miniatura|300px|Locomotora Sar. A locomotora Sar, coñecida popularmente como Sarita (en galego: Sariña), é unha locomotora de vapor fabricada en Leeds pola compañía Hunslet Engine Company en 1880. Foi adquirida en 1886 por John Trulock para dar servizo á primeira liña galega de ferrocarril entre Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.
Descrición É unha pequena locomotora de vapor cunha disposición de eixes 030, é dicir, tres eixes motores. Leva o tanque de auga na parte superior da caldeira e ten un peso de 16 610 kg, unha potencia de 211 CV e un esforzo de tracción de 2 409 kg.
Historia A locomotora foi fabricada en Leeds pola compañía Hunslet Engine Company co número de fábrica 243 do ano 1880 para a Companhia dos Caminhos de Ferro Portugueses da Beira Alta, en concreto para as obras do treito entre Pampilhosa e Filgueira da Foz. Trala finalización das obras do ramal da Filgueira da Foz en 1886 a máquina foi adquirida por The West Galicia Railway Co. Ltd. asignándolle o número 13 e nomeándoa Sar, coma o río que discorre a carón da liña férrea. John Trulock, xerente da empresa ferroviaria, mandou un maquinista, chamado Francisco Porto Codesido, a Londres durante dous anos para aprender a manexar a máquina.
En 1928 a Compañía do Ferrocarril de Medina a Zamora e de Ourense a Vigo adquiriu a explotación da liña, sen que a máquina recibise unha nova matrícula. Cando MZOV se integrou na Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste a locomotora recibiu o número 191 en 1931.
A locomotora Sar e mais outras 23 máquinas ían ser despezadas tras unha poxa prevista para o 15 de xullo de 1936, pero debido ó golpe de Estado de 1936 non chegou a acontecer. Trala guerra civil española reparouse e integrouse en RENFE por mor da escaseza de locomotoras, asignóuselle a súa matrícula definitiva 030-0201 e incorporouse ós talleres de Vigo.
En 1948 participou na exposición conmemorativa do centenario do ferrocarril en España celebrado en Barcelona. Na década de 1950 traballou nos talleres xerais de Valladolid mais en 1961 foi asignada de novo ó depósito de Vigo, ata que se deu de baixa en 1966. Exhibiuse na Feira-Exposición Agrícola e Industrial de Vilagarcía de 1969.
Na década de 1980 trasladouse a Madrid para formar parte dos fondos do Museo del Ferrocarril de Madrid, inaugurado en 1984 na estación histórica de Delicias. En 1990 a Fundación de los Ferrocarriles Españoles cedeulla á Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, Padrón. A Xunta de Galicia restaurou a locomotora no ano 2023, tras anos en mal estado de conservación, coincidindo co 150 aniversario do ferrocarril en Galicia.
Notas
Referencias
Véxase tamén
Bibliografía
Documentais
Ligazóns externas
Categoría:Ferrocarril en Galicia Categoría:Padrón