Amancio Amaro Varela, coñecido simplemente como Amancio e alcumado o Bruxo, nado na Coruña o 16 de outubro de 1939Ficha en realmadrid.com e finado en Madrid o 21 de febreiro de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego.
Centrocampista histórico do Deportivo da Coruña e do Real Madrid, xogou 579 partidos entre os dous conxuntos e marcou 223 goles, 21 deles na Copa de Europa. Ocupa na actualidade o 10º posto na táboa de máximos goleadores da historia do Deportivo, e o 11º do Real Madrid. Está amplamente considerado como un dos dous mellores futbolistas galegos da historia, xunto ao tamén coruñés Luis Suárez.
No Deportivo formou unha gran dupla atacante co compostelán Veloso, marcando entre os dous 83 goles nas súas dúas últimas tempadas na Coruña. Foi o máximo goleador de Segunda División na tempada 1961/62 e o gran artífice do ascenso ese ano. O seu rendemento no Deportivo chamou a atención do FC Barcelona e do Real Madrid, sendo este último o que conseguiu a súa fichaxe, nun dos traspasos máis caros e seguidos nos medios da época.
Xogou 14 tempadas no Real Madrid, liderando xunto a Paco Gento a xeración de futbolistas coñecida como o "Madrid Yé-Yé". Gañou nove ligas (cifra só superada por Gento, Pirri e Messi), tres Copas do Xeneralísimo e a Copa de Europa de 1966, onde marcou un dos goles da final fronte ao Partizán de Belgrado no Estadio de Heysel. Gañou dúas veces o Trofeo Pichichi e en 1964 quedou terceiro nas votacións para o Balón de Ouro, por detrás de Denis Law e Luis Suárez.
Foi tamén internacional coa selección española, coa que disputou 42 partidos e marcou 11 goles. Formou parte da histórica selección que se proclamou campioa da Eurocopa de 1964, tras derrotar na final á Unión Soviética, e participou tamén no Mundial de 1966 en Inglaterra.
Os seus éxitos fixeron que figurase como o 47º mellor futbolista de todos os tempos para a Federación Internacional da Historia e Estatística de Fútbol en abril de 1990, e como o 8º mellor xogador español do século XX. Ademais fóronlle concedidas dúas Medallas de Prata ao Mérito Deportivo, e en 2001 foille concedida a Medalla de Ouro pola súa traxectoria deportiva. Ese ano recibiu tamén a Medalla Castelao. Ocupou o cargo de presidente de honra do Real Madrid dende outubro de 2022 ata a súa morte en febreiro de 2023.
Traxectoria
Inicios no Victoria FC (1954-58) Naceu na rúa San Luis da Coruña, sendo o segundo dos tres fillos do pintor de coches Amancio Amaro Domínguez e da froiteira Honorina Varela Rodríguez. Recibiu o mesmo nome que seu pai e seu avó (Amancio Amaro Iglesias). Os seus irmáns eran Mary e Juan Carlos e un dos seus tíos foi o futbolista Norberto Amaro, que xogou no Deportivo da Coruña e destacou no Cartagena.
Comezou a xogar ao fútbol nas rúas, especialmente na zona próxima á Estación do Norte, ata que aos 9 anos se trasladou coa súa familia á rúa Biscaia. Con 11 anos, o día de Reis de 1951, recibiu como regalo as súas primeiras botas de fútbol, de parte da súa madriña Maruxa. Aos 15 anos, o seu amigo Nolito levouno para o Victoria CF xunto a Moncho Parada e Jaime Blanco. No modesto club coruñés disputou tres tempadas como xuvenil e axiña comezou a destacar no campo da Granxa, sendo convocado a miúdo pola selección galega xuvenil, da que foi capitán, e sendo preseleccionado pola selección española xuvenil.
En 1958 o Victoria organizoulle un partido de homenaxe fronte ao Sporting Cambre e o Comité Rexional de Fútbol Afeccionado e Xuvenil premiouno cunha medalla de prata.
Explosión no Deportivo da Coruña (1958-62) Fichou en xullo de 1958 polo Deportivo da Coruña, que daquela militaba na Segunda División, asinando por dous anos. Chegou nun ano con moitas fichaxes, entre elas as de Rabadán, Manchón, Veloso, Gelucho, Vigo, Sobrín e Collar, que se uniron a un equipo no que estaban Reija, Manín, Polo, Oswaldo e Moll entre outros. Debutou o 8 de setembro nun amigábel dos xogadores suplentes do Deportivo contra o Arousa en Riazor, con vitoria por 5 goles a 0, o último deles de Amancio. O seu debut oficial co primeiro equipo produciuse o 28 de setembro de 1958 na derrota por 1-0 fronte ao Real Avilés Club de Fútbol, na terceira xornada de liga. Non xogou máis partidos ata tres meses despois, cando a lesión do internacional uruguaio Souto fixo que volvese ao once no partido contra o Sabadell, onde anotou o seu primeiro gol. A partir de entón xogaría decote. Disputou un total de 17 encontros entre liga e Copa do Rei e anotou 7 goles, e o equipo rematou 7º.
Na tempada 1959/60 Amancio era xa titular indiscutible e a gran figura do fútbol coruñés xunto a Luis Suárez. O Deportivo quedou cuarto na táboa e Amancio pechou a tempada con 15 goles entre liga e Copa, incluído o seu primeiro triplete na vitoria por 3-2 sobre o Athletic Club, de Primeira División. Na tempada seguinte o Deportivo non conseguiu meterse nos postos de ascenso, ao rematar en terceira posición, cousa que si conseguiu un ano despois, gañando a competición tras sumar só catro derrotas. Amancio foi un dos grandes artífices do ascenso, formando unha gran dupla co compostelán Veloso, marcando entre os dous 83 goles en liga nas dúas últimas tempadas. Veloso foi o máximo anotador na 1960/61 e Amancio foino na 1961/62, con 25 goles en 26 partidos. Ademais o 1 de outubro de 1961 conseguiu marcar 4 goles nun mesmo partido, na vitoria por 6-1 fronte ao Burgos en Riazor.
As súas grandes actuacións chamaron a atención dos grandes equipos, entre eles o Milan, o Barcelona e o Real Madrid. Tras unha reunión na Coruña para achegar posturas cos barcelonistas, chegou unha oferta de Madrid que o fixo decantarse por estes. Con todo, non foi fácil debido ás pretensións económicas do club galego para deixalo marchar. No medio do barullo de informacións sobre a súa fichaxe, Amancio xogou o seu último partido co Deportivo precisamente fronte ao Real Madrid, nun partido amigábel no Estadio Santiago Bernabéu, con vitoria branca por 3-2 e un gol de Amancio. Respecto aos partidos oficiais, Amancio pechou a súa etapa no Deportivo con 69 goles, sendo no momento da súa marcha o cuarto máximo anotador da historia do club, só superado por Chacho, Guimeráns e Ramón González.
Esplendor no Real Madrid (1962-1976) Tras dúas reunións fracasadas, onde o Deportivo fixou unha alta cantidade para o traspaso, non foi senón pola insistencia do entón presidente madridista Santiago Bernabéu pola que se consumou finalmente a fichaxe do xogador coruñés. 12 millóns de pesetas e a cesión de tres xogadores (Miché, Antonio Ruiz e Betancort) foi o prezo final que o presidente asinou, coa oposición da xunta directiva e social que descoñecía os movementos de Bernabéu. Foi unha operación arriscada que puxo en perigo a economía do club, nun momento en que esta estaba maltreita. esquerda|miniatura|Aliñación do Real Madrid campión de Europa en 1966. Amancio Amaro, segundo comezando abaixo á esquerda. Xunto con Amancio, no verán de 1962 tamén chegaron ó Real Madrid Ignacio Zoco, Lucien Muller e Yanko Daučík. Nesa época o equipo vivía unha etapa de transición, xa que anos atrás destacara tanto en España como en Europa. Tras xogar un amigábel en Accra contra a selección de Ghana e de marcar o seu primeiro gol noutro amigable en Casablanca fronte a un equipo das Forzas Armadas de Rabat, Amancio debutou en partido oficial fronte ó RSC Anderlecht na ida da rolda previa da Copa de Europa, cun resultado final de 3-3. Amancio xogou no Real Madrid co número 7. Uns días despois debutou en liga fronte ó Real Betis en Sevilla, marcando o seu primeiro gol co Real Madrid, así como o seu primeiro gol na máxima categoría, para facer o 2-3 que poñía por diante ao seu equipo, antes de que Ferenc Puskás marcase outros dous goles do seu triplete para facer o 2-5 definitivo. Amancio era xunto ao maxiar a referencia atacante do equipo adestrado por Miguel Muñoz, e no que o veterano Alfredo Di Stéfano atrasara a súa posición para encargarse máis do xogo de creación. Conseguiu anotar 15 tantos en 38 encontros da temporada, sendo o segundo máximo realizador do equipo (por detrás de Puskás) e o quinto da liga, que serviron para conquistar o seu primeiro título de liga.
Na súa segunda campaña no club branco gañou un novo título de liga e marcou os seus primeiros goles na Copa de Europa, fronte a Dinamo de Bucarest, Milan e FC Zürich. Xogou ademais a súa primeira final europea, que rematou con derrota fronte ao Inter de Milán de Helenio Herrera. No equipo interista militaba o outro gran futbolista coruñés da época, Luis Suárez, sendo esta a primeira e única ocasión na que dous futbolistas galegos se enfrontaron nunha final da máxima competición europea.
A súa fama alcanzou gran renome internacional e con apenas un par de anos en Madrid, o Milan intentou a súa fichaxe en 1964, pero o valor do xogador, cuadriplicado dende a súa chegada, era demasiado para un club italiano que pretendía a Amancio para contrarrestar o efecto que tiña Luis Suárez no Inter, veciño e rival histórico dos rossoneri. A súa grande habilidade nos caneos e o seu acerto goleador levárono a conquistar o Balón de Bronce do ano 1964, por detrás de Denis Law e Luis Suárez, e converterse en titular do equipo. Na tempada 1964/65 sufriu unha lesión que o deixou sete meses de baixa, con todo, antes diso tivo tempo a marcar 15 goles, destacando un triplete no "clásico" fronte ao Barcelona (4-1) e outro na Copa de Europa fronte ao Dukla Praga (4-0). Gañou ese ano a súa terceira liga consecutiva.
Na tempada 1965/66, na que Amancio volveu ter como compañeiro ao santiagués Veloso, o Real Madrid non puido revalidar o título de liga, que foi para o Atlético de Madrid, pero redimiuse clasificándose para a final da Copa de Europa. A gran final disputouse o 11 de maio de 1966 fronte ao Partizan de Belgrado no Estadio de Heysel de Bruxelas. O equipo iugoslavo adiantouse cun gol do seu capitán, Velibor Vasović, pero un gol de Amancio no minuto 70 iniciou unha remontada que culminou no 76 Serena. Conquistaba así o Real Madrid a súa sexta Copa de Europa, título ao que contribuíu Amancio con cinco goles na competición, un en cada roda da competición dende oitavos cara a adiante (incluído un gol na semifinal contra o Inter de Milano, en San Siro). En agosto dese ano disputou en Riazor a 21ª edición do Trofeo Teresa Herrera, conquistando o trofeo ante o seu exequipo, o Deportivo da Coruña.
Pese a atrasar a súa posición continuou como un dos referentes do ataque e do equipo xunto ao veterano Gento, Manuel Velázquez, José Martínez Pirri e Ignacio Zoco. Nas tres seguintes tempadas acadou tres novos títulos de liga, sendo ademais na terceira delas o gañador do Trofeo Pichichi ao máximo goleador da liga, empatado a 14 goles con José Eulogio Gárate. Xa como referente do Real Madrid foi convocado en 1968 para unha selección mundial auspiciada pola FIFA, para un partido fronte á selección brasileira, en conmemoración polo décimo aniversario da consecución do seu primeiro campionato do mundo.
Na tempada 1969/70, con 16 goles, volveu gañar o Trofeo Pichichi, de novo de xeito compartido con Gárate, e esta vez tamén con Luis Aragonés. Continuou no Real Madrid ata a súa retirada en xuño de 1976, gañando outras tres ligas para facer un total de nove, así como tres Copas do Rei. Disputou un total de 471 partidos co equipo branco, anotando 155 goles, estando situado no momento da súa retirada como o cuarto máximo goleador da historia do club, só por detrás de Alfredo Di Stéfano, Ferenc Puskás e Paco Gento. miniatura|Amancio Amaro nun adestramento do Real Madrid en Ámsterdam, en 1973.
Selección española