miniatura|Howard Hughes nos anos 40. Howard Robard Hughes, Jr., nado o 24 de decembro de 1905 e finado o 5 de abril de 1976, foi un famoso aviador, enxeñeiro, empresario e produtor cinematográfico estadounidense. Foi tamén coñecido como un playboy e como unha das persoas máis ricas do mundo. É famoso por bater múltiples récords do mundo de velocidade, por construír os avións Hughes H-1 Racer e H-4 Hercules, por producir as películas Hell's Angels e The Outlaw, posuír e expandir a aeroliña TWA, e polo seu excéntrico comportamento, que foi incrementando coa idade.
Traxectoria Hughes naceu o 24 de decembro de 1905 en Houston, Texas. Seu pai, procedente dunha familia de clase media de Missouri, fíxose millonario cos pozos de petróleo de Texas no cambio de século. Tamén mercou os dereitos dunha fresadora-barrenadora xiratoria e sobre ela levantou a multimillonaria Hughes Tool Company.
Hughes educouse nun colexio privado en Nova Inglaterra antes de asistir ao Instituto de Tecnoloxía de California (Caltech). Sobresaíu en matemáticas e sempre estivo fascinado polas máquinas.
Cando morreu seu pai el tiña 19 anos e quedou co 75% da compañía familiar. A lexislación de Texas deixouno fóra da dirección da mesma ao ser aínda menor de idade. Deixou os estudos no Caltech sen graduarse, persuadiu á xustiza de Texas para poder encargarse dos asuntos da dirección da compañía, e incluso se fixo coas participacións restantes, en mans dos seus avós. Asegurado o seu futuro, Howard deixou a compañía en mans dos seus directivos e comezou a centrarse nas súas paixóns, empezando polo negocio das películas mudas.
A súa faceta como produtor de cinema O seu tío, Rupert Hughes, era un guionista de Hollywood, onde traballaba para Samuel Goldwyn. Howard trasladouse e creou o seu propio estudio a mediados dos anos 20. A súa primeira produción foi un fracaso, e el mesmo destruíu todas as copias da película, titulada Sweel Hogan.
En 1927 Hughes uniu as súas paixóns pola aviación e o cinema nunha ambiciosa produción. Comezou a traballar no argumento dunha historia que se centraba en dous pilotos en Francia durante a primeira guerra mundial e que levaba o título de Hell's Angels ("Anxos do inferno").
Unha vez os guionistas puliron a historia, Hughes enviou a Europa a un equipo de contables e pilotos para mercaren todos os avións de guerra auténticos da primeira guerra mundial que puidesen. Gastaron uns 500.000 dólares en 87 aparatos e reuniunos todos en Mines Field, California. Para voalos contratou a 137 pilotos especialistas, encabezados polo famoso Roscoe Turner e gastou outro medio millón de dólares para mercar un autentico Zeppelin que sería derrubado e incendiado diante das cámaras.
A rodaxe iniciouse no val de San Fernando e o propio Hughes dirixiu e voou nalgunhas escenas. O único avión que non se puidera conseguir fora un bombardeiro alemán Gotha. Roscoe Turner posuía un bimotor Sikrsky que Hughes mercou e o reformou para que parecese o devandito bombardeiro.
Hughes rexeitou o uso de maquetas e trucos, levando os pilotos e os avións ao límite das súas posibilidades en moitas ocasións, aínda que nunca esixía máis do que el mesmo podía facer. O mesmo Hughes sufriu un accidente durante a rodaxe ao engalar cun Thomas Morse Scout, do que saíu só cunhas poucas mancadelas. Malia isto, en toda a rodaxe só houbo unha morte, a dun mecánico na escena final da película, onde o Sikorsky debía ser destruído. O avión foi levado deliberadamente a unha barrena para que se estrelase e os dous tripulantes estaban equipados con paracaídas para abandonaren o aparato cando empezase a caer, pero un deles non saltou e morreu cando o avión se estrelou contra o chan.
A película, que custou 3,8 millóns de dólares, rematouse en 1929, cando xa aparecera o cinema sonoro, pero Hughes fixo que se captase son para estrear unha nova versión en 1930. Hell's Angels converteu a Hughes nun dos máis importantes produtores de Hollywood e el persoalmente supervisaría dúas películas moi recadadoras dos anos 30, Scarface e The Front Page. Anos despois, en 1948 mercou un paquete maioritario de accións da RKO Pictures a través da cal lanzou a moitas actrices á fama.
Aviador e deseñador de avións En 1930, cando Hell's Angels comezaba a exhibirse nos cinemas, Hughes comezou a pasar horas con Glenn Odekirk, enxeñeiro que contratara ao final da película e que se convertera no seu home de confianza. Xunto con outros enxeñeiros ocupou o seu tempo en hangares, rodeado de avións, reparando motores e esbozando as súas ideas para novos deseños. Incluso chegou a pasar dous meses desaparecido, voando como copiloto dun Fokker da aeroliña American Airlines so o pseudónimo de Charles Howard. En 1935 fixo outra cousa semellante, traballando de copiloto en voos transcontinentais da TWA debido á súa obsesión por coñecer todos os aspectos da aeronáutica.
Despezou o seu biplano Waco e mercou dous novos avións. O primeiro foi un anfibio Sikorsky S.38 para viaxar, que entregou a Odekirk para que o puxese a punto e ao que lle instalou un transmisor-receptor de radio, algo raro nun avión privado da época. O segundo avión que mercou foi un Boeing 100-A, a versión civil dun biplano construído para a persecución militar, que conseguiu despois dun acordo con Boeing e a USAAF por 45.000 dólares. Hughes ordenou aos seus enxeñeiros que lle adaptasen un motor rotativo Pratt & Whitney Wasp, que aumentaba a súa potencia considerablemente. Aínda que respectou o formato básico do avión, converteuno en monopraza, atrasando a cabina e modificou lixeiramente a cola, as ás e o tren de aterraxe. Todo isto tiña un propósito especial.
Cando rematou co Boeing centrouse no Sikorsky. En febreiro de 1933 iniciou, xunto con Odekirk, unha viaxe ao redor dos Estados Unidos, pasando por Houston para revisar a Hughes Tool Company e por Nova Orleáns, onde tivo que amarar ao fallar o motor do avión. Após o incidente partiu cara a Nova Inglaterra onde participou en varios torneos de golf (outra das súas paixóns) e posteriormente viaxou a Europa para mercar o Southern Cross, o quinto maior iate privado do mundo.
Carreiras aéreas No Nadal de 1933 o Boeing 100-A foi embarcado cara a Miami, para o propósito polo que se preparara tan minuciosamente, as Carreiras Aéreas Panamericanas de Miami. Alí comezou a probar o aparato, superando a velocidade das versións que tiñan a Armada e máis o Exército.
O 14 de xaneiro de 1934 Hughes converteuse no home máis rápido dos Estados Unidos nunha carreira libre sobre un circuíto de 20 millas. Recibiu por iso o prestixioso trofeo Trujillo, o primeiro de moitos outros. Esta vitoria, cando só tiña 29 anos, fixo que se vise a Hughes con outros ollos no mundo aeronáutico, que ata entón era visto como un produtor multimillonario afeccionado ás mulleres que tiña á aviación como pasatempo.
A pesar de gañar a competición, Hughes pensaba que o avión non era o suficientemente bo. Falou con Odekirk e este díxolle que a única forma de que estivese totalmente satisfeito era que el mesmo deseñase un avión partindo de cero.
Hughes H-1 Seguindo o consello de Odekirk Hughes pasou os seguintes anos deseñando o seu propio avión. Alugou un hangar no aeroporto dos Ánxeles a finais da primavera de 1934 e reuniu a un equipo de 18 homes que se converterían no núcleo da Hughes Aircraft Company. Entre eses homes estaba Odekirk, que xunto con Dick Palmer, un enxeñeiro graduado no Caltech que xa traballara con Douglas e Fokker, encargaríanse da produción. Outro membro foi Robert W. Rummel, que sería posteriormente enxeñeiro xefe da TWA cando Hughes mercou a maioría das súas accións.
En agosto de 1935 presentouse o Hughes H-1, que a prensa chamaría a Misteriosa Aeronave Hughes. Era un avión de á baixa, co corpo de aluminio e as ás de madeira que incorporaba moitas innovacións.
Récords aéreos Hughes decidiu realizar as probas de voo el mesmo, e así continuaría facendo cos seus futuros avións. Cando estivo satisfeito coas probas do H-1 decidiu bater o récord de velocidade de avións terrestres, que estaba en mans do francés Raymond Delmotte dende 1934. O 13 de setembro de 1935, supervisado por membros da Asociación Aeronáutica Nacional e a Federación Internacional Aeronáutica, Hughes voou no seu H-1 a 352,39 millas/hora, case 40 millas/h máis que Delmotte. Ao rematar a proba, xusto despois de rematada a última volta, sufriría un accidente. O avión levaba o combustible xusto para que pesase menos e quedou sen el xusto ao rematar. Tivo que facer unha aterraxe de emerxencia pero o avión apenas sufriría danos e en pouco tempo estaría reparado.
O seguinte récord de Hughes foi o de velocidade de costa a costa dos Estados Unidos. A marca tíñaa dende o ano anterior Roscoe Turner, que traballara con Hughes en Hell's Angels. Turner fixera o percorrido de 2480 millas entre Burbank (California) e Newark (Nova Jersey) en 10 horas.
Mentres o H-1 era reparado e modificado cunha á maior para longos percorridos, Hughes alugou un Northrop Gamm ao que lle instalou un novo motor. O 13 de xaneiro de 1936 engalou en Burbank e aterrou en Newark 9 horas e 27 minutos despois, batendo así o récord de Turner. No regreso a California establecería outros récords interurbanos entre Nova York e Miami e entre Chicago e Os Ánxeles.
Estes logros reportáronlle o prestixioso trofeo Harmon, a na súa viaxe cara a Nova York para a cerimonia no reformado H-1 tardou 7 horas e 28 minutos, batendo novamente o récord que permaneceu así durante 10 anos.
O derradeiro récord que bateu Hughes, en parte por satisfacción persoal e en parte para darlle publicidade á TWA, a aeroliña que estaba adquirindo, foi a volta ao mundo. A TWA durante os anos 30 estaba dedicada principalmente ao transporte de carga dentro dos Estados Unidos e necesitaba expandirse, e á parte moi pouca xente usaba as aeroliñas con regularidade por non considerar os voos nin cómodos nin seguros. Un dos obxectivos de Hughes era demostrar a seguridade e a velocidade da viaxe en avión.
A primeira volta ao mundo realizáraa en 1933 o piloto torto Wiley Post e Hughes quería realizar unha fazaña semellante insistindo nas vantaxes dos avións. Comezaría a preparar a viaxe en 1936 e tardaría dous anos en levar a cabo o voo. O avión elixido foi un Lockheed 14 Lodestar que foi dotado cos últimos sistemas de comunicacións e navegación.
O 13 de xullo de 1938 Hughes e os seus catro tripulantes aterraron en Nova York despois de sobrevoaren Europa, a Unión Soviética e Alasca, tardando 3 días, 19 horas e 9 minutos en completaren o percorrido. A idea de Hughes após bater este récord era completalo en solitario co novo modelo civil de Boeing, o 307 Stratoliner, pero o estoupido da segunda guerra mundial rematou cos seus plans. No seu lugar dedicaría os seus esforzos a intentar construír un caza para venderllo á USAAF.
XF-11 Hughes deseñou un caza bimotor e bifuselaxe coa cabina nunha góndola central e denominouno D-2, pero a USAAF decantaríase polo Lockheed P-38 Lightning, que tiña unha configuración semellante pero cunha construción totalmente metálica. Despois desa decisión, cando o comandante supremo da USAAF visitou o hangar do D-2, Hughes impediulle a entrada con gardas armados. Estaba convencido de que os militares o odiaban e cada vez se volvía máis paranoico. miniatura|225px|XF-11 A pesar de non ser elixido continuou co seu deseño e fabricou un prototipo do D-2 nun complexo especial construído a propósito para o novo avión. Un oficial de adquisición da Forza Aérea avaliou o prototipo e non deu a súa aprobación. O mesmo Hughes non estaba satisfeito co modelo cando fixo o seu primeiro voo o 20 de xuño de 1943, polo que decidiu facer modificacións no deseño. Porén o aparato ficaría destruído nun incendio no seu hangar ese ano.