José María Criado Labajo, coñecido como Pepe Criado, nado en Ferrol en 1949, é un exdirixente de fútbol galego, que foi presidente do Racing de Ferrol entre 2017 e 2023. Anteriormente fora vicepresidente do club durante 24 anos.

Traxectoria Naceu na ferrolá rúa Galiana en 1949, sendo fillo de José María Criado Luaces e Concepción Labajo Mera, propietarios da tenda de lencería El Cisne, situada na mesma rúa. En 1969 colleu as rendas do negocio familiar, que rexentou durante os seguintes 45 anos.

Xogou ao fútbol como extremo dereito no Bertón e foi un dos pioneiros do fútbol sala en Ferrolterra. En 1974 ingresou na directiva do Racing de Ferrol, durante a presidencia de Ramón Sánchez Dopico. Máis tarde converteuse no vicepresidente do club, cargo que ocupou durante 24 anos, con Isidro Silveira como presidente. En 2017, trala morte de Isidro Silveira, foi elixido novo presidente do Racing, ocupando o cargo durante os seguintes seis anos. Deixou a presidencia en 2023, despois de que o club se proclamase campión da Primeira División RFEF e ascendese de xeito directo á Segunda División.

Foi tamén presidente da AFAFE (Asociación de Fútbol Afeccionado de Ferrol), impulsor da construción de varios campos de fútbol na cidade e presidente da delegación ferrolá da Real Federación Galega de Fútbol. Ademais presentou a súa candidatura á presidencia da Federación Galega, pero non chegou a ocupar o cargo por unha pequena diferenza de votos.

Notas

Categoría:Nados en 1949 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Presidentes de clubs de fútbol de Galicia