benito Sánchez Freire, nado en Roade (Sobrado) o 4 de maio de 1821 e falecido en Santiago de Compostela o 17 de xullo de 1876, foi un fidalgo e político galego vencellado ao carlismo, deputado polo distrito de Arzúa entre 1871 e 1872.
Traxectoria Benito Sánchez Freiro foi o fillo máis vello dos fidalgos Benito Sánchez Barallobre e Bentura Freire Pérez. Como primoxénito, herdou a casa familiar, o pazo de Golmar en Santo André de Roade. O seu tio bisavó foi o cóengo ilustrado Pedro Antonio Sánchez Vaamonde, mentres que descendía de familia conversa do xudaísmo por parte de nai. O seu irmán Timoteo foi catedrático na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela, cirurxián e primeiro director do Hospital Psiquiátrico de Conxo.
Benito Sánchez Freire licenciouse en Dereito civil e canónico na Universidade de Santiago de Compostela, e casou, en 1867, con Elisa Varela Langa, vinculeira do Pazo de Furelos en Melide. Grazas a isto, Benito Sánchez tamén pusuía un curtidoiro en Furelos, herdado pola súa dona, que se mantería aberto ata a década de 1960.
Segundo sinala Xosé Ramón Barreiro Fernández, a súa ligazón co carlismo viña tanto pola súa familia como pola de Elisa Varela, polo que militou neste movemento, forte entre a figalguía da comarca de Arzúa e na Terra de Melide. Ocupou varios cargos políticos pois foi alcalde de Sobrado entre 1851 e 1854, deputado provincial na Deputación da Coruña en 1866. En 1870 foi nomeado presidente da Asociación Católico-Monárquica, unha das formas políticas típicas do carlismo desta época, de San Xoán de Furelos e concorreu ás eleccións a Cortes de 1871, baixo a monarquía de Amadeu I. Segundo a propaganda carlista, presentou a súa candidatura polo distrito de Arzúa a só oito días dos comicios, e o outro candidato que participaba no proceso, Benito Hermida Verea, retirouse o día previo ás eleccións. O 8 de marzo foi escollido por 5 780 votos dos 5 782 emitidos. Cómpre indicar que as leis vixentes establecían o sufraxio universal masculino e que o censo do distrito ascendía a 7 712 homes, polo que foi elixido con case o 75% do censo. Nesas eleccións foron elixidos outros cinco deputados polo carlismo galego: Joaquín Hernández Rodríguez polo distrito de Ordes, Luciano Puga Blanco polo de Santiago, Agustín Saco Quiroga polo de Chantada, Ramón Somoza Saavedra polo de Sarria e Fernando Felipe Fernández polo de Ourense. Con todo, Barreiro Fernández, considera que non estaba particularmente interesado en presentarse a deputado e que tampouco participou activamente nas Cortes. A súa estadía como deputado foi curta, pois o presidente do Consello de Ministros, Práxedes Mateo Sagasta, convocou novas eleccións para abril de 1872. No inicio da Restauración borbónica, en xaneiro de 1875, foi designado deputado provincial, en representación de Touro, logo de ser destituída a corporación provincial anterior. Faleceu o 17 de xullo de 1876 en Santiago de Compostela. Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Carlistas de Galicia
Categoría:Deputados nas Cortes Españolas durante o Sexenio Democrático Categoría:Deputados de Galicia no Congreso dos Deputados Categoría:Deputados provinciais da Coruña Categoría:Nados en Sobrado Categoría:Nados en 1821 Categoría:Finados en 1876 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos