Feng Youlan (chinés tradicional: 馮友蘭; chinés simplificado: 冯友兰; pinyin: Féng Yǒulán; Wade-Giles: Feng2 Yu3-lan2), nado o 4 de decembro de 1895 e finado o 26 de novembro de 1990, foi un filósofo, historiador e escritor chinés, coñecido por contribuír á divulgación da filosofía chinesa en Europa e os Estados Unidos durante o século XX. A súa obra máis coñecida é Zhongguo zhexue jianshi ("Unha breve historia da filosofía chinesa", 1948), traducida ao inglés por Derk Bodde.
Biografía Primeiros anos, estudos e docencia
Feng Youlan naceu en Tanghe, na provincia de Henan, durante os derradeiros anos da dinastía Qing (1644-1912), nunha familia podente. A súa irmá máis nova, Feng Yuanjun, chegaría a ser unha escritora de moita sona. Estudou filosofía no Instituto Público Chinés de Shanghai, entre os anos 1912 e 1915, para logo entrar na Universidade de Chunghua, na cidade de Wuhan, e na Universidade de Pequín. Alí, estudou tanto filosofía chinesa coma lóxica e filosofía occidental, entrando en contacto coa obra de autores coma o francés Henri Bergson (1859-1941) ou o británico John McTaggart (1866—1925). Foi en Pequín onde coñeceu aos filósofos Hu Shi (1891-1962), crítico do confucianismo, e Liang Shuming (1893-1988), un dos promotores do chamado Novo Confucianismo.
Tras graduarse en 1918, viaxou aos Estados Unidos para estudar na Universidade de Columbia, como parte do programa de bolsas para a indemnización dos bóxer. Durante estes anos, foi alumno do filósofo pragmatista John Dewey (1859-1952), que tería unha considerable influencia no seu pensamento. Doutorouse pola Universidade de Columbia en 1923, cunha tese titulada A Comparison of Life Ideals ("Unha comparación entre ideais de vida").
Feng volveu á China para impartir docencia nas universidades de Jinan e Yenching. Entre 1934 e 1938 (e, posteriormente, entre 1946 e 1949) foi catedrático de Filosofía na Universidade de Tsinghua. Durante este período, Feng publicou a súa obra máis importante, Zhongguo zhexueshi ("Historia da filosofía chinesa", 1934). Nela, presenta e examina a historia do pensamento chinés dende unha perspectiva moi influenciada pola filosofía occidental do seu tempo, especialmente o positivismo. O libro chegou a ser un manual estándar dentro da disciplina dos Estudos Chineses.
Período de guerra No 1935, visitou a Unión Soviética de camiño a unha conferencia en Praga. Feng ficou impresionado polos radicais cambios sociais e culturais do país. Os seus discursos sobre as posibilidades utópicas dos comunismo, pero tamén sobre os seus defectos, alarmaron á policía do réxime de Chiang Kai-shek. En consecuencia, foi arrestado e pasou un breve tempo na cadea. Máis tarde, manifestaría o seu apoio ao goberno durante a resistencia contra o Xapón. Nos anos da segunda guerra sino-xaponesa, publicou varios artigos defendendo o movemento Vida Nova, que buscaba revitalizar os valores confucianos.
No 1939, Feng propuxo o seu Xin Lixue 新理學 ("Neoracionalismo"). A Lixue foi unha posición filosófica dentro do neoconfucianismo do século XII, propugnada por autores coma Cheng Yi ou Zhu Xi. Feng tomou nocións metafísicas desta escola e do daoísmo, tales coma li 理 ou dao 道, mesturandoas coas ferramentas intelectuais do pensamento occidental. Entre as súas aportacións, atópase unha teoría da natureza e do desenvolvemento da moral.
Regreso á China Tras o remate da guerra co Xapón, os estudantes e docentes desplazados volveron ás súas universidades de orixe. Porén, no canto de regresar a Beijing, Feng aceptou un posto de profesor visitante na Universidade de Pennsylvania. Despois, entre o 1948 e o 1949, traballaría na Universidade de Hawai'i. Os seus amigos, ante as noticias da vitoria comunista, intentaron convencelo para quedar nos Estados Unidos. Porén, Feng decidiu volver á China. Alí, comezaría a estudar o pensamento marxista-leninista. Na década dos cincuenta, os seus traballos foron repudiados polas autoridades maoístas, que o forzaron a condenalas publicamente. Durante a Revolución Cultural, tivo que reescribir varias das súas obras para encaixalas coa ideoloxía da época.
Falecemento A pesar de todo, Feng permaneceu na China. Tras o pasamento de Mao, volveu a escribir cun certo grao de liberdade. Faleceu o 26 de novembro do 1990 en Beijing.
Traducións
Feng, Y. (1987). Breve historia de la filosofía china. Fondo de Cultura Económica.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Feng Youlan (Internet Encyclopedia of Philosophy)
Categoría:Profesores da Universidade de Pensilvania Categoría:Profesores da Universidade de Hawai Categoría:Alumnos da Universidade Columbia Categoría:Finados en 1990 Categoría:Nados en 1895 Categoría:Filosofía chinesa Categoría:Filósofos da China Categoría:Escritores en lingua chinesa