A batalla de Hastings tivo lugar o 14 de outubro de 1066 entre o exército normando do duque Guillerme II de Normandía e un exército inglés baixo o rei anglosaxón Haroldo Godwinson, dando comezo á conquista normanda de Inglaterra. Tivo lugar a uns 11 km ó noroeste de Hastings, preto da vila actual de Battle, East Sussex, e resultou nunha vitoria decisiva para os normandos.
A morte do rei Eduardo o Confesor en xaneiro de 1066, quen non tivo fillos, deu lugar a unha loita sucesoria entre varios aspirantes ó seu trono. Haroldo foi coroado rei pouco despois da morte de Eduardo, pero tivo que combater as invasións de Guillerme, do seu propio irmán Tostig e do rei noruegués Haraldo Hardrada. Hardrada e Tostig derrotaron a un exército inglés reunido de forma apresurada na batalla de Fulford o 20 de setembro de 1066, pero foron derrotados por Haroldo na batalla de Stamford Bridge cinco días despois. As mortes de Tostig e Hardrada nesta batalla deixaron a Guillerme coma o único opoñente de Haroldo. Mentres este e as súas forzas estaban a recuperarse da batalla de Stamford Bridge, Guillerme desembarcou a súa forza de invasión no sur de Inglaterra en Pevensey o 28 de setembro de 1066, e estableceu unha cabeza de praia para a súa conquista. Haroldo viuse obrigado a marchar rapidamente cara ó sur, reunindo o seu exército sobre a marcha.
Descoñécese o número exacto das forzas presentes na batalla. As estimacións modernas indican cifras de ó redor de 10 000 soldados de Guillerme e uns 7 000 de Haroldo. O exército inglés estaba composto na súa maioría de infantaría e tiña poucos arqueiros, mentres que só a metade a forza de invasión era infantaría, co resto dividido en partes iguais entre cabalaría e arqueiros. Haroldo tentou sorprender a Guillerme, pero os exploradores deste atoparon o exército de Haroldo e informaron da súa chegada a Guillerme, que marchou dende Hastings ata o campo de batalla para enfrontarse a Haroldo. A batalla durou dende as 9 am ata o anoitecer. Os primeiros esforzos dos invasores para rachar as liñas inglesas foron pouco efectivos. Os normandos pasaron entón a adoptar unha táctica que consistiu en simular unha fuxida por mor do pánico para posteriormente volver loitar cos seus perseguidores. A morte de Haroldo cara ó final da batalla deu lugar á retirada e derrota da maior parte do seu exército. Tras unha marcha posterior e unhas pequenas escaramuzas, Guillerme foi coroado rei o día de Nadal de 1066.
A resistencia e rebelións ó reinado de Guillerme seguiron tras esta batalla, pero Hastings marcou a culminación da conquista de Inglaterra por parte de Guillerme. O número de baixas non se coñece con exactitude, pero segundo algúns historiadores as estimacións indican que morreron 2 000 invasores xunto cuns 4 000 ingleses. Guillerme fundou un mosteiro no lugar da batalla, e o altar maior da igrexa da abadía está presuntamente localizado no lugar no que morreu Haroldo.
Contexto histórico En 911 Carlos III de Francia permitiu que un grupo de viquingos se asentasen en Normandía baixo o mando do seu líder Rollo. O seu asentamento tivo éxito, e adaptáronse rapidamente á cultura indíxena, renunciando ó paganismo, converténdose ó cristianismo, e mesturándose coa poboación local. Estes viquingos pasaron a ser coñecidos como os "homes do norte", do que derivaron os nomes de "Normandía" e "normandos". Tras un tempo as fronteiras do ducado normando expandíronse cara ó oeste. No ano 1002, o rei Æthelred II de Inglaterra casou con Emma, irmá de Ricardo II de Normandía. O seu fillo, Eduardo o Confesor, pasou moitos anos no exilio en Normandía, e pasou a ser o sucesor do trono de Inglaterra en 1042. Isto deu lugar ao establecemento dun grande interese normando na política inglesa, xa que Eduardo procurou o apoio dos normandos en gran medida, levando consigo cortesáns, soldados e cregos normandos, e dándolles posicións de poder, particularmente na Igrexa. Eduardo non tiña fillos e atopábase no medio dun conflito con Godwin de Wessex e os fillos deste último, polo que é probable que fomentase as ambicións do duque Guillerme II de Normandía para ser o seu sucesor no trono de Inglaterra.
Crise de sucesión en Inglaterra miniatura|dereita|Vidreira de Haraldo Hardrada na Catedral de Kirkwall Tralo pasamento do rei Eduardo o 5 de xaneiro de 1066, a falta dun claro herdeiro levou a unha sucesión disputada na que varios contendentes reclamaron o trono de Inglaterra. O sucesor inmediato de Eduardo era o conde de Wessex Haroldo Godwinson, o aristócrata inglés máis rico e poderoso naquel entón e fillo de Godwin, quen fora opoñente de Eduardo. O Witenagemot de Inglaterra elixiuno como rei e foi coroado polo arcebispo de York Ealdred, aínda que a propaganda normanda afirmou que a cerimonia fora levada a cabo por Stigand, arcebispo de Canterbury que fora escollido como tal de forma non canónica. Haroldo tivo que facer fronte a varios contendentes ó trono, entre eles Edgar Ætheling e Svend II de Dinamarca. Porén, os principais contendentes foron dous rexentes veciños, o duque Guillerme de Normandía e Haraldo III de Noruega, coñecido como Haraldo Hardrada. Guillerme afirmaba que recibira a promesa do trono por parte do rei Eduardo e que Haroldo acordara isto baixo xuramento. Haraldo III de Noruega tamén disputou a sucesión. A súa demanda do trono baseábase nun acordo entre o seu predecesor Magnus I de Noruega e o anterior rei de Inglaterra Canuto, establecendo que se algún deles falecía sen herdeiro, o outro pasaría a herdar Inglaterra e Noruega. Guillerme e Haraldo Hardrada comezaron de forma inmediata as preparacións de tropas e navíos para dúas invasións separadas.
Invasións de Tostig e Hardrada A comezos de 1066, o irmán exiliado de Haroldo, Tostig Godwinson, asaltou o sueste de Inglaterra cunha frota que recrutara en Flandres, á que se uniron varias naves procedentes das illas Orcadas. Ameazado pola frota de Haroldo, Tostig foi cara ó norte e realizou incursións en Anglia Oriental e Lincolnshire. Porén, as súas forzas foron rexeitadas por parte de Edwin de Mercia e Morcar de Northumbria e obrigadas a volver embarcar. A maioría dos seus seguidores desertaron, polo que Tostig marchou cara a Escocia, onde pasou un tempo recrutando novas forzas. Haraldo Hardrada, rei de Noruega, invadiu o norte de Inglaterra a comezos de setembro, liderando unha frota de máis de 300 navíos que levaban uns 15 000 homes. O exército de Hardrada aumentou ó incluír as forzas de Tostig, que apoiaba a súa reclamación do trono. Avanzando cara a York, os noruegueses ocuparon a cidade tras derrotar un exército inglés baixo as ordes de Edwin e Morcar o 20 de setembro na batalla de Fulford.
Preparativos de Haroldo
miniatura|dereita|A batalla de Stamford Bridge, de Peter Nicolai Arbo O exército inglés organizábase en liñas rexionais, cos fyrd, ou levas locais, servindo baixo un magnate local, ben un conde, bispo ou sheriff. Os fyrd estaban compostos por homes que posuían a súa propia terra, equipados pola súa comunidade para satisfacer as demandas de forzas militares do rei. Debía servir polo menos un home por cada cinco hides ou unidades de terra nominalmente capaces de soportar unha unidade familiar. No seu conxunto, Inglaterra podía xuntar uns 14 000 homes para os fyrd cando o rei chamaba a filas. Estes adoitaban servir durante dous meses, agás en estados de emerxencia. Era pouco común que se chamase ó conxunto total de fyrd, e entre 1046 e 1065 isto só ocorreu en tres ocasións, en 1051, 1052 e 1065. O rei e algúns condes tiñan tamén un grupo de homes de armas persoal, os housecarls, que formaban a columna principal das forzas reais. Os thegn, as elites propietarias locais, loitaban xunto os housecarls reais ou xunto as forzas dun conde ou outro magnate. Os fyrd e os housecarls loitaban a pé, sendo a principal diferenza que estes últimos tiñan armaduras de mellor calidade. Por outra banda, o exército inglés non contaba cun número significativo de arqueiros.
Haroldo pasou gran parte do ano 1066 na costa sur cun grande exército e unha gran frota á espera da invasión de Guillerme. A maioría das súas forzas era unha milicia que precisaba recoller a súa propia colleita, polo que o 8 de setembro Haroldo tivo que retirar esta milicia xunto á frota. Cando recibiu a nova da invasión norueguesa no norte apresurouse cara a aló, xuntando as súas forzas polo camiño, e tomou os noruegueses por sorpresa derrotándoos na batalla de Stamford Bridge o 25 de setembro. Haraldo Hardrada e Tostig pereceron na batalla, e os noruegueses sufriron un gran número de baixas, bastando 24 dos 300 barcos orixinais para levar de volta ós sobreviventes. A vitoria inglesa tivo tamén un gran custo, e o exército de Haroldo quedou nun debilitado estado.
Preparativos de Guillerme e desembarco Ruínas do Castelo de Pevensey|miniatura|esquerda Guillerme reuniu unha gran frota e exército para a invasión procedente de Normandía e outros lugares de Francia, incluíndo varios continxentes da Bretaña e Flandres. Os preparativos duraron uns nove meses, xa que a frota foi construída dende cero. Segundo algunhas crónicas normandas, conseguiu tamén varios apoios diplomáticos para a invasión, aínda que a certeza destes informes está suxeita a un debate histórico. A afirmación máis notable é que o Papa Alexandre II deulle un estandarte papal como símbolo do seu apoio, feito que só se rexistra na crónica de Guillerme de Poitiers e non en narracións máis coetáneas. En abril de 1066 o cometa Halley puido divisarse no ceo, con abundantes rexistros do feito por toda Europa. As crónicas da época conectaron a aparición deste cometa coa crise de sucesión en Inglaterra.
As forzas invasoras reuníronse en Saint-Valery-sur-Somme, preparadas para cruzar o canal da Mancha o 12 de agosto. Porén, o comezo da viaxe foi atrasado, ben por un tempo pouco favorable ou para evitar que a máis poderosa frota Inglesa interceptara os navíos. Os normandos cruzaron cara a Inglaterra poucos días despois da vitoria de Haroldo sobre os noruegueses, trala dispersión da forza naval deste, e desembarcaron en Pevensey (East Sussex) o 28 de setembro. Uns poucos navíos foron apartados da ruta por mor do vento e chegaron a Romney, onde os normandos loitaron cos fyrd locais. Tralo desembarco, o exército de Guillerme construíu un castelo de madeira en Hastings, dende o que levaron a cabo incursións nas zonas próximas, así como varias fortificacións en Pevensey.
Avance de Haroldo cara ó sur Tras derrotar o seu irmán Tostig e a Haraldo Hardrada no norte, Haroldo deixou gran parte das súas forzas no norte, incluíndo as de Morcar e Edwin, e marchou co resto do exército cara ó sur para tratar coa ameaza da invasión normanda. Non se coñece con seguridade cando tivo coñecemento Haroldo do desembarco de Guillerme, pero con toda probabilidade foi durante a súa marcha cara ó sur. Haroldo parou en Londres e permaneceu alí durante unha semana antes de Hastings, polo que probablemente tardou unha semana na súa marcha cara ó sur, avanzando unha media de 43 km por día, cubrindo un total aproximado de 320 km. Haroldo acampou en Caldbec Hill a noite do 13 de outubro. Este lugar atopábase a uns 13 km do castelo de Guillerme en Hastings. Algunhas das primeiras crónicas francesas coetáneas mencionan un emisario ou emisarios enviados por Haroldo para negociar con Guillerme, pero non chegaron a acadar ningún resultado.
Aínda que Haroldo tentou sorprender os normandos, os exploradores de Guillerme informaron da chegada dos ingleses. Os eventos precedentes á batalla non se coñecen con exactitude, e as fontes presentan recontos contraditorios, pero todas elas concordan en que Guillerme liderou o seu exército dende o seu castelo e avanzou cara ó inimigo. Haroldo tomara unha posición defensiva no alto de Senlac Hill (Battle, East Sussex), a uns 9,7 km do castelo de Guillerme.
Composición das forzas en Hastings Exército normando