Jairo Noriega Figueroa, nado na Coruña o 14 de agosto de 2003, é un futbolista galego que xoga como centrocampista no Deportivo da Coruña.

Traxectoria Estudou no colexio Calasanz da Coruña e comezou a xogar ao fútbol sala no equipo do propio colexio, en idade prebenxamín, ata que con 7 anos pasou ao fútbol herba, cando foi seleccionado polo Deportivo da Coruña para o seu novo equipo benxamín. Alí coincidiu con xogadores como Dani Barcia, Hugo Ríos ou Brais Suárez, cos que foi subindo polas diferentes categorías inferiores do club.

Co equipo xuvenil adestrado por Óscar Gilsanz, proclamouse campión da División de Honra na tempada 2020/21, na que tamén debutou co Fabril en Terceira División, e acudiu a Marbella para a disputa da Copa de Campións Xuvenil. Con todo, mentres realizaba exercicios de quecemento antes do partido de semifinais contra o Real Madrid, sufriu unha lesión que o deixou fóra do torneo que acabou conquistando o seu equipo. Ao seu regresou enfermou de COVID-19, afección que o deixou dúas semanas na cama e que lle fixo perder varios quilos. A súa mala sorte estendeuse con dúas novas lesións e outro contaxio de COVID-19 durante os seguintes meses.

Recuperado dos seus problemas, foi titular no histórico partido do seu equipo na Liga Xuvenil da UEFA ante o Dynamo de Kíiv celebrado nun estadio de Riazor con máis de 20.000 espectadores, onde realizou unha destacada actuación. Xogou dous encontros máis co xuvenil e disputou o resto da tempada co Fabril, co que xogou sen éxito a promoción de ascenso á Segunda División RFEF, caendo ante o Ourense CF. Na tempada 2022/23 foi xunto a Diego Gómez un titular indiscutible no centro do campo do filial dirixido por Gilsanz, que logrou o ascenso a Segunda RFEF tras proclamarse campión do seu grupo.

O 1 de novembro de 2023 debutou oficialmente co primeiro equipo do Deportivo da Coruña, na vitoria por 1-3 sobre o Covadonga na Copa do Rei. O adestrador Imanol Idiakez aliñouno como titular, formando no centro do campo xunto a Diego Villares. Pechou a tempada con 26 partidos co filial e un co primeiro equipo. A continuación despediuse do Deportivo, despois dunha década na estrutura do club.

O último día do mercado de fichaxes de 2024 anunciouse a súa incorporación ao Ourense CF, que viña de ascender á Primeira Federación. Aínda que apenas contou con minutos de xogo con Rubén Domínguez como adestrador, a súa situación mudou coa destitución deste e a chegada ao banco do tamén coruñés Pablo López. Comezou a sumar titularidades, xogando en posicións máis adiantadas, e completou unha gran tempada, cun total de 33 encontros, 26 deles saíndo como titular.

A calidade e o talento demostrado no club ourensán valeulle para que ao remate da campaña fose chamado de novo polo Deportivo da Coruña, que uns días despois o cedeu ao Racing de Ferrol. No conxunto verde disputou un total de 34 partidos, sumando dous goles.

Palmarés Fabril Terceira División RFEF (1): 2022/23.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda Federación.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesFabril2020/21Terceira30----302021/223ª RFEF111--101212022/233ª RFEF271----2712023/242ª RFEF 26 2 ---- 262Total club6740010684Deportivo da Coruña2023/241ª RFEF--10--10Ourense CF2024/251ª RFEF29242--334Racing de Ferrol2024/251ª RFEF32220--342Total carreira 128 8 721 0 13610

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 2003 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Ourense CF Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol