Michael Eugene Nicolas Majerus (13 de febreiro de 1954 – 27 de xaneiro de 2009) foi un xenetista británico e profesor de evolución na Universidade de Cambridge. Foi tamén un membro profesor no Clare College, Cambridge. Foi un entusiasta da teoría darwinista da evolución por selección natural e chegou a ser unha autoridae mundial no seu campo da bioloxía evolutiva dos insectos. Foi moi coñecido polo seu traballo sobre as avelaíñas e maruxiñas e un defensor da ciencia da evolución. Tamén foi un entusiasta educadorFor example: e autor de varios libros sobre insectos, evolución e reprodución sexual. É lembrado principalmente pola súa ardente defensa dos experimentos sobre a evolución de Biston betularia.

Biografía Fillo de Fernand e Muriel Majerus, Michael Majerus tivo un temperán interese nos insectos. Conseguiu a súa primeira rede para bolboretas á idade de catro anos. O seu pai, de orixe luxemburguesa, espertoulle esa afección levándoo a excursións polo campo os fins de semana e traéndolle a casa espécimes obtidos nas súas viaxes. Estaba especialmente interesado nos lepidópteros e na xenética ecolóxica seguindo os traballos de E.B. Ford, cuxo libro Moths (da serie New Naturalist) comprou aos 10 anos de idade. Educouse na Merchant Taylors' School, Northwood, e graduouse en botánica e zooloxía no Royal Holloway College, Londres. Obtivo o seu doutoramento PhD no Royal Holloway College polo estudo do control xenético da cor das larvas da avelaíña Phlogophora meticulosa. Traballou durante catro anos na Universidade Keele como un demostrador de investigacións. En 1980 pasou a formar parte do Departamento de Xenética da Universidade de Cambridge como asociado de investigación. Despois de ser promovido como profesor numerario en 1987 e profesor adxunto en 2001, foi nomeado profesor de evolución en 2006. En 1990 elexírono membro do Clare College, e desde o seguinte ano, en 1991, converteuse en membro docente do college, posto que mantivo ata a súa morte.

Morreu o 27 de xaneiro de 2009 por causa dun mesotelioma agresivo.

Vida persoal Majerus era un apaixonado anticreacionista. Utilizou moitos dos seus traballos científicos para loitar contra o creacionismo.

Casou con Vicki Maclean en 1979, pero o seu matrimonio foi disolto. Volveu casar con Tamsin Harris en 1988 coa cal tivo dous fillos e unha filla. Posteriormente divorciouse, e Majerus casou por terceira vez con Christina Poole en 2005.

Logros

Despois do seu traballo de doutoramento sobre avelaíñas, Majerus pasou a estudar as maruxiñas, unha área que lle deu unha gran publicidade e sona como experto en 2004 cando a maruxiña Harmonia axyridis chegou a Gran Bretaña, causando unn desastre como especie invasora. Esta publicidade axudou a que moitas persoas se implicasen na monitorización do espallamento da maruxiña. O seu traballo sobre a avelaíña Biston betularia proporcionou novos apoios para o coñecemento da evolución de dita especie.

O seu traballo de investigación estivo fundamentalmente enfocado nos insectos, especialmente B. betularia e as maruxiñas, pero investigounas desde moitas perspectivas diferentes, como o melanismo, os matadores de machos, a selección sexual, as enfermidades de transmisión sexual en insectos, a coloración animal, as especies invasoras, e o control de pragas biolóxicas.

Evolución de Biston betularia O legado de Majerus está constituído en gran medida pola súa afervoada defensa e traballos experimentais sobre a evolución de B. betularia. O concepto de melanismo industrial en B. betularia fora un exemplo primario da selección natural darwinista en acción. Coas evidencias experimentais obtidas por Bernard Kettlewell a principios da década de 1950, a historia desta avelaíña converteuse nun clásico na bioloxía evolutiva. Porén, a aparición do creacionismo a finais do século XX supuxo un grave ataque a este concepto. Para incementar a polémica, os biólogos tamén empezaron a discutir a validez dos experimentos de Kettlewell. A publicación de Melanism: Evolution in Action en 1998, no cal Majerus analizaba e defendía os experimentos de Kettlewell provocou grandes críticas. Os traballos de Kettlewell víanse como carentes dun axeitado procedemento experimental, e algúns mesmo o acusaban de ser falsos, unha fraude ou falsificación e equivocados. As acusacións foron moi popularizadas pola xornalista Judith Hooper no seu libro de 2002 Of Moths and Men (que á súa vez recibiu grandes críticas). Un dos críticos, Jerry Coyne, profesor de evolución na Universidade de Chicago, comentou que: "A maioría do traballo descrito non é concluínte... polo momento debemos descartar Biston como un exemplo ben entendido de selección natural en acción, aínda que é claramente un caso de evolución." Majerus entón deseñou un elaborado experimento para resolver o asunto. Empezouno en 2001 e continuouno por sete anos, e rematouno pola súa morte, sen darlle tempo a publicalo. Experimentara con 4.864 avelaíñas en Cambridgeshire, polo que se converteu no experimento máis grande realizado desa maneira. Despois da súa morte os seus resultados experimentais foron analizados por unha colaboración de xenetistas norteamericanos e británicos, e publicáronse en 2012. Os traballos de Majerus reivindicaban claramente a metodoloxía dos experimentos sobre a evolución de B. betularia e o artigo concluía que:

Honores e recoñecementos Majerus foi presidente da Sociedade de Entomólogos Amadores, un Membro da Sociedade Entomolóxica Real, e un Membro Vitalicio da Asociación de Naturalistas Británicos. Recibiu varios premios, como o Premio Memorial Peter Scott en 2006, pola súa contribución á historia natural británica. En 2004 concedéuselle o título de "Distinguished Supporter" da Asociación Humanista Británica. En 2010 a Sociedade de Entomólogos Amadores creou A bolsa de investigación Mike Majerus co obxectivo de animar a unha nova xeración de entomólogos apoiando e financiando os seus proxectos baseados nas Illas Británicas que pulasen a causa do estudo entomolóxico, investigación ou educación feito por amadores, especialmente os xoves.

Libros

Notas

Véxase tamén Outros artigos Melanismo industrial

Ligazóns externas The Peppered Moth: Decline of a Darwinian Disciple, un transcrito da súa conferencia dada na Asociación Humanista Británica o día de Darwin de 2004. The Peppered Moth: The Proof of Darwinian Evolution, un transcrito da súa conferencia dada na xuntanza da Sociedade Europea para a Bioloxía Evolutiva o 23 de agosto de 2007. A presentación en PowerPoint que a acompaña está tamén dispoñible. , Universidade de Cambridge Obituary, Times Higher Education

Categoría:Biólogos do Reino Unido Categoría:Biólogos evolutivos Categoría:Xenetistas Categoría:Entomólogos do Reino Unido