O Fayan ou Ditos exemplares (chinés tradicional e simplificado: 法言; pinyin: Fǎyán; Wade-Giles: Fa3-yen2) é un texto chinés clásico do poeta Yang Xiong. Foi redactado arredor do ano 9, durante a dinastía Han. Está composto por unha colección de diálogos e aforismos sobre filosofía, política, literatura, ética e outros temas académicos.

Datación O Fayan inclúe ao remate unha referencia a Wang Mang como duque de Han. O nobre tivo este título durante apenas unha década, entre os anos 1 e 9 d.C. Ademais, na obra indícase que a dinastía Han levaba 210 anos reinando, polo que o texto debe ser necesariamente posterior ao ano 8. En consecuencia, a datación do Fayan é bastante segura, arredor do ano 9 d.C.

Estilo O estilo da obra está deliberadamente inspirado no Lunyu ("Analectas") de Confucio, considerado polo autor como o máis grande dos comentarios. Neste sentido, preséntase na forma de diálogos entre Yang Xiong e un interlocutor anónimo que lle fai preguntas, ás que Yang responde de maneira breve e con autoridade, empregando unha linguaxe arcaizante. Destaca o uso do enxeño e os xogos de palabras sobre a argumentación ou demostración lóxica.

Contidos O Fayan está dividido en trece capítulos. Yang intentaba refutar as visións do confucianismo que el consideraba heterodoxas, e contrarias ás ensinanzas dos sabios antigos. Entre os seus temas principais, destacan a cultivación do espírito, as virtudes humanas, a importancia da amizade e da aprendizaxe, e o exercicio dos ritos e a música. Así, a vida social destaca sobre as preocupacións soteriolóxicas, espirituais ou supersticiosas, en liña coa visión de Confucio.

Por outra banda, Yang Xiong fai referencia ao debate sobre o xing 性 ou natureza humana. Yang Xiong disentía tanto da filosofía de Mencio, quen coidaba que a natureza humana era inherentemente boa, como da de Xunzi, que consideraba que era en esencia mala. A súa opinión estaba a cabalo entre ambas, dado que pensaba que a educación exercía un papel fundamental na transformación das persoas en individuos virtuosos ou corrompidos. En palabras do autor:

No referente á política, o texto defende unha visión reformista, propugnando a frugalidade do goberno e a preocupación polos desamparados. Así, opónse aos reformistas que, seguindo o exemplo da antiga filosofía legalista, procuraban o aumento do poder e a riqueza do goberno e os poderosos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

法言 (Chinese Text Project) Categoría:Literatura en lingua chinesa Categoría:Filosofía chinesa Categoría:Confucianismo