Jari Risku, nado o 11 de febreiro de 1966 en Helsinqui (Finlandia), é un adestrador de hóckey sobre xeo finés. Dende 2022 é o adestrador xefe do HPK da Naisten Liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo feminino en Finlandia. Risku tivo unha breve carreira como xogador profesional nos Jokerit de Helsinqui entre 1984 e 1987, disputando un total de 41 partidos cun rexistro de sete puntos (dous goles e cinco asistencias).

Traxectoria Jari Risku naceu en Helsinqui o 11 de febreiro de 1966 e xogou no equipo ssub-20 dos Jokerit, equipo co cal chegou a disputar 41 partidos profesionais na SM-liiga, a máxima categoría do hóckey sobre xeo masculino finés, entre as tempadas 1984-85 e a 1986-87, conseguindo nas tres tempadas un total de sete puntos (2+5). Posteriormente comezou a súa carreira como adestrador no banco de equipos de categorías masculinas non profesionais.

En 2010 Risku converteuse no primeiro adestrador do Team Kuortane da Naisten SM-sarja, posto no que permaneceu ata 2018. Entre 2014 e 2018 combinou o seu posto no equipo de Kuortane coa dirección da selección finlandesa sub-18. Para a tempada 2018-19 fichou polo KMH Budapest húngaro da European Women's Hockey League (EWHL), e en 2020 foi nomeado adestrador xefe da selección austríaca para o Campionato do mundo feminino de hóckey sobre xeo de primeira división 2022 grupo A

En abril de 2022 foi elixido adestrador xefe do equipo feminino do HPK, converténdose no quinto adestrador xefe do equipo noutras tantas tempadas, sucedendo no cargo a Harri Nummela, quen levou o equipo aos play-offs dende a división inferior na tempada precedente.

Notas

Categoría:Nados en 1966 Categoría:Nados en Helsinqui Categoría:Xogadores dos Jokerit Categoría:Adestradoras e adestradores do Team Kuortane Categoría:Adestradoras e adestradores do HPK Kiekkonaiset Categoría:Gañadoras e gañadores do Trofeo Hannu Saintula