Antolín Faraldo Asorey, nado en Betanzos o 2 de setembro de 1822 e finado en Granada o 20 de xuño de 1853, foi un escritor e xornalista galego e un dos pais do movemento provincialista galego da primeira metade do século XIX e precursor do movemento literario.
Traxectoria miniatura|200px|Portada do nº 2 de El Recreo Compostelano, 26/1/1842.El Recreo compostelano en Galiciana. Biblioteca de Galicia.|esquerda Antolín era fillo de Feliciano Vicente Faraldo e de Francisca Asorey Canda. O seu pai, escribán, era un activo defensor do absolutismo, aspecto que influíu decisivamente na súa ideoloxía.
Estudou, pese aos graves problemas económicos que sufría a súa familia tralo falecemento da súa nai, na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo o grao de Bacharel en Medicina en outubro de 1842. Era un gran apaixonado da historia e da lectura, así como un mozo implicado cos problemas do seu tempo, polo que formou parte de múltiples movementos e asociacións públicas da época.
En 1842 incorpórase como xornalista ó periódico El Recreo Compostelano, que dirixía Antonio Neira de Mosquera, e do que pronto se convertería en redactor principal empregando o pseudónimo de Abenhumeya. Colaborou ademais no tamén compostelán La Situación de Galicia.
Participación na Revolución de 1846
No ano 1843, na asemblea federal celebrada en Lugo, propuxo debater a independencia de Galicia. A súa proposta non chegou a ser considerada por un voto.
Entre febreiro e outubro de 1845 funda e dirixe, xunto con José Rúa Figueroa e Antonio Romero Ortiz, El Porvenir. A revista, cuxo subtítulo era Revista de la Juventud Gallega, e que na súa cabeceira rezaba Todo para Galicia, serve a Faraldo de plataforma para expoñer o seu modelo político de Galicia, sempre mantendo unha liña liberal e rexionalista. O devandito modelo veríase plasmado coa súa participación na chamada Revolución de 1846, para a cal redacta o 15 de abril de 1846 a proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia, da que era secretario.
Fracasado o intento de revolución, o 26 de abril dese mesmo ano vese obrigado a exiliarse en Portugal, xunto a outros compañeiros, a bordo do buque Nervión. O 8 de setembro é condenado en rebeldía polo citado levantamento, aínda que ó ano seguinte lograría a amnistía, instalándose en Madrid. Alí dirixiu durante un breve período a publicación La Europa, para perderse despois a súa pista histórica ata o seu falecemento en Granada, á pronta idade de trinta anos.
Pensamento político miniatura|200px|Busto de Faraldo en Betanzos, obra de 1995 do escultor Eduardo Rodríguez Osorio. Cunha Galicia en crise debido, principalmente, ó intenso centralismo aplicado pola monarquía borbónica, a visión provincialista de Faraldo supúxolle ser recoñecido por autores como Manuel Murguía como "o primeiro e o mellor" dos precursores do chamado Rexurdimento (en Los precursores, de 1886).Los Precursores en Galiciana, Biblioteca de Galicia.
O pensamento de Faraldo pode resumirse no seguinte parágrafo, extraído da citada proclama de constitución da Xunta Provisional de Goberno de Galicia:
A través das publicacións nas que colaboraba, Faraldo pretendía xerar na mocidade galega da época unha conciencia da problemática galega, e facíao baseándose no engrandecemento da súa historia, sen dúbida influenciado polo nacente espírito romántico. Nas súas propias palabras, entendía que a medida que Galicia sexa máis coñecida será máis respectada e admirada.
No entanto, o fracaso da Revolución de 1846 e o seu posterior exilio truncaron as súas ilusións políticas, que xa non se plasmarán nos textos por el escritos desde ese momento e ata o seu falecemento.
Obra
Querida Liberdade. Vida e Obra dun precursor do Rexurdimento (2022). Lugo: Alvarellos. Edición e estudo de Xurxo Martínez. ISBN 978-84-18567-17-9.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
, Baldomero et al.. Gran Enciclopedia Galega. Tomo 11. Santiago de Compostela, Silverio Cañada ed. 1974.
, Ricardo. El Romanticismo español. Madrid: Cátedra, 1982 (3.ª ed.).
Outros artigos La Revolución. Periódico oficial de la Junta Superior de Galicia Precursores
Ligazóns externas . "Faraldo, un cometa na revolución" El País, 1/10/2010. "Antolín Faraldo, el gran desconocido" 4/10/2009 . "Betanzos-¿Qué hay de lo de Antolín Faraldo?" El Ideal Gallego, 13/9/2011
Categoría:Finados en 1853 Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Nados en 1822 Categoría:Xornalistas de Betanzos Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Revolución de 1846