Gazte Abertzaleak (GA) (Mozos Patriotas en éuscaro) son os mozos do partido Eusko Alkartasuna (EA) (Solidariedade Éuscara en éuscaro), agora parte do EH Bildu en Hegoalde e EH Bai en Iparralde. Os seus ideais son os de Eusko Alkartasuna, aínda que goza de autonomía para desenvolver as súas propias iniciativas.

A organización está presente en todos os territorios onde a cultura vasca (Euskal Herria) se manifesta. Ten unha presenza nas provincias españolas de Áraba, Guipúscoa e Bizcaia na Comunidade Autónoma do País Vasco e da Comunidade Autónoma de Navarra (popularmente coñecido como Hegoalde), así como nos territorios franceses de Lapurdi, Baixa Navarra e Zuberoa (popularmente coñecida como Iparralde) do Departamento de Pireneos Atlánticos.

Tamén colabora con outras organizacións xuvenís, a través do Consello da Xuventude de Euskadi (EGK), internacionalmente a través EFAY (Mozos da Alianza Libre Europea) e mantén relacións estreitas coa diáspora vasca, especialmente os mozos da Arxentina.

Traxectoria Orixe e historia Creada en 1988 pretende acadar a independencia dos territorios da rexión histórica do País Vasco, coa idea de constituír unha república vasca no seo da Unión Europea e estender a solidariedade entre a mocidade. Defínense como comprometidos co antimilitarismo, o pacifismo, o ecoloxismo, a xustiza social, a denuncia da violación dos dereitos humanos e o desenvolvemento sostible.

Ideario Comparte con Eusko Alkartasuna o seu ideario aínda que con posturas propias, dada a autonomía organizativa que posúe a organización. Posúe un representante en toda executiva local de EA, nas rexionais e o seu secretario xeral é membro de pleno dereito da Executiva Nacional do partido.

Tense mostrado historicamente contraria ás coalicións co PNV e a día de hoxe mantén conversacións con case tódalas organizacións xuvenís do País Vasco. Así, forma parte do Consello da Xuventude de Euskal Herria (EHGk) e do Consello da Xuventude de Euskadi (EGK).

En 1999, xunto a outras xuventudes de partidos de esquerda en Europa integrados na Alianza Libre Europea, formaron as súas xuventudes (EFAY: European Free Aliance Youth). Actualmente Gazte Abertzaleak exerce a presidencia desta organización sendo Lander de Bilbao o seu presidente. Tamén era membro de Gazte Abertzaleak o seu primeiro presidente, Mikel Irujo. Entre os seus membros están as xuventudes de ERC, o SNP escocés e organizacións nacionalistas flamengas ou galesas, entre outras.

Congresos

O 30 de marzo de 2003, en Tolosa (Guipúscoa), celebraron o 15 aniversario da fundación e presentaron a súa proposta de paz. En febreiro de 2007 celebrou en Deba (Guipúscoa) o IX Congreso co lema "Ausardiaz" (Con valentía) no que Harkaitz Millan substituíu a Ibon Usandizaga como novo seretario xeral. Un ano máis tarde, en 2008, durante o 10 e 11 de maio, tivo lugar en Bilbao o X Congreso, baixo o lema Indarberrituz (Renovando a forza), no que se escolleu a Alain Zamorano como novo secretario xeral. O XI Congreso celebrouse en Vitoria-Gasteiz entre o 12 e 13 de setembro de 2009, coincidindo coa celebración do 10 aniversario da fundación. O lema escollido foi Hamaika Ikusitakoak e a secretaría xeral caeu en Maider Carrere, sendo a primeira muller que accedeu ao cargo. O XII Congreso foi o 8 de decembro de 2012, en Bidarrai co lema "Ezarritako parametroetatik haratago" (Alén dos parámetros establecidos) Haritz Pérez,​ exsecretario de organización na anterior Executiva Nacional, foi o elixido como secretario xeral. Na celebración do 25 aniversario celebrado en Galdakao baixo o lema "25 urtez Euskal Herriaren alde borrokan" (25 anos loitando por Euskal Herría), o 3 de xaneiro de 2015, Ibon García foi elixido secretario xeral. O XIV Congreso celebrouse durante o 26 e 27 de novembro de 2016, en Bilbao, co lema "Pausoz, pauso, gazteok bidea eginez" (Os mozos facendo camiño, paso a paso). Como secretario xeral foi elixido Asier Gomez.

Publicacións Ten dúas revistas como medios de comunicación: Gaztekari (para a comunicación exterior) e Gazteberri (para a comunicación interna da militancia da organización).

Secretarios xerais 1988 - 1990 - Sabin Arana 1990 - 1992 - Fernando Velasco 1992 - 1994 - Yon Goikoetxea 1994 - 1996 - Jon Ander Arrieta 1996 - 1998 - Peio Urizar 1998 - 2002 - Martín Arámburu 2002 - 2004 - Andoni Iturzaeta 2004 - 2007 - Ibon Usandizaga 2007 - 2008 - Harkaitz Millan 2008 - 2009 - Alain Zamorano 2009 - 2012 - Maider Carrere 2012 - 2014 - Haritz Perez 2014 - 2016 - Ibon Garcia 2016 - 2019 - Asier Gomez 2019 - Actualidade - Andoni Iriondo

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Web oficial Sitio oficial de EFAY

Categoría:Nacionalismo vasco Categoría:Mocidades políticas de España