O Viaxes Amarelle FSF é un club de fútbol sala feminino da cidade da Coruña, que milita na Segunda División. Fundado en 1997 en Santa Comba, trasladouse en 2005 á Coruña, tras fusionarse co histórico Sal Lence.
Historia Foi fundado en 1997 en Santa Comba por Severino Amarelle, propietario dunha axencia de viaxes e persoa moi vencellada ao deporte do Xallas. Formou un equipo integramente feminino para participar na liga masculina de Santa Comba e tras e unha boa primeira tempada pasou a xogar en competicións femininas. Nos seguintes anos deuse forma aos equipos de base, mentres o primeiro equipo avanzaba da liga da Costa á liga provincial, conseguindo o ascenso á Liga Autonómica Galega en 2003, mesmo ano no que conquistaron a súa primeira Copa Galicia, con Ana Varela como adestradora.
Na tempada 2005/06, a posibilidade de que desaparecese o histórico Sal Lence da Coruña e as dificultades do Viaxes Amarelle para xogar nunha pista en condicións, levaron a que ambos clubs decidisen a súa fusión. O novo club continuou co nome do Viaxes Amarelle e con Severino Amarelle como presidente, pero pasou a xogar os seus partidos no Complexo Deportivo de San Diego da Coruña. Xogou na liga autonómica ata que na tempada 2009/10 disputou a primeira edición da Segunda División nacional. Na campaña 2011/12 conseguiu o título de liga, o que lle deu dereito a xogar a promoción de ascenso á Primeira División, onde as xogadoras laranxas tamén saíron triunfantes.
Na tempada 2012/13 o equipo debutou na máxima categoría do fútbol sala feminino, con José Carlos Martín "Chipi" como adestrador, e conseguiu a permanencia nas dúas primeiras campañas, ata que acabou descendendo na terceira. Pili Costa adestrou o conxunto coruñés durante os seguintes anos, conseguindo devolver o equipo á Primeira División en 2018, despois dunha promoción de ascenso contra o Almagro. A continuación Pili Costa decidiu deixar o club para emprender outros proxectos, sendo substituída por Jorge González Basanta, con quen o Amarelle viviu dous descensos a Segunda, seguidos por cadanseu ascenso a Primeira. Na súa quinta e última campaña á fronte do equipo, conseguiu finalmente permanecer en Primeira, ao rematar no 12ª posto da táboa.
Palmarés Segunda División (2): 2011/12, 2019/20. Copa Galicia (1): 2003. Copa Deputación da Coruña (2): 2015 2016.
Notas
Categoría:Deporte en Santa Comba Categoría:Deporte na Coruña Categoría:Equipos de fútbol sala de Galicia