O municipio de Sigulda (en letón, Siguldas novads) é un dos 36 municipios de Letonia. Os 36 municipios son resultado da última reorganización do territorio aprobada o 1 de xuño de 2021 pola Saeima.

É un municipio interior, a 52 quilómetros de Riga. Limita ao leste co municipio de Cēsis, ao norte co municipio de Limbaži, ao oeste co municipio de Saulkrasti e ao sur co municipio de Ogre. O centro do municipio atópase na cidade de Sigulda.

Ten unha superficie de 1 029,9 km² e unha poboación de 30 625 persoas a finais de 2021. O municipio cómponse das parroquias de Allažu, Inčukalna, Krimulda, Lēdurga, Mālpils, More e Sigulda.

Xeografía e clima Xeograficamente, o municipio está dividido en dúas partes. A marxe dereita do río Gauja, onde se atopa a chaira de Limbaži, chaira compartida co municipio de Limbaži. E a marxe esquerda ocupada pola depresión de Madliena, suavemente montañosa.

A temperatura media é de -5,5 a -6 °C en xaneiro, e de +17 °C en xullo. A cantidade de precipitación é de 750 a 850 mm por ano.

Protección da natureza Dada a súa gran propoción de espazos naturais sobre o total da superficie do municipio, Sigulda converteuse desde a pasada década nun destino turístico para o desfrute de espazos naturais. Parte do centro e norte do municipio (917,45 km²) está ocupado polo Parque Nacional Gauja (incluída a Reserva do Barranco de Nurmižu , a Reserva do Casco Antigo de Inciem e a Reserva do Museo Turaida). Nese parque atópase a atracción turística do castelo medieval de Sigulda, ruínas dun castelo letón do ano 1207. Ao norte, as reservas naturais dos pantanos de Laugas, Lielais e Pemmes, no sur Mazie Kangari, as fervenzas carsas de Ezernieku e os mananciais de Mežmuiža.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Outros artigos Organización territorial de Letonia Rexións de Letonia

Sigulda