A Machada de Dobre Anel é unha machada de bronce dos séculos VII-VI a. C. descuberta en Paradela, Meis e que actualmente forma parte da Biblioteca Museo Víctor Balaguer de Villanueva y Geltrú, en Cataluña. Mide 24,4 x 6,1 x 2,6 cm e pasou a formar parte da colección do museo grazas á doazón de Ramón del Valle en 1884.
Descrición Pertence ao período do bronce final. É unha machada de talón de dobre anel feita con molde, este tipo de ferramentas son semellantes a outras que se atoparon en Samieira e adoitan ter unha elevada proporción de estaño en comparación co cobre e outros elementos menores como o chumbo, o cinc ou o arsénico. Ten unha folla de perfís paralelos, de corte curto e unha nervadura central que non supera os dous terzos da lonxitude total da folla.
Este tipo é característico do noroeste peninsular e son numerosos os achados, en Galicia, de obxectos de bronce en acubillos ou depósitos mercantes do período de bronce final atlántico. A súa distribución dáse na meseta, a costa cantábrica, a Bretaña e o sur de Inglaterra. Outros achados coñecidos en Pontevedra son os do Hío, Samieira e Ribadelouro.
En 1881 atopouse na parroquia de Santa María de Paradela, no interior dunha caixa formada por lousas, setenta e dúas machadas de bronce de formas variadas, que foron vendidas a un fundidor, excepto un exemplar que quedou nas mans de Cástor Montenegro, párroco de San Vicente de Nogueira, quen llo regalou a Ramón del Valle, pai do Premio Nobel de Literatura, Ramón de Valle-Inclán). Ramón tivo a machada durante un tempo publicando o achazgo en La Voz de Arosa. Doou a peza o 1 de novembro de 1884 con unha carta dirixida a Víctor Balaguer e publicada no BMVB.
Notas
Categoría:Machadas Categoría:Idade de Bronce Categoría:Arqueoloxía en Galicia Categoría:Obxectos arqueolóxicos