Bernardo Penabade Rei, nado nas Grañas do Sor (Mañón) o 12 de xullo de 1964, é un profesor e escritor galego.
Traxectoria É licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou na área audiovisual en empresas vinculadas á TVG no momento en que esta comezaba as súas emisións. Ademais do sincronizado e da dobraxe de filmes e series televisivas, ocupouse da tradución de guións (especialmente de programas destinados ao público infantil). Tamén desenvolveu un importante labor de dinamización cultural na Residencia Universitaria do Burgo das Nacións, foi un dos impulsores do colectivo de estudantes que organizou numerosos cursos e conferencias e que convocou o Certame Literario. Despois dun breve período de docencia no Colexio Paulo VI da Rúa, foi profesor no IES Otero Pedrayo de Ourense, no Johan Carballeira de Bueu, no de Ortigueira e no IES Vilar Ponte de Viveiro. Desde 2003 deu clases de Lingua e Literatura Galegas no IES Perdouro de Burela ata a súa xubilación en 2024.
Entre 1997 e 1998 foi colaborador habitual de Volvoreta, o suplemento do xornal El Correo Gallego para a comunidade universitaria de Compostela, publicando noticias de libros e entrevistas a escritores galegos.
Ten participado en numerosos congresos con relatorios publicados sobre lingüística, sociolingüística e didáctica. Traballos seus poden lerse nas revistas Agália, A Nosa Terra e Novas da Galiza, ben como nas actas de diversas reunións de carácter científico.
Dende 1983 é membro da Associaçom Galega da Língua, colectivo a prol do reintegracionismo e entre xullo de 2001 e 2007 foi o seu presidente. Co seu acceso á presidencia rompeuse unha traxectoria máis culturalista da AGAL e o grupo reintegracionista deu pasos na súa dimensión pública, como a participación na constitución da Assemblia da Língua, ensaio de plataforma de traballo conxunto de todos os grupos reintegracionistas, ou como a inauguración dun local de seu. Tamén se impulsaron o Portal Galego da Língua e o dicionario e-Estraviz.
Desde 2008 impulsa o Modelo Burela, primeiro proxecto de planificación lingüística aprobado por unanimidade nunha vila galega e orientado á comunidade procedente de Cabo Verde. Desde 2012 coordina en Radio Burela o programa radiofónico Proxecto Neo, centrado nas experiencias de persoas neofalantes do noso idioma. Este programa (posteriormente reemitido polas emisoras comunitarias Cuac FM e Rádio Filispim) está realizado polo alumnado do IES Perdouro.
Desde 2021 é membro da Comisión Técnica do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega.
Tamén realizou a revisión lingüística, entre outros, de dous libros do profesor Antón Niñe.
Obra publicada
Outra voz na procura da emancipaçom nacional: Ricardo Flores, Educaçom e informaçom objectivas: dous direitos lingüísticos e As relaçons transfronteiriças no currículo académico in «Agália. Revista de Humanidades e Ciências Sociais».
Obras colectivas Coordinador das Actas do Congresso Álvaro Cunqueiro (con Araceli Herrero, Ramón Reimunde e Xabier Cordal). (Ed. da Dep. de Lugo, 1993). Con Marica Campo tivo ao seu cuidado a escolma e notas do libro Ansias de Vento, obra póstuma do poeta Gustavo Adolfo Lois Dosil (1996). Coordinación e prólogo do volume colectivo (114 autores; 502 pp.) Deixade que voe o paporroibo, que vos conte contos (1999). Ed. O Paporroibo. Ortigueira. Por um galego extenso e útil, 2010, Através Editora. Carvalho Calero atual, 2012, Através Editora.
Premios 2023: Premio Meendinho: “são muitas as razões para Bernardo Penabade levar este prémio, a começar pelo facto de ser com certeza, um exemplo de reintegracionismo coerente para todas as galegas e galegos, com o seu compromisso com a Galiza e a sua língua”.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Órganos directivos da AGAL História da AGAL Vídeo-homenaxe na súa xubilación en 2024 Entrevista pola súa xubilación en 2024
Categoría:Filólogos de Galicia Categoría:Reintegracionismo Categoría:Nados en Mañón Categoría:Nados en 1964 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores