Seán Ó hEinirí, nado o 26 de marzo do 1915 e finado o 26 de xullo do 1998, coñecido en inglés como John Henry, foi un seanchaí ou contacontos tradicional irlandés.

Traxectoria Ó hEinirí naceu en Cill Ghallagáin (Kilgalligan), no condado de Mayo, fillo de Micheál Ó hEinirí e Máire Uí Einirí. Dende moi novo, compilou multitude de lendas antigas e historias tradicionais. Tamén traballou como pescador, usando un tipo de embarcación irlandesa coñecida como currach.

Contribucións á lingua irlandesa Fíxose coñecido como un talentoso seanchaí, e o folclorista Proinnsias de Búrca (1904–1996) recolleu historias del en tempos da Comisión de Folclore Irlandesa (1935–1971). Nos anos posteriores, foi gravado por Séamas Ó Catháin do Departamento de Folclore Irlandés desde 1975 durante máis de dez veráns. Gran parte deste traballo foi publicado en Scéalta Chois Cladaigh (Historias do mar e da costa) en 1983 polo Consello de Folclore de Irlanda (Comhairle Bhéaloideas Éireann).

Ó hEinirí tamén proporcionou un gran número de palabras e expresións ao lexicógrafo Tomás de Bhaldraithe, quen as incorporou ao seu influente Dicionario inglés-irlandés, publicado en 1959. Ademais disto, deu máis de 800 topónimos menores a Patrick O'Flanagan da Comisión de Folclore para o libro de 1974 The Living Landscape, Kilgalligan, Erris.

Whitley Stokes estimou que había ao redor de 800 000 falantes de irlandés monolingües en 1800, que diminuíron a uns 320 000 ao final da Gran Fame irlandesa, e a menos de 17 000 en 1911. Os falantes monolingües mantivéronse na década de 1950, pero nos anos 80 e 90 xa desapareceran. É por iso, que Seán Ó hEinirí foi probablemente un dos últimos falantes monolingües de lingua irlandesa, senón o último.

Aparicións televisivas Ó hEinirí foi filmado para o documental de 6 partes da BBC In Search of the Trojan War, que se emitiu en 1985. Segundo o documental, era analfabeto. Tamén apareceu nunha reportaxe de Morning Ireland emitida o 25 de xullo dese ano.

En 1986 Ó hEinirí apareceu no episodio 8 da serie gañadora dun premio Emmy The Story of English, tamén producida pola BBC, que falaba da influencia irlandesa na lingua inglesa.

Últimos anos e morte Permaneceu na aldea de Cill Ghallagáin, onde era coñecido como seanfhondúir ('veterano, habitante orixinal'). Morreu o 26 de xullo de 1998 e sobreviviu a súa muller, Máire (que morreu en 2001). Está soterrado no cemiterio de Cill Ghallagáin.

Notas

Categoría:Nados en 1915 Categoría:Nados no condado de Mayo Categoría:Finados en 1998 Categoría:Cultura de Irlanda Categoría:Lingua irlandesa